Irene Rega Jul gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2022

Desde Galaxia:
“A gañadora da sexta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Irene Rega Jul pola novela O libro dos corazóns rotos.
O xurado, composto por Ana Abelenda, Marcos Calveiro, Inma Otero, Blanca Riestra, Abel Tomé e Malores Villanueva destacou a súa prosa áxil e o control do ritmo narrativo dende o inicio ata o vertixinoso final da obra. Ambientado en Viveiro, o thriller ten unha vontade clara de facer un retrato realista do momento actual, tanto no tratamento de diferentes temas como na construción dos personaxes. Dentro das personaxes destaca a inspectora, pola súa atinada construción psicolóxica.
Cunha linguaxe coidada, pero moi directa consegue transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea.
De grande interese resulta tamén o tratamento das redes sociais entre a xuventude.
O libro dos corazóns rotos impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o seu cuestionamento. O xurado tamén animou á Editorial Galaxia a publicar outro dos manuscritos presentados.
Esta é a primeira novela en galego para Irene Rega Jul, nada no Concello de Cervo en 1996.”

A Coruña: presentación de Poemas guardados, de Lino Braxe

Camilo Nogueira, Medalla Castelao 2022

Desde Nós Diario:
“O intelectual e político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Dios serán galardoados coa Medalla Castelao 2022 este 28 de xuño.
Ademais, súmanse o club de fútbol sala Pescados Rubén, nomeado mellor equipo do mundo e campión de Europa; así como a coral coruñesa O Eco, fundada por Pascual Veiga.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a traxectoria de todas as persoas e entidades premiadas.
Camilo Nogueira Román, nado en Lavadores o 22 de novembro de 1936 e fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez, estudou na Escola Industrial de Vigo antes pasar polas escolas de Enxeñeiros Indusriais de Bilbo e Madrid.
Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que pasou posteriormente á fábrica de Citröen en Vigo, onde comezou a traballar en 1964. Oito anos despois, en 1972, participou de forma activa nas folgas obreiras da Galiza, polas que acabou en prisión.
A nivel político, Nogueira formou parte de Galiza Socialista, que se acabaría fusionando coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971. Tamén participou na fundación da Asemblea Nacional Popular Galega, impulsada pola UPG, e no Bloque Nacionalista Galego, do que foi eurodiputado entre 1999 e 2004.
Previamente foi deputado no Parlamento galego con Esquerda Galega (EG), formación que liderou e que acabaría fusionándose primeiro co Partido Socialista Galego (PSG) e posteriormente co BNG. En total, Nogueira ocupou escano na Cámara galega de 1981 a 1993, e posteriormente (xa no Bloque) entre 1997 e 1999, antes de marchar a Bruxelas.
Ademais do seu traballo político como deputado, Camilo Nogueira está considerado como un dos pais ideolóxicos do nacionalismo galego, e é autor de numerosas teses e ensaios sobre o tema.”