O
Concello do Grove convoca a XX edición do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, galardón literario convocado desde 1992, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores, a través dun convenio coa editorial Sotelo Blanco. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora pola editorial Sotelo Blanco.
Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases, que se poden consultar na páxina web do Concello do Grove, establecen o prazo límite de presentación dos traballos o 15 de agosto.
Os textos han ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de dou mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas especialistas en literatura. Un deles será o gañador da edición anterior do premio, que é Juan Tallón pola obra Fin do poema, dúas persoas nomeadas polo Concello do Grove, e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio é único e outorgarase por maioría simple dos votos.
Vigo: faladoiro sobre Maruja Mallo: a pintura da nova muller, de Carlos L. Bernárdez, con Marga do Val
O
martes 19 de marzo, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública Central de Vigo (Rúa Joaquín Yáñez, 6, 2º andar), terá lugar unha nova edición do Faladoiro de libros con…, coa presenza de Carlos L. Bernárdez, quen dialogará con Marga do Val sobre a súa obra Maruja Mallo: a pintura da nova muller, publicada por Nigra Trea no 2010. O acto está coorganizado polo Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo e a Concellería de Igualdade.
Finalistas do I Premio Muíño do Vento de textos de contraportada
“Reunido o xurado do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Candela Lobeiras Barro, Marisol Soto Prieto e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen; O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, e Verdedades, de Yolanda Castaño.
A entrega do premio, que consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela, terá lugar o día 4 de maio no transcurso dun acto músico-festivo ao que fai referencia o punto 10 das bases do premio.”
Pontevedra: Seis barbudos, no Salón do Libro
O
martes 19 de marzo, ás 18:30 horas, no Salón do Libro de Pontevedra, que se celebra na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, terá lugar o espectáculo interactivo Seis barbudos, baseado no libro do mesmo título de OQO Editora, coa participación de María Lado e Lucía Aldao, acompañadas dos músicos do Seminario Permanente de Jazz. A idade recomendada é a partir de 3 anos. O prezo da entrada é de 3 euros (á venda no Pazo da Cultura unha hora antes do comezo da función).
Convocado o XI Certame de relato curto en galego Concello de Mugardos
O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a undécima edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos.
Primeira:
Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003). O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
Terceira: Estabelécense tres categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
– Categoría de iguais ou maiores de 18 anos; premio un bono de 400€.
– Categoría de 13 a17 anos, ambos inclusive; premio un bono de 200€.
– Categoría de ata 12 anos, inclusive; premio bono 100€.
O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.
Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria a que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que deberá conter no seu interior os datos dos autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono) e fotocopia do documento de identidade ou pasaporte, así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
Quinta: O prazo de entrega dos relatos é do 18 de marzo ata o 15 e abril, ambos inclusive.
Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: XI CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avda. de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galegas, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor, podendo cederlle ao premiado/a o uso e reprodución. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.
Mugardos, decembro 2012
Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (IX)
24. Queridiña dos meus ollos (IES de Salvaterra de Miño)
O vídeo pode visualizarse aquí
25. A Roberto Robert redactore da Discusion, a quen lle gustan os contos i o gallego (IES Xulián Magariños, Negreira)
26. -Meniña, ti a máis hermosa (CEIP Belesar, Baiona)
Parlamento das Letras: Mario Regueira
Entrevista
de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”
Marín: presentación de Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor
O
venres 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Museo Manuel Torres de Marín, preséntase o libro Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor, publicado por Edicións Morgante. No acto, promovido por Queremos Galego, participan, xunto ao autor, Anxa Correa.
Xabier López López: “Escribir é declararlle a guerra ao mundo”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xabier López, en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Nunha autobiografía súa confesa que na súa narrativa hai un peso determinante da memoria colectiva…
– Xabier López (XL): Ben, en certa medida todos somos «terminacións» (ía dicir «nerviosas») dun organismo cuxa existencia se perde na noite dos tempos. Aínda cando afirmemos a nosa máis rotunda individualidade, non podemos esquecer de onde vimos e que boa parte, por non dicir a práctica totalidade da nosa «equipaxe» xa a levaron outros antes. E na literatura, creo, isto é aínda máis evidente. (…)
– RN: No seu último libro, Cando Artur non era rei, retorna á narrativa xuvenil. Que Arturo retrata aquí?
– XL: Pois, aínda que a novela sexa moi pouco ou case nada «cunqueiriana», algo parecido ao que se propuxo retratar Cunqueiro n´As mocedades de Ulises: un heroe antes de ser heroe, un heroe «adolescente». Arturo coroouse aos 16 anos, polo visto, pero aínda así podemos encontrar espazo abondo para un tempo de aprendizaxe.
– RN: A literatura pode espertar conciencias, simplemente divertir ou mesmo anestesiar. É precisa hoxe unha actitude belixerante dende a creación literaria?
– XL: Nun relato d´Os libros prestados, precisamente, un personaxe sostén que o verdadeiramente importante non é o que se escribe, senón o como, o porqué, o propio acto da escritura. Independentemente do que escribas, e da finalidade con que o fagas, o propio acto de escribir é declararlle a guerra ao mundo. Se aínda enriba o fas dende unha lingua minoritaria, e o que é peor, minorizada… (…)”.
