Bases do III Premio de Novela da Galicia Rural

“Entre os grandes retos que debe afrontar a Galicia de hoxe en día cómpre destacar a procura de alternativas para o desenvolvemento do rural de cara a garantir o seu futuro e adecuación ás novas realidades do século XXI, sen que iso derive na perda das súas tradicións, identidade e cultura. Así mesmo, considérase preciso potenciar a defensa da lingua galega e a promoción das actividades culturais no ámbito local. Neste sentido, co obxectivo de promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria, o Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, convoca o III Premio de Novela da Galicia Rural. Trátase dunha convocatoria dirixida tanto a autores e autoras xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a poñer en contacto aos lectores e lectoras co presente, o pasado e, especialmente, co futuro do mundo rural galego.

BASES

1. Poderán optar ao III Premio de Novela da Galicia Rural aquelas autoras e autores que presenten novelas orixinais e inéditas, non publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico, escritas en lingua galega segundo a normativa RAG/ILG, que sitúen a súa trama na Galicia rural ou que concedan a esta un protagonismo relevante na narración.
2. As obras deberán ter unha extensión mínima de 100 páxinas (formato A4), en letra Times New Roman 12, interliñado 1,5 e marxes inferior e superior de 2,5 cm e marxes esquerda e dereita de 3 cm.
3. Cada proposta deberá ser presentada exclusivamente en papel, entregándose 6 copias, impresas a dobre cara, debidamente encadernadas baixo lema e sen ningún dato que identifique á autora ou autor. No envío incluirase un sobre pechado que deberá conter no exterior o lema elixido e no seu interior os datos de autoría correspondente: Nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono de contacto e unha declaración xurada na que se indique que se presenta unha obra totalmente orixinal e inédita. Estas propostas serán enviadas ao Concello de San Xoán de Río, Praza Gabino Rodríguez Álvarez, 1, 32770, San Xoán de Río, Ourense, indicando no exterior do sobre III Premio de Novela da Galicia Rural.
4. As propostas serán enviadas antes do 15 de decembro do 2022 e o ditame do xurado farase público no mes de febreiro do 2023.
5. O premio consistirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia, unha contía en metálico de 2.000€, máis a entrega dun diploma acreditativo, que será entregado nun acto público organizado polo Concello de San Xoán de Río e ao que se compromete a asistir o/a galardoado/a. A contía do premio considerarase unha entrega á alzada en concepto de adianto polos dereitos de autor. O gañador ou gañadora comprométese a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos. A Editorial Galaxia resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares, da primeira edición e reimpresións, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición tanto da segunda e seguintes edicións en lingua galega coma da súa tradución a outros idiomas.
6. Formarán parte do xurado cinco persoas pertencentes ao ámbito da crítica, a escrita, o ensino e o estudo da lingua galega, máis un secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, en representación do Concello de San Xoán de Río. O premio será outorgado á obra que reciba o maior número de votos. Comunicarase a composición do xurado tras o peche da recepción de orixinais.
7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado oestime oportuno por non reunir as obras a calidade necesaria ou noncumprir cos obxectivos da convocatoria. Esta decisión, así como a concesión, serán inapelables.
8. Os orixinais non premiados serán destruídos, salvo que os autores/as acudan ao Concello de San Xoán de Río a recoller os orixinais no prazo de 15 días despois da resolución do certame. En todo caso, non se devolverán por correo postal.
9. A participación nesta convocatoria require a plena aceptación das normas contidas nas presentes bases.”

Berta Dávila: “Os amores máis fondos son ambiguos sempre”

