III Festival Pezas dun Teatro do Porvir. Galiza + Portugal 2020
SÁBADO 21 DE NOVEMBRO
Centro Ágora da Coruña.
Entre as 09:30 e as 14:30.
III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.
Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai mostrar.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso.
Condicións:
– Asígnase un orzamento total de 200 euros para cada proxecto seleccionado proveniente de Galiza e 300 euros para os proxectos provenientes de Portugal.
– Prazo para a presentación de propostas: 31 de outubro de 2020.
– A selección dos 7 proxectos será realizada por parte da organización (Sección de Literatura Dramática da AELG) en función de:
+ Descrición e formulación do proxecto.
+ Breve mostra da peza.
+ Currículo das/os dramaturgas/os.
– Estes materiais deberán ser enviados en formato dixital, antes das 24 h. do 31 de outubro de 2020, a: oficina@aelg.org
III Festival Peças de um teatro do porvir, Galiza + Portugal. Processos abertos de escrita dramática.
Chamada aberta a 7 projetos de escrita dramática ou dramaturgia, para teatro, dança, circo ou outras modalidades cênicas, individuais ou coletivas, de dramaturgas/os que estejam escrevendo uma peça nova ou que tenham uma peça recente e queiram abri-la ao público, aproximando-se um fragmento ou uma amostra desta. 4 projetos da Galiza e 3 projetos de Portugal.
Este festival consiste na exposição ou amostra de um fragmento da peça ou da totalidade da peça, no caso de serem breves, com a duração máxima de 15 minutos. A seguir, haverá tempo adicional para um breve debate ou conversa sobre o assunto, com duração máxima de 15 minutos.
As apresentações serão feitas no formato que cada dramaturgo ou equipa de dramaturgia considerar mais adequado para a peça ou fragmento da peça ser exposta.
No breve debate após as apresentações buscar-se-á conhecer a reação do público, num diálogo que, talvez, possa servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramatização, a concretização dessas peças em andamento.
Condições:
– É atribuído um orçamento total de 200 euros para cada projeto selecionado da Galiza e 300 euros para projetos de Portugal.
– Prazo para apresentação de propostas: 31 de outubro de 2020.
– A seleção dos 7 projetos será feita pela organização (Seção de Literatura Dramática da AELG) com base em:
+ Descrição e formulação do projeto.
+ Breve amostra da peça.
+ Curriculum vitae das/os dramaturgas/os.
– Esses materiais devem ser enviados em formato digital, até às 24 horas de 31 de Outubro de 2020, para: oficina@aelg.org
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do profesor, escritor e poeta Xosé Manuel Millán Otero, membro desta entidade
Xosé Manuel Millán Otero, profesor, escritor, poeta e ex alcalde nacionalista de Moaña, finou na tarde desta quinta feira, 29 de outubro, nun centro hospitalario de Vigo. Nado na parroquia de Beluso, Bueu, en 1964, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Moaña. Foi autor de diversos estudos e edicións críticas de escritores de preguerra (Ramón Cabanillas, Vicente Risco…) e actuais, como Bernardino Graña. Participou tamén en obras colectivas como a Historia da Literatura Galega (1996), editada por A Nosa Terra / AS-PG e Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).
Como poeta publicou Este é o tempo do sal (Accésit do Premio Esquío, 1991), As palabras no espello (Ed. Do Castro, 1995), esta última galardoada co VII Premio Eusebio Lorenzo Baleirón e As cinzas de Pasolini (2018, Editorial Toxosoutos).
Aquí poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor dispoñíbeis no Centro de Documentación da AELG.
Lembramos, igualmente, este fragmento do seu poemario As palabras no espello:
“E serás canto ames
canto devoren
os teus pasos en léguas e paisaxes
todo o mar que cabe na cunca das tuas mans estreitas
só aquel que cómpre
para fabricar icária e alagar tantos continentes
Serás a tua culpa e o teu desexo
porque só ti es quen para medir
os ferrados de tristeza que agocha a pel dun home
para escribir coas mesmas letras do amor a amargura
e pór a encrucillada onde morren os camiños”
Crónica fotográfica de O Escritor na súa Terra – Letra E 2020, dedicada a Vítor Vaqueiro
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Vítor Vaqueiro, que foi homenaxeado en Santiago de Compostela.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixido polo propio autor (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Aquí pode verse a crónica fotográfica completa, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:
A Real Academia Galega traslada a celebración do pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero á súa sede da Coruña (adiada a outra data)
Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega, diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas na súa propia sede, na cidade da Coruña. A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal do autor o sábado 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento da pasada primavera. Mais atendendo a incidencia crecente da covid-19 na comarca de Ferrol nas últimas xornadas e as medidas propostas para frear a expansión do coronavirus na zona, a Academia renderalle tributo ao escritor, filólogo, profesor e académico nunha cerimonia que terá lugar no salón de actos da rúa Tabernas e que poderá seguirse en directo a través da páxina web da Real Academia Galega.
O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.”
Muxía: “Rosalía na Costa da Morte”
Lugo: presentación de Porque te quero, de Baldo Ramos
Xabier Maceiras: “Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria”
Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo II é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primeiro fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.
– LO: Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.
– XM: Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.
– LO: Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?
– XM: Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.
– LO: Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?
– XM: Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.
– LO: Por iso é tan importante recuperar a memoria.
– XM: Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.
– LO: Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?
– XM: O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar. (…)”
Lupe Gómez e Daniel Asorey gañan o XX Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“Silabario da peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey son as obras gañadoras do Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña que chega este ano a súa vixésima edición. O premio, que se concede ex aequo, está dotado con 6.500 € máis a publicación das obras.
Un xurado composto polas poetas Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Eli Ríos e Antón Lopo co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria, decidiu conceder a XX edición o Premio González Garcés ex aequo a Lupe Gómez e Daniel Asorey polas súas obras Silabario da Peste e Contra natura.
Da obra de Lupe Gómez o xurado destaca que é un “libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante”.
En canto ao poemario de Daniel Asorey o xurado puxo fincapé na interesante “incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía”.
O xurado destaca tamén o alto nivel dos máis de sesenta libros presentados a esta convocatoria, o que “demostra a boa saúde da literatura galega e, en concreto, da poesía”. Precisamente, a altura das obras presentadas motivou un gran debate e propiciou que, ante unha decisión especialmente difícil, o xurado decidise declarar ex aequo o premio e reflectir neste fallo a riquísima variedade das liñas creativas presentadas ao concurso.”
Diana Varela Puñal gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con A conxura
Desde Nós Diario:
“A novelista, poeta e editora Diana Varela Puñal resultou a gañadora da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes pola obra A conxura.
A novela impúxose a un total de 15 orixinais que foron avaliados nesta ocasión por un xurado formado polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández e o crítico Armando Requeixo.
A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro, data na que cada ano a fundación que leva o nome do autor de Gres celebra o día de Neira Vilas e que nesta ocasión celebrarase no auditorio de Vila de Cruces.
A obra premiada constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticas e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, a pesar da súa certa autonomía, logran fiar con solvencia o inicio e o final, explica a fundación.
A trama resólvese, ademais, dunha forma maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados, outros procedentes dos campos da música ou do cinema.”