A Coruña: Arquitecturas do poema, obradoiro dirixido por Dores Tembrás

Desde o blogue de Dores Tembrás, Sucos:
“Ao longo dos encontros tentaremos abordar o acontecer poético. E sempre a esixencia á palabra, o escrutinio ao que sometemos o poema.
Así “abriremos a navalla” algúns poetas da literatura universal, e en particular da literatura galega, que han de sinalar, subliñar, para admirarnos.
Pódese domésticar a linguaxe? A súa estructura? Pódese penetrar no sórdido, na emoción do sórdido, e calibrar os lindes ata os que podemos levar a imaxe?
Que é a beleza? Unha ilusión óptica? Unha actitude? Dúas palabras que firen?
Que pasa no poema? Que é o que nos importa no poema? Canta atención lle prestamos ao sen alento?
Sabemos cortar os versos? A medida? O ritmo?
Sabemos ler?
E o silencio? En que medida é posíbel producir o silencio no poema?
Ferramentas. Aprenderemos ferramentas para construir o texto. Pero sobre todo, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.
Esta é a proposta.

A inscrición inclúe master-class cun escritor recoñecido, titorías e galletas.
Sesión aberta e gratuíta o xoves 3 de outubro ás 20:00.

Duración: Trimestral (outubro, novembro, decembro).
Imparte: Dores Tembrás.
Días e hora: Dous grupos: martes ou xoves, de 20:00 a 22:00 h.
Lugar: The Room (Rúa Santiago, 7 – 15001 – A Coruña)

Máis información, consultas e matrícula en: eu@dorestembras.com.”

Convocado o XI Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria

XI CERTAME DE MICRORRELATOS LONXA LITERARIA

“Aterase ás seguintes bases:
1.- Os microrrelatos deberán estar escritos en galego normativo cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra RIZÓN.
2.- Convócase unha única categoría de participación á que se dotará dun premio dun lote de conservas da ría.
3.- Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dous accésits sen dotación económica. De non acadar a calidade necesaria, o xurado poderá declarar o premio deserto.
4.- Os traballos remitiranse en sobre sen remitente á LONXA LITERARIA, Centro cultural Daniel Castelao, Quintela s/n, 36950 Moaña, Pontevedra. Dentro deste sobre deberase incluír otro sobre co título do relato no seu exterior e os datos do autor ou autora no interior.
5.- Remitiranse tres copias de cada dos microrrelatos antes do 31 DE OUTUBRO DE 2013.
6.- O veredicto do xurado farase público o 22 de novembro do ano en curso. En decembro de 2013 farase entrega do premio que se debe recoller persoalmente ou por delegación expresa.
7.- A publicación do traballo premiado realizarase a través da páxina web desta asociación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro.
8.- O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado.
9.- O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura.”

Betanzos: presentación de As Crónicas de Bran (I). A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan

O venres 13 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase As Crónicas de Bran (I). A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños. No acto, xunto ao autor, participa Tucho Calvo.

Parlamento das Letras: Xosé Daniel Costas Currás

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Daniel Costas Currás no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): Neste momento, estamos monopolizados pola crise e todo o mal que se fai parece que está relacionado con ela. Independentemente dos problemas económicos, a cultura, a literatura, merecen mellores xestores políticos que crean en nós. Respecto á produción literaria, penso que se están facendo cousas ben interesantes, propostas diferentes, hai que seguir pensando a literatura como unha descuberta. Cando escoito ou leo poemas ou textos extraordinarios póñome feliz, porque me satisfai sorprenderme coa literatura. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XDCC: Atopo cousas que me gustan, outras que me fascinan e outras que sinxelamente non me gustan ou pasan desapercibidas, como en calquera sistema literario. Temos moito de escribir nós para nós, iso fai que a literatura teña un ton selectivo que prexudica a universalidade do texto. Estes anos saíron numerosas novelas dunha calidade excepcional, con moi boa acollida entre os lectores polos universos que crean. Observamos como aparecen ensaios que dignifican a nosa literatura, que a elevan pola calidade dos mesmos. En poesía hai moitísimas voces excepcionais acordes á calidade da nosa literatura. Mais, de xeito xeral, aparecen moitas inclusións literarias que semellan unha extensión das redes sociais. Por unha parte serven para difundir información literaria e por outra xeran unha gran cantidade de estados de ánimo que moitas veces se confunden con literatura. Hai que habitar esa fronteira e afastarse dela creando diferenciadamente. (…)”

Betanzos: presentación de Raíz e canto I, de Xulio López Valcárcel

O xoves 12 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o ensaio Raíz e canto I. Nomes para unha crónica vital e literaria, de Xulio López Valcárcel. No acto, xunto ao autor, participa Tucho Calvo.

