Compostela: presentación de Brandomil. Vila soterrada, de Lino Gorgoso e Abel Vigo

O 4 de abril, ás 19:00 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, preséntase o libro Brandomil. Vila soterrada, dos arqueólogos Lino Gorgoso e Abel Vigo, editado pola Fundación Brandomil. Os autores estarán acompañados por Manuel Muíño, alcalde do concello de Zas, e polo escritor e xornalista Lois Oreiro.

Antón Baamonde e Daniel Hermosilla: “A imaxe que os propios galegos creamos de Galicia como un país atrasado e sen industria fainos perder posibilidades”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Antón Baamonde e Daniel Hermosilla en Praza:
“(…) – Praza (P): Primeiro de todo, quería saber como nace este libro e, ademais, como xorde este encontro entre os dous: un empresario do sector dos prefabricados do formigón e un ensaísta e licenciado en Filosofía?
– Antón Baamonde (AB): O libro foi unha iniciativa de Daniel que parte, en realidade, do meu anterior libro. Despois dunha presentación de Unha nova Olanda comezamos a falar e el comezou a debullar unha chea de empresas galegas punteiras das que en moitos casos eu non tiña idea. E sinalou que sería boa idea publicar un libro que espallase a idea de que Galicia é algo moi distinto do que moita xente pensa que é, algo que enlazaba perfectamente co que eu estaba contando en Unha nova Olanda.
Galicia non é o que moita xente ten na cabeza, o marco mental ten que ser transformado. Eses estereotipos non son en absoluto válidos co que Galicia é na actualidade, pero tampouco co que Galicia era hai unhas décadas e, de feito, hai moitas análises que xa veñen corrixindo aquelas visións erradas. A realidade é que Galicia leva moito tempo sendo un país moi semellante a calquera territorio da nosa contorna europea.
– P: Para ben e para mal…
– AB: Para ben e para mal, efectivamente, porque ás veces hai unha concepción excesivamente amable do que é Galicia e do que foi o pasado de Galicia. Ou se pensa Galicia como un territorio atrasado onde nada moderno pode desenvolverse, ou como todo o contrario. Este empirismo, este intento de ter unha visión máis real e máis próxima á realidade, supón a destrución de determinados mitos que están moi establecidos e que fan que mesmo a día de hoxe non sexamos capaces de recoñecer o país que temos diante.
Unha Nova Olanda buscaba constatar o que todos os datos afirman: que Galicia é unha sociedade urbana e que é urbana non só a sociedade da Coruña ou Vigo, senón a de calquera concello. Integrar iso no esquema mental parecíame importante. E tiña, ademais, un lado proactivo e propoñía tecer en Galicia unha rede urbana, semellante á existente nos Países Baixos, onde non hai unha gran cidade como Madrid senón unha rede de cidades que se complementan e compiten e multiplican os contactos e as posibilidades de todas elas. As cidades son laboratorios de creación de ideas, de xeración de valor, as cidades son o lugar, como dicía Jane Jacobs, o lugar no que pasan as cousas. (…)”

A xanela de Gálix. Celia Díaz Núñez

Entrevista a Celia Díaz Núñez en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Celia Díaz Núñez (CDN): A maior fortaleza é a ampla variedade de voces e de temáticas en todos os xéneros e tamén o recoñecemento da súa calidade mediante premios literarios, presenza en listas internacionais, etc.
A debilidade maior é a escasa visibilidade e a falta de promoción que permita consolidar un lectorado independente das propostas escolares. A normalización da lingua vai parella á da literatura en galego e as dúas apóianse mutuamente, nestes eidos queda moito camiño por percorrer.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
– CDN: A aparición de novos formatos e soportes de lectura, a maior presenza do teatro nos catálogos das editoriais, o aumento das traducións, a proxección e recoñecemento exterior dos e das autoras e ilustradoras, o interese da crítica por unha literatura que ata non hai moito se consideraba menor, o desenvolvemento dos clubs de lectura nos centros de ensino como instrumento de animación á lectura.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– CDN:A LIX cada vez é moito máis coñecida e valorada, pero de maneira desigual. Hai un sector moi implicado: librarías, bibliotecas públicas e escolares, profesorado… Noutros ámbitos o coñecemento e o interese é moito menor. (…)”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín arredor de En espiral

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín no Diario Cultural da Radio Galega:
““Como autor síntome implicado con mil voces”. Publícase En espiral, a antoloxía poética escolma a obra do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. A entrevista pode escoitarse aquí.”