Entrevista de Ana Abelenda a Berta Dávila en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seres queridos é un trago breve que non sabes moi ben como te deixa. Cadaquén conclúe a novela como quere?
– Berta Dávila (BD): Si. Habitualmente as lecturas dos outros son sempre soberanas, non? O importante, no fondo, é que a novela signifique algo para alguén. É un libro escrito desde a vontade de espir o estilo, un libro nu que cada lector recolle no lugar onde o quere recoller.
– LVG: Ispe o estilo e o vínculo da nai co fillo; o escuro vínculo da muller cos seres queridos.
– BD: Cos seres queridos e cos non queridos. Este é un libro sobre a elección, sobre a escolla de non ser nai por segunda vez.
– LVG: A miña eu convencional ve difícil entender como unha «boa nai», comprendida como esa que non edulcora o vínculo co fillo, e á que lle custou ser nai, elixe non selo cando a vida a sorprende coas dúas raias no predictor.
– BD: O que ela constrúe co fillo é iso, un amor construído. Non é un amor instantáneo nin imantado, non é un amor vocacional. Todos os amores que son fondos son ambiguos sempre, porque teñen esa parte de luz e esa parte de sombra. Quen foi nai sabe o que significa selo. Para min isto é relevante: a elección dun afecto é tamén o afecto máis sincero.
– LVG: Mais na elección dese afecto intervén todo un sistema perverso. A primeira achega deslumbrante de Os seres queridos é esa estrañeza da nai cando nace o fillo. Cando el nace, a que ela era ata o momento desaparece de súpeto, pasa a ser «a nai».
– BD: A novela a onde pretende apuntar é a ese cambio identitario, a ese pasar a ser outra cousa distinta dun momento a outro. Parece unha cousa natural; de feito, todos os días as persoas teñen fillos!, pero hai sempre un punto de estrañeza…
– LVG: Dá pudor ou medo admitilo. Para vencer esa barreira, está a literatura?
– BD: A literatura ten un papel que xogar mostrando as partes raras da experiencia. Se eu quixese facer un discurso do que para min é a maternidade, non faría unha novela. O que quería aquí era contar unha pulsión, un punto de vista, un recanto. (…)”

Entrevista a Suso de Toro en Nós Diario (2022)

Entrevista de Antón Escuredo a Suso de Toro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Preocúpalle o que lembrarán de vostede cando non estea?
– Suso de Toro (ST): Non hai porque esconder a realidade da nosa vaidade. O escritor nace do seu propio narcisismo. No meu caso espero que duren os textos, polo menos algúns libros. Supoño que o libro aínda ten duración no soporte que sexa e sobrevivirá. Eu preferiría que fose en forma de libro. Despois de contrastar con outros soportes, para un texto segue a ser o mellor.
De maneira dominante, unha parte miña bastante importante é a de estar hoxe na sociedade opinando, a través da palabra, en asuntos da vida social. Loxicamente iso desaparecerá. O que se pretende é cambiar o que acontece mais a ambición do escritor está na obra, non está na pretensión da actualidade.
– ND: Un debate recorrente sobre a lembranza de escritoras e escritores despois da súa morte son as restricións que marcan as homenaxes polo Día das Letras Galegas.
– ST: Ao redor desas homenaxes que fai a Academia hai moitos debates. Eu, particularmente, levo defendendo desde os anos 80 que, sen quitarlle á Academia que escolla cada ano a quen decida, é importante celebrar as nosas Letras doutros modos. Que non estea asociado co pasado e cos mortos, senón que o que faga é pór en valor a vida que ten a creación na nosa lingua. Hai que buscar outro modo de celebración e é algo que levo moito tempo afirmando e agardo que algún día se faga. Falo dunha celebración social, na que participen entidades e mesmo empresas mais que celebre as vitalidades das creacións da nosa cultura. O exemplo do Sant Jordi é o dun éxito. Como celebrar a cultura e máis a vizosidade dunha industria unido a unha celebración cívica. Iso paréceme unha fórmula excelente, de grande éxito. Habería que pensar algo semellante, non digo o mesmo, pois hai que buscar algo propio.
Outro debate son as figuras que se escollan. Nese tema non me meto, son propostas académicas. Ás veces esa celebración serve para recuperar unha figura, pór en valor a alguén que doutra maneira podería ser esquecida. Revitalízase, polo menos momentaneamente durante un ano. Outras veces o resultado é desastroso se escollen unha figura con pouca ou nula entidade literaria. Nese caso o que están transmitindo é a mensaxe de que é unha reivindicación puramente política e non hai nas nosas letras unha entidade literaria. Iso é un problema. Hai figuras que teñen un gran valor cívico, que son queridas polos galeguistas por ese motivo mais que non poden ser mostradas á sociedade dicindo que “é a nosa literatura”. É cando a xente torce o fociño e di “vaia literatura máis cativa”.”

A RAG dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). (…)”

María López Sández, académica de número electa na Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria do sábado 9 de xullo tamén se votou a favor de que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. (…)
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán. (…)”

Finalistas dos Premios Xerais 2022