Desde O Sil:
“(…) A relación entre Abertal e Xosé Seivane vén de longo. A primeira como escola de música e baile tradicional e o segundo como o artesán de gaitas por excelencia. Por iso non é de extrañar que fose precisamente a Asociación Cultural Abertal, quen organizara a presentación na Rúa do libro Xosé Seivane, a gaita con maiúsculas, de Xosé Manuel Sánchez Rei.
Trátase dunha obra literaria editada por Canela que relata os aspectos máis relevantes da vida de Seivane como artesán, tendo en conta o seu contexto familiar, vital e cultural. Inclúe entrevistas a grandes personalidades, numerosas pezas transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, un álbum fotográfico familiar, imaxes en exclusiva do fotógrafo Vicente Ansola e prólogo de Xosé V. Ferreirós.
A presentación tiña lugar na tarde deste venres 21 de xaneiro na biblioteca municipal ruesa, a carón do local onde Abertal imparte as clases (de gaita, de percusión, de paneireta, de baile,…) contando coa presenza do autor do libro; dun dos fillos de Xosé Seivane, Álvaro; e do fundador de Abertal e presidente da actual asociación, Manolo Durán, que foi o encargado de abrir o acto. “Seivane estivo con Abertal máis dunha vez facendo exposicións de gaitas, e presente tamén nalgunha actuación da súa neta Susana”, dixo Durán, agradecendo a presenza dos convidados e do público, antes de dar a palabra a Álvaro. O fillo de Xosé Seivane que foi quen mantivo o legado de seu pai, comezou a intervención falando da “Rúa de Petín”, explicando de forma divertida a confusión sobre o nome que tivo a primeira vez que pasou por esta vila rumbo a Barcelona, precisamente polo nome da estación de tren. “O nome é con guión, A Rúa-Petín, pero daquelas, hai 50 anos, era o que se comentaba e a min véuseme á mente a Ribeira de Piquín”, dixo, lembrando os comezos do seu pai nun pequeno taller que pouco a pouco foi crecendo ata converterse no gran artesán da gaita.
O último en falar era o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, filólogo e gaiteiro, actualmente profesor na Universidade da Coruña e vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, quen asegurou que para el foi moi grato estar en Valdeorras “unha terra rica en viños e en cultura” para falar de Seivane, de gaitas, de música galega, unha tradición que hoxe é mantida por Abertal “unha referencia na comarca da nosa música tradicional, un dos nosos sinais de identidade como pobo galego”.
Sobre o libro, Sánchez Rei asegurou que está acostumado a escribir texos sobre sintaxe ou gramática polo que escribir a biografía de Seivane supuxo unha experiencia totalmente nova para el, sendo “un camiño moi grato porque aprendín moitísimo do que é un artesán e do que representa hoxe en día en Galicia onde hai moitos reprodutores de instrumentos máis que artesáns. Despois do que puden ler e aprendín sobre esta figura, para min Seivane é o verdadeiro artesán, o feitor de gaitas que empezou na súa terra natal no ano 39 cuns recursos moi limitados é hoxe dicir Seivane é case dicir gaita”. (…)”
Ledicia Costas: “As familias xiran arredor dos nenos e avós, pero son expulsados da literatura adulta”
Entrevista a Ledicia Costas na Televisión de Galicia:
“”O silencio é unha goma elástica ao límite, a piques de rachar”, a cita está tomada de Golpes de luz, a última novela de Ledicia Costas, unha indagación nos segredos familiares dunha xeración que creceu convivindo coa droga nos 90 en Galicia. A novelista viguesa asina unha obra a medio camiño entre a novela de aventuras e o retrato xeracional. A entrevista pode verse aquí.”
Pontevedra: presentación de Cando os bosques sintan frío, de Charo Valcárcel
Outeiro de Rei: presentación de Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, de Antón Xosé Meilán García
A Coruña: “Gosto de vivir a poesía”, recital de poemas de María do Cebreiro
Beatriz Maceda Abeleira, en representación da AELG, presentará a vida e obra desta poeta. A entrada é libre e gratuíta.
A Coruña: conferencia de Miro Villar sobre Florencio Delgado Gurriarán
O 28 de xaneiro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Miro Villar falará sobre a obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán. Partindo do seu artigo de 2006 –na revista Raigame–, “O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán”, fará unha (re) lectura da obra deste poeta galego no exilio mexicano. Estudo –da súa autoría– que en forma de libro vai publicar en Edicións Xerais. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.