Negreira: presentación de Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema

O mércores 29 de maio, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Negreira, preséntase o poemario Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, primeiro premio Xosé Manuel López Ardeiro de poesía, editado polo Concello de Negreira e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. No acto participa, xunto ao autor, Anxo Lorenzo.

O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño

A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Terá lugar o sábado 15 de xuño no Concello do Incio, a partir das 11:30 horas.
Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “A Veiga” e cuxo prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As persoas interesadas en asistir ao xantar deben confirmalo chamando, até o luns 10 de xuño -inclusive-, ao teléfono 981 133 233, ou enviando un correo electrónico a: oficina@aelg.org.

PROGRAMA

11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo.

14:30 h. Hotel-restaurante “A Veiga”, Samos (Estrada Samos-Sarria).
Xantar de Confraternidade. Aberto a Socios/as da AELG, á veciñanza do Incio e demais persoas interesadas.

LAUDATIO

Vigo: presentación de Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro

O martes 28 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, publicado en Xerais. No acto, participan, xunto ao autor, o ilustrador, Xosé Cobas, o músico Paco Ibáñez, quen tocará varios temas, Román Raña, Fran Alonso e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (X), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena. Á colaboración das dezaseis librarías habituais -Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia- súmaselle o concurso desde hoxe da libraría betanceira Carricanta. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
2º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos.
3º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz,  Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. Pastoral americana, de Philip Roth, Faktoría K de Libros (tradución de Fernando Moreiras).

POESÍA
-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
2º-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.
3º-. Carne de Leviatán, Chus Pato, Galaxia.

ENSAIO-TEATRO
-. Obras completas I e II, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
3º-. Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, de Roberto Pascual, Edicións Xerais.
4º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
-. Matriarcas, de Montse Fajardo, autoedición.

INFANTIL-XUVENIL
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
-. A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, A porta verde do sétimo andar.
3º-. Dragal II, de Elena Gallego, Xerais.
4º-. A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, Faktoría K de Libros (tradución de Carlos Acevedo).
5º-. Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda e Laura Veleiro, Galebook.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

Parlamento das Letras: Xavier Lama

Entrevista de Armando Requeixo a Xavier Lama no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xavier Lama (XL): Creo que lle falta un mercado receptor máis amplo e unha base lectora máis normalizada que trascenda as obrigadas lecturas escolares. E tamén máis autoestima e menos autonoxo social, máis apoios reais, máis rebeldías fertilizadoras, máis bágoas de verdade e menos paripé institucional, menos embiguismo, e boto o freo porque me estou lanzando…
¿Que lle sobra? Quizais vicios endogámicos deses que non gusta recoñecer.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XL: É un presente cunha valoración moi alta no campo da poesía e máis ca estimable en narrativa e teatro. Por exemplo, o ano pasado lin unha novela de Riveiro Coello, Laura no deserto, que para si quixeran ter como exemplo representativo da súa produción narrativa anual literaturas de moita maior proxección cá galega. Existe unha oferta moi plural e moi descoñecida para a maioría. A recepción é cativa con respecto ao potencial e é posible que as mil primaveras intuídas por un espírito luminoso non cheguen a ser tantas. Non sei… hai que seguir pensando que nos xardíns da mocidade aniñan reiseñores sediciosos. Non son optimista nin demasiado pesimista nestes tempos de crise esmagadora, de reality canalla que semella deseñado por un grande irmán perverso. Proclamados os infortunios, sigamos atrevéndonos coa esperanza. (…)”.

A Coruña: performance Só se derivas, arribas, con Antía Otero e Antonio Rodríguez

Antía Otero e Antonio Rodríguez Velasco, baixo o nome colectivo de derodríguez, plantexan para o Incoruña unha performance que durará ao longo de dous días e que se basa na deriva como lugar de recoñecemento e experimentación dentro da cidade da Coruña.
Dende dentro dun dos contedores colocados nos Xardíns de Méndez Núñez e ao longo de dous días, os 29 e 30 de maio, entre as 12:00 e as 22:00 horas, derodríguez recibirán individualmente a cada un dos participantes, e entablarán con eles un encontro de un a un, personalizado e intransferible durante 15 minutos, ao redor daqueles lugares da cidade elexidos previamente.
Se nos dis cal é o teu percorrido favorito pola cidade da Coruña, cóntasnos unha anécdota que che ocorreu en este ou aquel lugar ou simplemente nos falas daqueles espazos que para ti evocan algo ou que transitas tódolos días….Nós faremos que volver a camiñar por eles se convirta nunha experiencia nova a través dun paseo virtual, dun concerto personalizado, dunha reivindicación do anecdótico como paisaxe.
Un encontro individual a través do presente, da improvisación e da cidade.
Para inscribirte e poder participar nesta experiencia diseñada individualmente para ti, pedímosche que nos escribas ao correo derodriguez@incoruna.es : comentándonos cal dos dous días che ben mellor encontrarte con nós (29 ou 30 de maio), e contándonos de que punto a que punto da cidade da Coruña vai o percorrido que elixirías para que nos diseñemos a túa experiencia, intervindo e performando sobre el.
A data límite para inscribirse será o 28 de maio ás 00:00 horas.”

Unha ruada de papas e o unto, de Roberto Vidal Bolaño

Desde Cultura Galega:
“Co gallo do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega editou este facsímile, que agora podes descargar de balde, da obra de teatro Ruada das papas e o unto. A obra foi estreada por primeira vez nas Pontes en 1981 por parte da primeira compañía de Vidal Bolaño, Teatro Antroido, e vale para comprender a traxectoria teatral e intelectual de Vidal Bolaño. Como sinala Inma López Silva nos textos introdutorios, Vidal Bolaño buscou as raíces do teatro galego nas manifestacións populares parateatrais, coma o Entroido. O resultado: este fermoso mecanoscrito que nos achega ao coidadoso proceso creativo de Vidal Bolaño.”