A Sección de Crítica da AELG no Culturgal
A
Comisión Xestora actual da Sección de Crítica da AELG, coa intención de visibilizar a súa existencia e dinamizar as súas actividades, decidiu propor un encontro onde se lles dese voz a diferentes persoas, pertencentes ou non á propia sección pero representantes da práctica da crítica literaria galega en diferentes plataformas, medios e xéneros. Culturgal, a quen lle agradecemos a predisposición tan positiva que desde o primeiro momento prestou a esta iniciativa, será o espazo que acollerá esta mesa redonda que contará cunha breve participación de cada unha das persoas convidadas para logo abrirse ao debate co público asistente.
As persoas que foron convidadas a expor as súas experiencias no ámbito da crítica desde as súas particulares perspectivas, e que igualmente aceptaron con entusiasmo o convite, serán Lara Rozados -representante da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega-, Montse Pena Presas -como especialista en crítica de literatura infantil e xuvenil e colaboradora no “Faro da Cultura”-, Mario Regueira -crítico literario en Sermos Galiza– e mais Roberto Pascual, como representante da crítica teatral e colaborador en numerosas revistas teatrais. Ramón Nicolás será o moderador e presentador desta actividade.
Esperámosvos neste acto aberto.
Entrevista a Marta Dacosta no Instituto Cervantes de Dublín
Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas
O
sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.
Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014
Manuel Ferreiro: “A autoestima é fundamental para unha nación e as cantigas medievais poden contribuír a elevala”
Entrevista
de Carme Vidal a Manuel Ferreiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cando se abre o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa a sensación é a de estar diante dun traballo de moito tempo.
– Manuel Ferreiro (MF): Desde hai anos estou centrado no estudo lingüístico-filolóxico das cantigas medievais, un monumento literario da nosa historia e do occidente europeo. Trátase da nosa carta de presentación inicial do século XIII e XIV. As cantigas foron sempre estudadas desde Portugal e Italia mentres a dimensión de investigacións desde Galiza eran reducidas. Algúns eruditos como Xosé Luís Méndez Ferrín, Cotarelo Valledor ou Filgueira Valverde achegáronse a súa edición ou investigación con mellor ou peor sorte mais a erudición portuguesa e a escola italiana impuxéronse no seu estudo.
– SG: Que relevancia ten entón achegarse ás cantigas medievais desde unha visión galega?
– MF: Estou convencido de que cando os galegos nos achegamos ao noso patrimonio medieval lemos os textos doutra maneira porque forman parte de nós, non é pasto filolóxico, é o noso pasado, o que falaban os nosos devanceiros. Nesa liña de dedicación é na que compre situar este proxecto. Desde a Galiza non nos achegamos a estes textos como arqueoloxía. Son os nosos clásicos e temos que reivindicalos, actualizalos e interpretalos desde nós mesmos.
– SG: Que supón a publicación deste dicionario do léxico das cantigas?
– MF: Detrás hai toda unha prehistoria importante. O texto das nosas cantigas foi transmitido por manuscritos e a lectura é diferente segundo quen a faga. De aí tamén a importancia deste traballo. Onde un filólogo le unha palabra outro le outra. Non é como coa imprenta, que non hai dúbida da interpretación. Para este traballo collemos todos os textos, revisáronse todos os manuscritos e todas as lecturas que fixeron os diversos editores desde 1900 até hoxe, confrontáronse as máis importantes edicións de texto. Revisei e corrixín millares de lecturas que considero que estaban erradas e a partir de aí organizouse un glosario convencional mais que é exhaustivo, non deixa fóra ningún contexto. Non fai só relación de palabras e aparicións senón que en cada unha distínguense acepcións e usos, locucións, construcións, rexencias… un traballo complexo. Calquera persoa que investigue ou calquera persoa con interese pode consultar calquera palabra dado que é accesíbel na páxina web.
– SG: Polo que di, será unha ferramenta útil para futuras edicións?
– MF: Considero que pode ser un material de consulta para unha futura edición, alén de poñelo a disposición dos galegos e galegas ademais de contribuír a traballar con máis seguranza na fixación dos textos dos nosos devanceiros. Ao noso ver era tamén a única maneira de publicar o traballo. Se fose en papel andaría arredor das cinco mil páxinas co que a súa difusión noutro soporte sería moi difícil. (…)”
Vila Real, Portugal: presentación de Manual de Saudades, de Xavier Frías Conde
O
sábado 6 de decembro, sobre as 21:00 horas, no Traga-Mundos (Rúa Miguel Bombarda, 24–26–28), en Vila Real, Portugal, preséntase o libro Manual de Saudades, de Xavier Frías Conde, dentro do Festival 6 Continentes. No acto, xunto ao autor, participa Marília Miranda Lopes.
O diálogo entre Pepe Cáccamo e Baldo Ramos, Cara Inversa, preséntase en Culturgal na exposición Do papel ao xesto
Hildegart Rodríguez Carballeira e Vicente Risco protagonizan a novela Entrada ao xardín do saber, de Henrique Dacosta
Convocado o III Certame de poesía en lingua galega Manuel María da Casa de Galicia en Gipuzkoa
“A Casa de Galicia en Guipúzcoa convoca o III Certame de poesía en lingua galega Manuel María, coas seguintes
1. O poema estará escrito en lingua galega e terá un máximo de noventa versos e un mínimo de corenta. Admitiranse conxuntos de poemas de temática común sempre que non excedan dos cen versos
2. O poema enviarase nun sobre sen remitente nin indicación algunha referente a personalidade do/a autor/a ao seguinte enderezo:
Casa de Galicia en Gipuzkoa
Rúa Zabaleta, 28 – baixo
20002 – Donostia/San Sebastián
(Gipuzkoa)
Dentro, noutro sobre pechado, figurará exteriormente o primeiro verso do poema e no interior do mesmo sobre constará o nome, enderezo, número do DNI e teléfono do/a autor/a.
3. As obras que se presenten deberán ser inéditas.
4. Os poemas enviaranse por triplicado antes do día 2 de abril de 2015.
5. A organización nomeará un xurado composto por persoeiros relevantes da creación e da crítica e daranse a coñecer no momento de facerse público o fallo do xurado.
6. Os premios fallaranse o 9 de abril de 2015. Os poemas premiados serán editados pola Casa de Galicia da forma e no lugar que se estime axeitado.
7. Os premios consistirán en:
1º premio: 400 euros.
2º premio: 200 euros.
3º premio: 100 euros.
8. Os premios serán entregados na Casa de Galicia en Gipuzkoa unha vez realizado o fallo por parte do xurado.
9. O feito de participar supón aceptar a resolución do xurado así como as bases do certame. O xurado poderá declarar deserto algún premio.
10. A Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime oportuno.
11. Non se devolverán os orixinais.”

