Alicia Fernández Rodríguez: “Estiven ano e medio escribindo Mamá Pelicano, un libro que eu creo moi duro”

Entrevista a Alicia Fernández Rodríguez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que supuxo para vostede a obtención deste galardón?
– Alicia Fernández Rodríguez (AFR): Fíxome moita ilusión porque había moitos anos que non escribía e que non me presentaba a premios. Na adolescencia gañara moitísimos. De feito parei porque non sei a cal me presentei nun momento dado que non o gañei. Había moitos anos que non escribía nada, algún poema para algunha revista ou algo moi puntual. Estiven se cadra 13 anos sen escribir.
– EP: Agora reside en Sant Clement de Llobregat. Foi aquí onde escribiu a obra gañadora, Mamá Pelicano?
– AFR: Cando viñemos hai dous anos tiñamos en Santiago a libraría Chan da Pólvora, a única especializada en poesía de Galicia. Estiven levándoa a distancia durante uns meses e logo traspaseina, fixen traducións e, sobre todo, estiven ano e medio escribindo este libro. Foi chegar aquí, comecei o libro e acabeino haberá medio ano.
– EP: O xurado destacou o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista “descarnado”. Coincide con esta apreciación?
– AFR: Non me toca moito falar a min sobre o libro, xa o dirá a crítica, pero é un libro que eu creo moi duro, doloroso, supoño que tamén necesitaba esa distancia física de Galicia para escribir algo así. É un libro que tiña dende hai moitos anos na cabeza, de feito acórdome no 2010 de falar do título cun amigo poeta que morreu, Francisco Cortegoso, pero non me sentei a escribilo ata que estiven aquí. (…)
– EP: Séntese máis cómoda na poesía?
– AFR: Si, escribín algún conto pero era moi pequena. Si que é certo que agora teño na cabeza un proxecto de novela que aínda non comecei, para o que estou tomando notas. (…)”

Santiago: Observatorio da Nova Diáspora, do 20 ao 22 de xullo

Yolanda Castaño: “Nunca se leu moito máis do que agora”

Entrevista a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que escritores destacaría das Terras de Lemos?
– Yolanda Castaño (YC): Sobre todo como poetas subliñaría a Antón Lopo e Alicia Fernández. Antón é un dos autores en activo de maior talento e ademais é un inquedo editor e promotor cultural, agora coa editorial Chan da Pólvora e mesmo cun proxecto bastante novidoso e sorprendente entre mans como é unha colección adicada a autores da Ribeira Sacra. En canto a Alicia Fernández é unha das voces máis renovadoras da poesía galega. É un xenio precoz da poesía, con moi poucos anos xa demostrara ter un talento inusual e unha voz moi persoal. Actualmente está moi implicada na renovación das letras en Galicia a través de diversos proxectos.
– LVG: Recentemente participou nunha homenaxe a Lois Pereiro, o poeta monfortino por excelencia. Atopa algún punto común entre a obra de Pereiro e a súa?
– YC: Eu tiven a inmensa sorte de poder escoitar un dos últimos recitais de Lois Pereiro cando era moi noviña e quedei moi impactada. En parte polo moza que era pero, sobre todo, por aquela forza poética. Creo que Lois simbolizou toda a forza da Terra de Lemos e espallouna por Europa a través das súas viaxes e a súa visión moderna e cosmopolita.
– LVG: Cal é, a seu xuízo, o nivel da actividade literaria e cultural de Lemos?
– YC: Véxoa como unha gran canteira poética e literaria. No meu pregón menciono a moitos escritores para dar conta do enormemente fértil que é esta terra a nivel literario. Poderiamos nomear a Lois Patiño, Xosé Manuel Eyré, Lois Diéguez, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Sandoval, Germán Vázquez, Manuel Veiga… a lista é imparable. Así mesmo, hoxe en día hai iniciativas como a última colección de Antón Lopo que amosan que Lemos non claudica. Incluso nas miñas visitas ao IES A Pinguela puiden comprobar que entre os máis novos de Monforte tamén hai unha incesante actividade cultural, científica e tecnolóxica.
– LVG: Vostede que traballa a miúdo con mozos. Cal percibe que é a súa actitude cara á literatura?
– YC: É un tópico e un prexuízo pensar que pasan da escrita e tampouco se leu nunca moito máis do que se está a ler agora. En canto a poesía, nunca foi un xénero de masas e non ten por que selo. Con todo, haina que ver nun sentido amplo, é dicir, hai poesía nas letras de cancións, en certos tuits, na boa publicidade, no rap e en moitos máis lugares dos que pensamos. Os rapaces e rapazas si que seguen a consumir poesía ao seu xeito. (…)”

Monforte: actos destacados da Feira do Libro no xoves 24

O xoves 24 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Recital-presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima, por Chan da Pólvora. Participan Imanol Bértolo, Alicia Fernández e Antón Lopo.
19:30 h. Miguel Garrido asina exemplares de A Ribeira Sacra. Guía práctica, publicado por Xerais, na caseta da Secretaría.
20:00 h. Presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, coordinado por Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, publicado por Alvarellos.

“Chegou a “novísima” poesía galega?”, por Montse Dopico

Artigo de Montse Dopico en Praza:
“”Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.
Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade” ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.
No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”. (…)”

Compostela: presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima

O venres 21 de xullo, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía 13. Antoloxía da poesía galega próxima, publicado por Chan da Pólvora Editora. No acto participan o editor, Antón Lopo, a antóloga Chus Nogueira, o coordinador Anxo Quintela e as poetas Alicia Fernández, Berta Dávila, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco.

“A transición de 2005 e a súa correspondente xeración poética”

Desde Sermos Galiza:
“A editora Chan da Pólvora cumpre o seu primeiro ano de vida e quere celebralo cunha nova aposta: 13. Antoloxía da poesía galega próxima, un volume que acolle trece poetas que comezaron a publicar despois do 2005, “ano en que conclúe politicamente a transición en Galiza”.
Nesta antoloxía, que será presentada esta sexta feira na libraría homónima, poderemos ler textos de Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Berta Dávila, Lara Dopazo Ruibal, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco. Son 13 poetas que rondan a trintena e que publicaron o seu primeiro libro despois de 2005, “ano no que as eleccións autonómicas abriron en Galiza un período histórico de novas circunstancias políticas e sociais”, segundo a editorial.
Eses poetas seleccionados por María Xesús Nogueira, permítenlle aos lectores e lectoras “descubrir unha paisaxe até agora nunca abordada: a que emerxeu dunha longa transición democrática e das tensións estéticas provocadas pola crise económica”, en palabras de Chan da Pólvora. (…)
Verbo da procura dunhas trazas comúns nesta xeración, Nogueira cre que comparten algunhas características en común en canto a formación: “esta xeración, toda ela, contaron xa con ensino obrigatorio do galego e da súa literatura e tamén unha serie de experiencias derivadas do proceso de transición democrático, naceron todos eles en democracia, no período autonómico, pero tamén comparten contexto económico, e os efectos da chegada da crise ao mundo actual”.
Non é casual, afirma a crítica literaria, a procura de alternativas editoriais por parte deles, pero tamén “a precariedade laboral como experiencia, que é un trazo que tamén os une”. A crise marcou toda a deriva do sistema editorial galego e xornalístico, explica Nogueira, “e tamén do seu horizonte profesional, nalgúns casos aínda están en formación. Pero todos eles coñeceron un contexto marcado por esta hostilidade do sistema económico”. (…)”