A Coruña: presentación de Manar, de Lino Braxe

O 15 de marzo, ás 19:30 h, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase Manar, de Lino Braxe, publicado por Edicións Proscritas. No acto intervirán Alexandrina Fernández Otero, Sabela Hermida, Luma Gómez e Manuela Varela. As persoas asistentes a esta presentación levarán de agasallo un exemplar da publicación. Poden inscribirse aquí.

Ramón Nicolás: “Reducir a don Paco a 140 páxinas non é xusto, foi todo un reto”

Entrevista de Ana Abelenda a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cóntenos como se coñeceron nos 90.
– Ramón Nicolás (RN): Por volta do 90, decidín compilar textos xornalísticos de don Paco, que durmían no esquezo nas hemerotecas. El aínda non publicara o seu libro de memorias Un río no tempo. Comecei preguntándolle cousas que son inocentes, pero daquela eu non tiña o coñecemento, por exemplo, de si el tivera que ver coa aprobación do Día das Letras Galegas por parte da Academia. Ao lado da compilación de textos, quería facer unha parte biográfica. Mandeille unha carta e convidoume a ir á Penzol. Eu fixen o traballo, fixen tamén unha copia que enviei a un concurso e non resultou premiado. O premio foi coñecelo.
– LVG: Custoulle comprimir a longa e intensa vida deste «obreiro» da cultura galega?
– RN: Facer un libro sobre don Paco en 140 páxinas non é xusto! Merecía un libro de mil páxinas, e quedaría curto… Reducilo a 140 páxinas foi todo un reto para min.
– LVG: O seu galego, confesa, mellorou grazas a un libro de don Paco. Cal é?
– RN: Sendo eu moi noviño, caeu nas miñas mans o Vocabulario castellano-gallego, unha axuda para que todo o mundo fale galego con dignidade. Xa que o meu entorno non era galegofalante, ese libro resultou clave. El ten unha obra de carácter divulgativo moi importante, como ese Diccionario de escritores en lingua galega, que durante anos foi o único manual que había accesible, actualizado, sobre os escritores e escritoras galegos. (…)”

“Decálogo da novela”, por Xurxo Borrazás

Desde Euseino? (Foto: “A tenda de a peso e a patacón”, cartel da Works Progress Administration (EUA), ca. 1941.):
Dos novelistas que comezaron a publicar na década de 1990, Xurxo Borrazás é un dos que máis leva escrito e reflexionado sobre o oficio de escribir e, en concreto, de escribir novelas. Non só nos seus libros de ensaio senón tamén na súa obra novelística, o autor de Brevedume non deixa de debullar o xénero literario da novela, arrincando camada tras camada ata que o miolo queda ao aire e os sucesivos estratos expostos ante a ollada de quen le. Neste decálogo, Borrazás consegue sintetizar todo o seu aparente escepticismo non para entregar unha síntese, máis ben para ditar unha sentencia: a da morte da novela como afirmación de que a ficción soamente como cadáver pode existir. Ao contrario da maioría das narradoras e narradores actuais, desta segunda década do século no que vivimos, a persoa que escribiu Eu é consegue extraer vida dun obxecto morto, é quen de representar o que para el —e para uns cantos máis, non para a maioría— é un ente inerte. A novela. Decididamente, o que interesa de Borrazás non é que sexa un bo rapaz senón que é un bo escritor.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Cigarros de chocolate
1) Chegamos tarde. A novela morreu efectivamente hai tempo, non de maneira traumática senón coma eses anciáns que un día aparecen momificados na butaca fronte ao televisor e levan alí tres meses. Chegamos tarde e os escritores de novelas que se cren vivos están un pouco mortos. A xente respéctaos igual que se persigna ao cruzarse cun enterro, por superstición.
Un cadáver tende a cheirar e o da novela fíxoo no primeiro terzo do século XX. Os que a partir de entón a cultivamos somos Norman Bates a custodiar a momia da nai recluída no soto, falándolle e falando por ela, penteándoa, vestíndoa e recibindo as súas instrucións de eliminar todo atranco á nosa relación edípica. Hai, con todo, quen prefire pensar que a novela non morreu, só cheira raro.
2) Hipóteses. O asunto de que a un lle deixen de gustar as novelas tense debatido arreo sen chegar a conclusións, só a hipóteses. Non vos riades pero isto ocórrelle a moitas persoas pola volta dos cincuenta, unha especie de menopausia ou andropausia literaria, cando a mente comeza a tirar do corpo como dunha carga e non ao revés, como acontece na xuventude.
É unha hipótese. Pouco convincente porque leva a pensar que quen continúa a ler e escribir novelas está en mellor forma que quen se inclina por outros xéneros, e non é necesariamente así. (…)”

Lugo Philadelphia, os Rollings como inspiración poética

Desde a Televisión de Galicia:
“Este poemario nace dunha viaxe dende Lugo a Philadelphia, pasando por Nova York para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Así naceu o libro Lugo Philadelphia, que une os poemas de Lois Pérez e as fotografías de Alba Díaz. Un traballo conxunto editado por Xerais. A entrevista pode verse aquí.”