Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fermín Bouza-Brey naceu o 31 de marzo de 1901 en Ponteareas. Alí residía a familia de súa nai e alí pasou curto tempo ata que, sendo aínda neniño, marchou a Vilagarcía de Arousa, de onde era a familia paterna e onde pasou o resto da infancia e primeira mocidade.
Logo de cursar o bacharelato en Pontevedra e Ourense, chegou a Compostela, onde estudou Filosofía e Letras (sección Historia) e logo Dereito. Foi nese tempo cando comezou a actividade literaria e galeguista pública, que non abandonou nunca.
E tamén foi nesa época cando, xunto a outros amigos, asistiu aos faladoiros do Derby e o Español e coñeceu, entre outros, un mozo delgado e de longo nariz que viña dende Mondoñedo e facía versos: Álvaro Cunqueiro. Naceu alí unha amizade que continuou sempre e que aínda os houbo xunguir en común andaina nas xornadas da Real Academia Galega, á que ambos pertenceron.
Bouza-Brey tivo unha evidente querenza pola Galicia do Sur. Aos nosos irmáns lusos foinos coñecer con intensidade e cordialidade xa en 1931, ano no que recibiu unha bolsa do Centro de Estudios Históricos de Madrid para viaxar ata Portugal e ampliar coñecementos nos eidos da Prehistoria e a Arqueoloxía. A partir dese momento, estableceu con aquela terra unha fraterna admiración que o levou, en 1955, a publicar, en ortografía portuguesa, Seitura, poemario que apareceu na Coleccão 4 Ventos da Livraria Cruz de Braga cunha cuberta de Roby Amorim.
Fica aquí testemuña dun grande do neotrobadorismo a outro señor da nova poesía cancioneiril nesta dedicatoria estampada no que foi o volume testamentario do poeta e etnógrafo.”
Dez editorias galegas amosarán as novidades en Boloña
Desde a Asociación Galega de Editores:
“O luns 30 de marzo dará comezo a primeira xornada da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, unha cita anual do sector do libro especializado na LIX. Malia estar nunha etapa de transición, en canto á futura convivencia de soportes para o libro e os cambios que iso conleva, os libros para rapaces manteñen o interese de todos os públicos. Os álbums ilustrados, auténticas alfaias artísticas, son os protagonistas principais desta mostra que amosa con moito orgullo aos mellores do ano. (…)
Nesta edición da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña estarán no stand patrocinado pola Consellería de Cultura, os libros das seguintes editoriais: Editorial Bululú, OQO Editora, Editorial Galaxia, Baía Edicións, Edicións Xerais, Hércules de Edicións, Nova Galicia Edicións, Editorial Everest Galicia, Kalandraka Editora e Edicións Embora. Participarán con desprazamenteo de editores á feira Nova Galicia Edicións, Kalandraka Editora, Editorial Linteo, McSport e OQO Editora. As editorias pontevedresas Nova Galicia e Kalandraka manteñen os seus espazos expositivos propios.”
Compostela: presentación de Ar de arestas, de Iacyr Anderson Freitas
A cuarta feira 1 de abril, ás 19:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase o libro Ar de arestas, do escritor brasileiro Iacyr Anderson Freitas. Posteriormente, e no mesmo acto, organizado polo Instituto Cultural Brasil-Galiza, terá lugar un pequeno recital poético do autor xunto a Concha Rousia.
Entrevista a Xosé Vázquez Pintor, autor da novela Antípodas
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego conversa co escritor Xosé Vázquez Pintor sobre a súa nova obra Antípodas, unha das súas novelas máis poéticas. O libro narra a historia de Plinio, un neno da inclusa que ten os ollos abertos cara ás antípodas. Na brevidade dunha noite e acompañado polo seu can, relata as circunstancias do seu mundo e a vida nunha cidade de mar. A entrevista completa pode verse aquí.”
Entrevista a Carlos Callón sobre Atravesar o fantasma
Desde Correo TV:
“Carlos Callón acude ao programa Santiago Si para falar de Atravesar o fantasma, o seu debut no mundo da poesía.” A entrevista completa pode verse aquí.
