Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Na última entrega de Biblos que estes días comeza a se distribuír -revista, por certo, que completa sesenta números que viron a luz ao longo de dez anos-, dou a coñecer, na habitual sección «Breviario», unha listaxe do que considero como o máis salientable no eido da narrativa galega publicada este ano pasado. Como sinalo no comezo faltan, con certeza, outros títulos, e mesmo algúns que foron moi do meu agrado. Velaquí o artigo:
‘Coma sempre, ao comezar un novo ano e botar a vista atrás resulta inevitable revisar o que se leu, e compendiar ao que meu xuízo foi o máis salientable. Velaquí un top 10 de carácter persoal, loxicamente, sen orde de prioridade e que se centra na narrativa publicada en lingua galego o ano pasado. Asumo que nel non se inclúe todo o que realmente me gustou, alén de dúas ou tres novelas aparecidas no momento en que isto redacto e que poderían modificar esta escolla. Dun ou doutro xeito aquí está:
1. As voces baixas, de Manuel Rivas. Deses libros que resoan na memoria de quen o le, pola intensa brillantez con que foi escrito, pola sinceridade e emotividade que desprende.
2 A forma das nubes, de María López Sández. Premio Narrativa breve Repsol 2011. Ao meu ver unha das sorpresas do ano dunha autora de extraordinario potencial.
3. Palabras de auga, de Marcos Calveiro. Premio Merlín 2012. Unha historia estremecedora e comprometida para afondar en realidades que non vemos ou non queremos ver, tamén na propia condición humana.
4. En vías de extinción, de María Reimóndez. Novela que sabe a liberdade, que arrecende talento, sempre nos camiños da heterodoxia e a reflexión: imprescindible.
5. Verde oliva, de Xavier Alcalá. Experiencia e sabedoría narrativa para afondar con brillantez nos días previos da chegada de Fidel Castro ao poder.
6. Dúas letras, de Fina Casalderrey. Un libro que é un luxo: un relato poderoso e milimetrado que inspira unha magnífica curtametraxe.
7. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Á sombra dos mitos da Materia de Bretaña, unha reflexión magnífica sobre os conceptos da impunidade e da culpa.
8. O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo. Retratar a paisaxe e os sentimentos da vida cotiá desde a perspectiva de alguén, que só é quen de outeala, non é doado e o autor é quen de emocionar.
9. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo. A proposta incorporou tantos lectores á narrativa de noso que só por iso xa é de agradecer. Ademais, non lle falta pericia narrativa, talento e engado. Outra agradable sorpresa da tempada literaria.
10. 15.724, de Xesús Constela. Cun substrato que é unha alegación contra as oligarquías e a pena de morte, o autor ofrece un espléndido exercicio narrativo que non decae nin na derradeira páxina.’
Vigo: investidura de Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa pola Universidade
O
luns 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o escritor Agustín Fernández Paz será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo o día de San Tomé de Aquino. Actuará como padriño o Vicerreitor de Extensión Universitaria, o profesor Xosé Henrique Costas González.
Miño: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O
sábado 26 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Centro Social da Rúa de Miño, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Camilo Franco presenta o seu último experimento: Queres ser, ou non, un personaxe de teatro
Entrevista ao director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez, sobre Francisco Fernández del Riego
Manuscritos: Xavier Alcalá
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Rianxo: presentación de María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco
O
venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, La Voz de Galicia, Edicións Laiovento, e o Concello de Rianxo convídante á saída do número 81 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación da obra María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco. No acto estarán presentes, xunto á autora, Francisco Pillado, Xoán Hermida, Xesús Laíño, Che Tembra e Adolfo Muíños. No mesmo acto terá lugar a proxección do vídeo Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola Terra, de Pablo Ces. Previamente procederase á inaguración da exposición de Escultura en Ferro do rianxeiro Che Tembra.
O dramaturgo Eloxio R. Ruibal fala de Roberto Vidal Bolaño
A Coruña: presentación de Esplendor arcano, de Ramiro Torres
O
venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Esplendor arcano, de Ramiro Torres. O acto consistirá nun acto do Grupo Surrealista Galego, onde haberá un recital colectivo de poesía, aberto á participación do público presente, acompañados pola música de Karlos Barral e Alberto Laso.
Convocado o Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco 2013
Coa finalidade de destacar a importancia que tiveron as relacións entre intelectuais galegos e portugueses nas primeiras décadas do século XX, a Fundación Vicente Risco e a Câmara Municipal de Amarante, co respaldo científico das universidades de Santiago de Compostela, Porto, Minho, A Coruña, Vigo, e Trás-os-Montes-e-Alto-Douro, promoven o Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco.
Este premio procura homenaxear os dous intelectuais (representantes, respectivamente, do saudosismo / universalismo portugués e do nacionalismo galego da Época Nós), mais tamén todos aqueles que, a través da prensa escrita, traballaron e traballan a prol da aproximación e encontro de Galiza e de Portugal, e da construción da cidadanía europea.
1. Son admitidos a concurso textos de xornalismo literario, publicados en xornais ou outros periódicos en papel, escritos en lingua galega ou portuguesa, independentemente do país en que fosen publicados.
2. Por “xornalismo literario” enténdese o conxunto de textos curtos de variábel extensión, publicados na prensa periódica, cos obxectivos de informar e formar os cidadáns e cun criterio estético de excelencia literaria.
3. Cada concorrente debe enviar a concurso:
a) Tres textos en reprodución facsímile (cada un deles terá entre dous mil e seis mil caracteres), agrupados nun único dossier, publicados entre 1 de xaneiro e 31 de decembro do ano inmediatamente anterior ao da atribución do premio.
b) Un documento fechado con identificación do concorrente (nome completo, N.I.F.) e contactos persoais (teléfono e e-mail), ao que se deben engadir os datos da publicación dos artigos enviados a concurso (nome do periódico e data) e, caso de que o autor use pseudónimo, unha declaración do periódico que permita garantir a súa autoría.
4. Os textos a concurso deben ser enviados no ano de convocatoria do premio, entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril, aniversario do pasamento de Vicente Risco. O envío, identificado como PREMIO DE XORNALISMO LITERARIO LUSO-GALEGO TEIXEIRA DE PASCOAES E VICENTE RISCO, debe ser feito para o seguinte enderezo electrónico: secretaria@fundacionvicenterisco.com.
5. O xurado comporase de sete persoas singulares, propostas polas seguintes institucións: tres polas universidades galegas e tres polas universidades portuguesas (enriba referidas), a que se deberá xuntar unha figura de prestixio do mundo das letras e das artes (a designar alternativamente pola Câmara de Amarante e pola Fundación Vicente Risco).
6. O valor do premio é de seis mil euros.
7. A presentación dos textos ao Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco presupón a aceptación destas Bases e a cesión dos Dereitos de Autor para unha eventual publicación.
8. O xurado reunirse antes do 2 de novembro, aniversario do nacemento de Teixeira de Pascoaes.
9. A entrega do premio terá lugar, alternativamente, en Galiza e en Portugal, durante unha sesión cuxa data se anunciará.
10. A decisión do xurado non admite recurso, cabéndolle a interpretación deste regulamento e a consideración de eventuais casos omisos.
Adenda: Na edición de 2013, e excepcionalmente, a entrega dos textos a concurso será extensiva a 30 de maio.