A Coruña: obradoiro Destrofando poesía, dirixido por María Canosa

Destrofando poesía é un obradoiro literario dirixido por María Canosa en Polisemias, orientado á lectura crítica de diversos textos poéticos para proceder á súa análise, como base para a creación de textos poéticos. Abordará técnicas de mellora de lectura e dramatización de textos poéticos; modulación, conxugación de sinxeleza e grandiosidade da poesía como unha primeira aproximación; valoración da estrutura do texto, o contido, a emoción; a posta de manifesto da necesidade dunha actitude receptiva de cara ao poema, así como posibles mesturas da poética con outras artes e medios audiovisuais.
Metodoloxía: lectura de textos poéticos moi diversos, previos ao traballo da palabra. Relectura das creacións e composicións poéticas para a súa análise e mellora, respectando os distintos puntos de vista que cada lector faga do mesmo texto.
Buscar os propios lindes, difusos, á poesía e ao significado dos poemas.
Obxectivos:
Facer unha achega á poesía de maneira relaxada aos tópicos tradicionais: a rima, a puntuación clásica. En definitiva: deixarse seducir pola poesía.
Potenciar a escoita como primeira aproximación aos textos poéticos.
Converterse en críticos dos propios textos creativos. Atopar a propia voz lírica. Perder o medo.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: De outubro a decembro de 2013.
Horario: Todos os mércores, de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: obradoiro Cando dás coa palabra, dirixido por Estíbaliz Espinosa

O obradoiro Cando dás coa palabra, dirixido por Estíbaliz Espinosa en Polisemias, ten os seguintes:
Obxectivos:
Neste laboratorio de creación poética (e outras ciencias) a meta principal é perderlle medo, [mais non vertixe nin abraio] á páxina en branco. Xunto a iso, perderlle medo a escoitar a voz propia, a «sentir voces», evitando caer en clixés, oportunismos ou camiños de creación xa moi transitados.
Traballar a honestidade na palabra quizais somo sortilexio para traballar a honestidade no estar-no-mundo.
Tamén internarémonos por diferentes trucos, alquimias e estrataxemas ante o verso para conseguir unha unidade orgánica no poema. Esa criatura que, quizais inacabada, semelle acabada, ordenada e pecisa. Esa ilusión dos sentidos.
O recital ten como finalidade traballar a contundencia no noso propio discurso unha vez que se converte en palabra falada.
Programa:
0.1 Poesía clásica: buscando chegar ao fondo sen perder as formas. Ritmo. Métricas. Musa vén de Música. Safo de Lesbos. Meendiño. Lope de Vega. Rimbaud. Emily Dickinson. Rosalía.
0.2 A ruptura: verso libre non significa perder son. Walt Whitman. Nicanor Parra. T. S. Eliot. W. Szymborska.
0.3 Prosa poética. Virginia Woolf. Clarice Lispector. Pessoa. Bukowski. Ashbery.
0.4 Río de inspiración, factoría de estímulos, laboratorio de estilo. A literatura ten que morder.
0.5 Novos soportes. Twitteratura, literatura dixital, libros colectivos, revistas de creación, publicidade, audiovisual. Poesía e ciencia.
1.1 Recital poético cos traballos dos alumnos
Metodoloxía
O taller consistiría por unha banda no achegamento aos estímulos poéticos [os contidos] e por outra ás técnicas de escrita de poemas [as formas], dende as formas clásicas até fragmentos de prosa poética contemporáneos. Sempre dende unha perspectiva conciliadora, facendo da expresión poética non un sesudo tratado senón un traballo coa palabra que é válido para calquera, con ou sen formación. Buscamos esa torsión especial da linguaxe, ese punto de equilibrio entre disciplina e loucura, que aporta luz, ideas novas, se aceptamos que en expresións novas agóchanse tamén novas formas de ver o mundo.
O núcleo central estaría conformado polo traballo de escrita de poemas propios así como de lectura [tanto textos galegos como doutras literaturas] escollidos pola profesora, e a súa vivisección.
Así mesmo, un recital conxunto poñería punto final aos meses de traballo.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: De outubro de 2013 a xuño de 2014.
Horario: Todos os luns, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Cúmprense once anos da morte de Roberto Vidal Bolaño