Álex Alonso gaña o XVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole con Tempos de bebidas isotónicas e fast-food
Rosa Enríquez: “O amor implica respecto, consideración, procura do entendemento. Non é adoración. É diálogo entre iguais. Iso é a política”
Entrevista de Montse Dopico a Rosa Enríquez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Espectros] está percorrido por espectros que poderían ser, se cadra, as pantasmas persoais das que cadaquén non consegue liberarse… Que son, para ti, esas pantasmas?
– Rosa Enríquez (RE): Hai un microrrelato de Juan José Arriola que sintetiza moi ben isto. “La mujer que amo se ha convertido en fantasma, yo soy el lugar de sus apariciones”. Os espectros constitúen a topoloxía do “irreal”, suceden nun espazo de intersección onde o tempo se dilata: na conciencia. Esta conciencia somos nós, así é que a espectralidade é unha creación que xorde na boca da ferida. Non podemos eliminar das nosas vidas esa ferida. Nin sequera as cicatrices, porque as cicatrices son feridas que dormen, que poderían abrirse en calquera intre. Tendo conta disto, da imposibilidade de acabar cos espectros, o desexábel sería aprender a convivir con eles -ou elas-, porque no propio desexo de os eliminar, vai implícita a creación dunha nova xenealoxía espectral, en relación a este desexo homicida. (…)
– MD: O libro divídese en varias partes, sendo a última delas o conxuro para escorrentar as pantasmas…
– RE: Hai un xogo coa estrutura, si. O libro en si, o conxuro, o fin do libro… Porque en todo momento se amosa a consciencia da imposibilidade de estar fóra do texto, un texto que non ten a vontade de ser un logos e estabelecer unha relación vertical coa impureza da contradición, poño por caso. Aquí non hai verdade absoluta, hai visións do que consideramos “real”. Teñen presencia pois as contradicións, as preguntas con resposta e sen ela, as dúbidas… Todo isto, ás dúbidas, as contradicións, esa idea tradicional do que é un libro de poemas, de como pode ser estruturado, xunto coas visións do “real” e mais do “irreal”, a confusión e tamén o desexo -talvez naïf, non o o sei…- de emancipación están diseminadas ao longo do libro, de xeito absolutamente horizontal. (…)
– MD: Se cadra ese é o tema principal do libro: a necesidade de repensar os afectos.
– RE: Si. Buscar o diálogo, o entendemento, cunha mirada amable e tender unha man aberta, sería ben máis construtivo para nós que o receo e a desconfianza. (…)”
Entrevista a Anselmo López Carreira sobre O Miño. Un caudal de historia
Desde Galicia por diante da Radio Galega:
“Entrevista a Anselmo López Carreira sobre O Miño. Un caudal de historia, publicado pola Editorial Xerais. Pódese escoitar completa aquí.”
Entrevista a Basilio Losada Castro
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Real Academia Galega nomea o profesor Basilio Losada Académico de Honra. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Cuestionario Proust: Celia Parra
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Celia Parra:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A creatividade e a ilusión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade, a intelixencia e o entusiasmo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que camiñemos xuntas.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e a indecisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– O cine.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir traballando no que me apaixona, rodeada das persoas ás que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non sabería dicir.
8.– Que lle gustaría ser?
– De nena quería ser inventora. Así, en xeral.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia, se a nosa lingua e cultura estiveran onde teñen que estar.
10.– A súa cor favorita?
– O violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Todas as que desprenden olor.
12.– O paxaro que prefire?
– Paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cortázar, Kundera, Suso de Toro.
14.– E na poesía?
– Moitas: Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Antía Otero, Berta Dávila, María Lado, Andrea Porto, Andrea Nunes, Olalla Cociña, Xesús Castro, Cristina Ferreiro, Cristina Peri Rossi…
15.– Un libro?
– Só un?, imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– O inspector Gagdet.
17.– Unha heroína?
– Momo, a fantástica nena creada por Michael Ende.
18.– A súa música favorita?
– De novo, moitas: podo pasar de Chopin a Guadi Galego, estancarme no jazz, empezar con Sés e rematar en Kusturica, estar moi de Ataque Escampe ou moi de bossanova. Depende do momento e do ánimo.
19.– Na pintura?
– Klimt, Hopper.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as mulleres que loitan polos nosos dereitos.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A envexa.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia e o machismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco. Entre outros moitos.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tranquilidade, a efervescencia e o estrés. E así sucesivamente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen da inocencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Pasiño a pasiño faise o camiño.”