Vigo: presentación de Welcome to Sing Sing, de Elvira Ribeiro

Cuestionario Proust: Alfonso Láuzara

DesdeAlfonso Láuzara o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfonso Láuzara:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Nobreza plebea!
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que sexan boas persoas. Ou polo menos que sexan persoas!
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan auténticas e leais. Son esixente mais tamén o dou todo!
4.– A súa principal eiva?
– Quizais algo teimudo. E algunhas cualidades en exceso tampouco son boas.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita e tamén a conversa oral, moito.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en sintonía cos sentimentos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento extremo e caer no total desacougo, en especial polos seres queridos. A saúde e a dignidade son vitais.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ser feliz sen deixar nunca de ser eu mesmo. Eu nunca serei yo! hehe.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza soñada. A matria arelada dende o barrio de Teis sempre perto do mar.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre foi a vermella. Hogano tamén a azul celeste e a violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Pois… non sei, quizais as rosas vermellas, as mapoulas, a herba de namorar…, se cadra moitas que nin coñezo! ha ha ha.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal na rúa e o corvo mariño na ría.
13.– A súa devoción na prosa?
– Buf!, moit@s! Cortázar, Kafka, García Márquez, Saramago, Blanco-Amor, Dieste, Castelao…
14.– E na poesía?
– Buf!, moitísim@s! Por varrer para casa: Ferrín, Novoneyra, Celso Emilio, Manuel Antonio, Manuel María… Rosalía naturalmente, ata poetas do meu tempo! E no plano internacional: Baudelaire, Walt Whitman, Lorca, Alberti, Eugénio de Andrade, Torga, Benedetti…
15.– Un libro?
– Complicada escolla. Direi O crepúsculo… ou calquera de contos de Ferrín.
16.– Un heroe de ficción?
– Eu son de realidades.
17.– Unha heroína?
– Da heroína paso! Xa teño dabondo co licor-café!
18.– A súa música favorita?
– Rock, cantautores/as de sempre, folk, jazz, blues…
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís, Chagall, Klimt, Picasso…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera nai-coraxe anónima ou loitadores/as silenciad@s.
21.– O seu nome favorito?
– Loaira, p. e., que é a miña sobriña. Gústame que teñan musicalidade, así moitos soen levar sons en “s” como sonia sara ou susana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A desconsideración total polos demais.
23.– O que máis odia?
– A ruindade, a hipocrisía e falsidade, a incoherencia. A traizón!
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Direi Hitler a xeito de metáfora de tantos inhumanos repugnantes que a Humanidade ten padecido.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos Cravos Vermelhos. E a Revolución Cubana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber facer feliz sempre a quen se quere, sobre todo a quen o merece.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Feliz, con amor e a conciencia tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Bo humor con ese punto necesario de mala hostia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inocencia. E o medo: quen ten cu, ten medo!, non? Malia que non gusto de covardes. Pasa o mesmo coa ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas aos demais o que non queiras que che fagan a ti. Tenta non facer dano gratuíto e loita sempre polo que queres.”

A Coruña: recital poético de A Porta Verde na Casa Tomada