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Hoxe cúmprense once anos desde que desapareceu Roberto Vidal Bolaño e a actividade arredor do Día das Letras decaeu considerablemente tras pasar o 17 de maio. Ao longo deste ano foi perfilándose unha imaxe na que gañou peso o nariz de pallaso como representación icónica e na que se ampliou o abano sobre os campos nos que Vidal Bolaño foi facendo profesión durante a súa vida: dese a escrita á interpretación.
Para a súa viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, este ano foi o da «insistencia sobre un Roberto Vidal Bolaño e a ocultación doutro que tamén existiu e que tamén foi importante».
Advirte Belén Quintáns que a coincidencia das celebracións do Día das Letras Galegas con todas as actividades relacionadas co sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos «prexudicou en canto a promoción e número de actividades as que se podería ter feito con Bolaño». Unhas actividades nas que, segundo Quintáns, «habería que ter en conta a relación literaria que Roberto tivo coa figura de Rosalía, que é máis que evidente».
Noutro sentido, estes once anos desde a desaparición do dramaturgo teñen un efecto estraño desde a perspectiva de Belén Quintáns porque, segundo explica, «hai ocasións nas que parece que se está falando de cousas que pasaron hai corenta anos, pero son cousas que pasaron hai ben pouco e algunhas delas aínda están ben vivas».
Para Belén Quintáns hai espazo aínda para «profundizar na súa obra e transcender algúns dos aspectos xerais».
Durante estes días a Escola Superior de Arte Dramática está celebrando, na súa sede de Vigo, Escénika, un congreso de investigacións teatrais que, nesta edición dedica unha parte do seu tempo á obra de Vidal Bolaño.
Por outra parte, Espello Cóncavo representará o vindeiro sábado no Teatro Colón da Coruña, Anxeliños!, unha das obras máis premiadas de Vidal Bolaño, as 20.30 horas.”

A poeta Elvira Riveiro gaña o premio Avelina Valladares

Desde La Voz de Galicia:
Elvira Riveiro Tobío é a gañadora da décimo sétima edición do premio de poesía Avelina Valladares. Así o acordou onte o xurado integrado por María Xesús Nogueira, David Otero e Xosé Luna -con Noni Araújo como secretaria-. Despois de hora e media de deliberación sobre os 27 traballos presentados, os membros do xurado decidiron por unanimidade concederlle o premio á obra presentada baixo o lema Corpos transitivos.
O fallo destaca «a indagación levada a cabo sobre a perda do territorio e do lugar, a reflexión sobre a escritura e o poema, a forza do discurso e a orixinalidade na creación de xogos verbais non exentos de ironía».
«A obra é capaz de profundar en cuestións contemporáneas como a perda do lugar e do territorio, a expropiación. É íntimo, pero tamén tén unha dimensión social», explicou María Xesús Nogueira, que tamén subliñou «a tensión da lingua» e a «ironía sutil que ás veces deriva en dimensión crítica».
David Otero relatou unha anécdota persoal coa poetisa en clave intuitiva. A gañadora participou hai uns anos na Festa da poesía da Estrada. «Cando a escoitei souben que para ela xogar era máis ca dicir palabras, era algo serio», dixo Otero. Cualificou o traballo de Riveiro como «poesía delicada, cristalina e chea de verdade que ós lectores alégranos os ollos, pero sobre todo a vida».
Xosé Luna lembrou que a gañadora será a pregoeira da próxima edición da Festa da poesía, que se celebrará en decembro. O poemario será publicado por Edicións Fervenza e distribuído entre os participantes na festa.
A gañadora viviu en Cequeril (Cuntis) tres anos e agora reside en Vigo. Ademais de escritora é mestra. Na Estrada ten impartido cursos de galego. Obtivo o primeiro premio no certame Rosalía de Castro de Cornellà no 2003 e gañou no 2011 o certame de poesía erótica Illas Sisargas.
Segundo Elvira Riveiro, o título do poemario «fai referencia ós corpos en mutación, que deben transmutar para adaptarse a este mundo». O poemario «fala da perplexidade ante este mundo» e agocha unha «crítica ó sistema capitalista, depredador e falsamente democrático, apostando por outra forma de vida».
Elvira Riveiro aporta unha visión crítica do momento e aposta polo inconformismo.”

Betanzos: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O mércores 11 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Xabier López.