Ourense: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane

O 18 de febreiro, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor, asistirá Manuel Outeiriño.

A Coruña: palestra “A realidade histórica de Xesús de Nazaret, de Xulio López Valcárcel

O 18 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Xulio López Valcárcel imparte a palestra “A realidade histórica de Xesús de Nazaret”, nunha actividade organizada pola A. C. O Facho da Coruña.

Quiroga: conferencia de Luís Celeiro

O 18 de febreiro, ás 13:00 horas, no IES de Quiroga, Luís Celeiro Álvarez pronunciará a conferencia Comunica que algo queda. A importancia da Comunicación no ensino, no marco das Charlas Temáticas da Universidade, dirixidas ao estudantado dos centros de ensino secundario. A intervención do xornalista centrarase na situación da Comunicación en Galicia e nos procesos e ferramentas que axudan a aproveitar a comunicación como instrumento didáctico.

Mario Caneiro: “A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente”

Entrevista de Ramón Loureiro a Mario Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O eixo central da súa produción literaria vira arredor do relato curto. Ten iso algo que ver, tamén, coa tradición da que bebe a súa literatura?
– Mario Caneiro (MC): En certo sentido, si, Como escritor síntome moi cómodo no conto, como xénero literario. Especialmente por unha razón…
– LVG: E cal é esa razón?
– MC: Porque eu creo que non se trata de escribir por escribir. Para min, ao narrar, é moi importante a concisión.
– LVG: Elixir cada palabra con coidado.
– MC: Así é. E aínda diría outra cousa: que para min o fundamental é o texto, o que se lle dá ao lector. O que importa non é o autor. Chega un momento, non só como escritor, senón tamén como lector, no que tes que elixir. E, decididamente, o relato curto, aínda que tamén a novela de extensión limitada e de expresión concentrada, é a miña principal opción. (…)
– LVG: Cal será, a medio prazo, o futuro da literatura galega? Da creación literaria, quero dicir…
– MC: O futuro sempre é impredicible. Quen pode saber o que virá…? Pero eu penso que arredor da nosa literatura, e de toda a literatura, sempre quedará unha pequena illa de irredutibles na que ninguén se vai render. A creación literaria seguirá. Non vai desaparecer.
– LVG: E os lectores…? Aumentará o seu número, irá a menos…?
– MC: O número de lectores literarios sempre vén sendo, pouco máis ou menos, o que é. Distinta cousa son os libros de evasión, os que a xente busca como entretemento, pero a literatura ten un público limitado. Iso hai que recoñecelo. En canto á maneira na que isto vai ir evolucionando conforme o tempo pase, tampouco me atrevo a facer predicións. Aínda que confío en que sempre se siga lendo literatura, porque a literatura nos axuda a vivir. (…)”

Carlos Negro: “Gústame a poesía contaminada polo día a día das cousas, non perfecta, que corra o risco de ser efémera, aínda que no fondo aspire a perdurar”

Entrevista a Carlos Negro en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comezamos forte. Que significa a poesía para vostede?
– Carlos Negro (CN): Como lector, significa un asombro, unha expectativa, unha válvula de escape. Un interrogante que esixe de nós un esforzo e unha apertura, saírnos de nós mesmos a través da palabra da Outra ou do Outro. Como escritor, a poesía redúcese a​o poema​: un intento concreto de poñer en tensión a linguaxe para indagar na vida sen concesións gratuítas, a través dun oficio que combina rigor, expectativa, intuición e gozo. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo?
– CN: Os procesos creativos son complexos e non sempre responden a pautas estritamente racionais. Hai, polo xeral, unha fase de inicio onde operan estímulos intuitivos, ideas inconexas e soltas, imaxes que nos afectan dun modo inesperado, un magma prelingüístico que vai collendo forma na cabeza, non aínda no papel ou pantalla. Ese magma, remexido durante tempo dun modo introspectivo, vai transformándose no lévedo primario dunha idea global, dun punto de partida para escribir un conxunto de textos que pulan na mesma dirección, aínda que non se saiba ben o destino.
Cando xorde esa idea-forza, adoito incidir en cada poema como parte dun todo, e non como unha peza solta que brille por si mesma; de aí que traballe case sempre cun conxunto de textos que interaccionan entre si, procurando unha estrutura sólida, interdependente, que sume no contraste das partes.
Logo, tras unha primeira fase de escrita bastante libre e salvaxe, onde se deixa aflorar todo o que xorde ​de dentro​, vén o oficio: construción de sucesivos borradores, recolocación de textos dentro dun conxunto dado, adicción ou supresión de versos, depuración de lingua e estilo, fase de repouso e, tras un tempo prudencial, revisión última. E, sobre todo, rigor para eliminar todo aquilo que ​o oído perciba como fanfarria excesiva. (…)
– PG: Como valoraría a situación da poesía actualmente en Galicia? Podería destacar algúns títulos de entre as publicacións máis recentes?
– CN: Unha valoración xusta do momento histórico que vive a poesía galega precisa dun distanciamento temporal e crítico que eu non son quen de facer; desconfío das idades de ouro que ás veces se establecen con certa lixeireza. De todas formas, coido que a nosa poesía goza dunha excelente mala saúde, tendo en conta que escribimos nunha lingua que subsiste con respiración asistida. Aínda así, cada ano leo dous ou tres libros de poesía dun nivel excelente, o que non é pouco para unha literatura dun país relativamente pequeno. Poño exemplos recentes: gocei moito coas ​Fosforescencias de Lupe Gómez, coa ​Feliz Idade de Olga Novo, co Atlas de ​Alba Cid ou con ​A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez,​ de Celso Fernández Sanmartín, entre outros títulos.”