Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O programa ZigZag-Eirado conta coa presenza do profesor, tradutor e investigador lucense Basilio Losada, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona e nomeado recentemente membro de honor da Real Academia Galega. Con esta distinción, a institución recoñeceu o seu labor incansable na defensa e na difusión da cultura galega tras emigrar cando era un neno a Cataluña, onde desenvolveu unha produción versátil que vai da investigación e o ensaio á crítica literaria, a tradución e a creación. A entrevista completa pode verse aquí.”
Roberto Salgueiro gaña o XVII Premio de Teatro Rafael Dieste con Como mil cachiños de vidro que a dor escurece
Desde
a Deputación da Coruña:
“A obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.
O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.
Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can). (…)”
A Estrada: presentación de seique, de Susana Sánchez Arins
A Guarda: lectura de poesía de Francisco Álvarez Koki
A Coruña: presentación de Xeixos, de Suso Lista
O
xoves 12 de novembro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora. No acto participa, xunto ao propio autor, o editor Miguel Toval.
Artes (Ribeira): Encontro de Creadoras no Barbanza 2015
Vídeo do II Día das Galegas nas Letras adicado a María Victoria Moreno
Desde A Sega:
Ourense: coloquio Narradores arredor de Carlos Casares
Madrid: presentación de Barthes filósofo, de Luís G. Soto
O
xoves 12 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa del Lector de Madrid, preséntase Barthes filósofo, de Luís G. Soto, publicado en Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, José Miguel Marinas.
Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez, por Armando Requeixo
Desde
Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pasado venres 6 de novembro tiven o pracer de acompañar a Toño Núñez na presentación do seu poemario Poemas de Amor en Outono no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti. Na mesa estiveron tamén Xosé Otero Canto e mais Bruno Máez, un como moderador e recitador e o outro na apoiatura informático-cinematográfica. Amais, o grupo Batital amenizou a velada interpretando diversos temas, un deles musicación dunha composición do libro que se presentaba e que ilustrou Miguel Anxo Macía. As palabras que seguen foron as que dediquei a introducir o libro de versos do poeta de Navia.
A poesía é o gran milagre do mundo, deixou escrito Luís Pimentel, poeta maior desta urbs romana que nos acolle. E é verdade. Sen a palabra que aloumiña o Tempo, ¿quen podería aturar os días avarentos?, ¿como celebrar as xeiras solares? Somos raqueiros da verba. Tiramos dela as enerxías necesarias para fundar o futuro, para guiar o presente, para honrar o pasado. Por iso, que nos convoque hoxe aquí a celebración destes Poemas de Amor en Outono de Toño Núñez é a mellor confirmación, máis unha vez, de que somos por obra e arte da palabra, a casa do ser, o miliario áureo a partir do cal cobra sentido a medición do que imos sendo.
Coñezo poucas persoas que posúan, en tan alto grao, a fe poética que Toño atesoura. Vencedor de todos os anxos soturnos do desalento, este meu amigo naviego conxurouse consigo mesmo para facer realidade unha arela: a de ver publicado este volume –en realidade un libro cd– na compaña dos seus amigos; a saber: o pintor Miguel Anxo Macía, responsable das ilustracións que visten estas páxinas; o fotógrafo e director de cine Bruno Máez, responsable das imaxes e montaxe do dvd que acompaña o libro; e o músico Carlos Díaz, encargado de facer vibrar sonoramente a palabra aquecida do poeta. Neste concerto, servidor tivo a fortuna de axudar a colocar o ramo cunhas palabras limiares, que son apenas unha salutación e desexo de boa fada para que estes Poemas de Amor en Outono se fagan ver de lonxe polo Fachinelo no peito dos letraferidos. (…)”




