Emma Pedreira: “Quérennos perfectas, silentes e activas, pero corpo e mente non poden, nin deben, saltar o proceso de curación”

Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): Boa parte de Besta do seu sangue conta de que maneira puido Romasanta chegar a ser quen foi. A partir, basicamente, do rexeitamento social por non encaixar no binarismo sexual. Como xorde a idea desta novela e por que decides enfocala así?
– Emma Pedreira (EP): Levo moitos anos atrás da figura de Romasanta, desde que visitei por primeira vez a Ribeira Sacra e os lugares que frecuentou en Galiza. Lin, vin, escoitei, preguntei e puiden ir compoñendo a personaxe a través da historia e da mitoloxía. Durante uns anos quedou larvada a idea de escribir sobre el, ata que lin Manuela Blanco Romasanta, o lobishome asasino, de Xosé Ramón Mariño Ferro, onde daba mostras abondas sobre o feito de que Romasanta comezara a súa vida como muller e aí prendeu de novo a chispa.
Contar esa mesma historia, desde o principio e baixo esta perspectiva podía cambiala un pouco. Sempre me teño preguntado o por que das condutas psicópatas, cal é a orixe, o punto de ignición na mente dunha persoa asasina e, en Romasanta, temos a figura da primeira persoa que comete asasinatos en serie e de maneira ritual e que pode ter un calibre histórico, mitolóxico e ficcional á altura do mesmo Jack o Destripador. (…)
– P: A novela é, realmente, moi lírica no seu estilo. Está estruturada, ademais, coma unha sucesión de pequenos textos que integran a perspectiva dunha multiplicidade de voces. Nótase un esforzo por atopar a palabra xusta, por non contar demais… Hai algunha razón especial que explique tanto o estilo como a estrutura narrativa?
– EP: Falo de débedas e teño que dicir que a débeda estilística é con Susana Arins e o seu Seique, por amosar que o hibridismo formal pode axudar a resolver o problema que tiña eu á hora de enfrontarme a Romasanta e levalo ao público lector de maneira efectiva e salvando obstáculos como o enxuizamento, o respecto e a compaixón. Arins fai no Seique unha estrutura narrativa-poética que flutúa entre varias voces narradoras, muda de lugares sen textos explicativos, rompe a secuencialidade temporal…
Ese tipo de construto, unido á voz poética, resultoume necesario para crear un distanciamento coa personaxe principal. Falar desde Romasanta sen darlle excesivo protagonismo para non descompensar as súas vítimas, non crear un achegamento inxusto, unha mistificación. Nada máis lonxe da miña intención que a persoa que le, ao pechar o libro, sinta que Romasanta é xustificable ou digno de compaixón.
Non hai argumentación, nin a favor nin en contra, hai unha exposición dos feitos desde todas as voces que compoñen a historia para que, como ocorre neste tipo de ficcións fragmentarias, sexa o público lector quen faga unha parte do traballo e decida como posicionarse. Ademais hai moitos hipervínculos invisibles que tiran á xente da lectura para ir na busca de información, para tratar de saber que foi verdade e que ficción. (…)
– P: Antídoto está cheo de referencias literarias, mitolóxicas… De moitas mulleres nas que se busca, quizais, apoio. Por que? (Penso que ten que ver coa construción social da dor nunha sociedade patriarcal)
– EP: Para min é importante saber que todas as persoas temos a necesidade de ter unha rede de afectos que nos sosteña e que funcione por nós cando para nós é imposible. A parálise emocional e física en determinadas situacións é innegable e ter quen faga as cousas por ti permite que podas iniciar un proceso curativo de introspección. Isto ímolo entendendo as mulleres cada vez mellor, e imos procurando a construcións da tribo, das redes, do tecido de sororidade que nos permite continuar a vida en certos momentos.
Pero que pasa cando non existe esa rede e tes que abrir unha paréntese real na túa vida porque a dor non te permite erguerte para ir traballar, alimentarte, formar parte do día a día? Falo da depresión como doenza, da perda, da recuperación trala ruptura, da doenza física, dos pospartos, dos posoperatorios. A sociedade quérenos perfectas, silentes e activas, pero os nosos corpos e as nosas mentes non poden –nin deben- saltar o proceso de curación.
Hai en Antídoto unha mitoloxía de mulleres febles e fortes. As febles non tiveron ese soporte tribal e abandonaron porque preferiron a desaparición total a continuar finxindo e cargando coa dor. As fortes, dalgunha maneira, atoparon a máscara para facer que non pasaba nada. Ou foi ao revés, que as fortes abandonaron e as febles finxiron? (…)”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Por Baía Edicións.
18:00 h. Lucía Cobo asina Muriel, na caseta de AENEA.
19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo. No acto participa, xunto a autor e editor, Belén López Vázquez.
19:00 h. Emma Pedreira asina Antídoto na caseta de Alvarellos Editora.
19:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño e A antesala luminosa, publicados por Xerais, na caseta de Lume.
19:00 h. Antía Otero e María Brenn asinan O branco non pinta!, publicado por Apiario. Ismael Ramos asina exemplares de Lumes, editado tamén por Apiario. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Enrique López asina Vida sa e outros libros na caseta de Hércules.
19:45 h. Presentación de Poesía erótica: Cantar de corpos, de Correa Corredoira, publicado por Baía Edicións. Coa participación de Yolanda Castaño.
19:45 h. Presentación de O Lobo con botas, de El Hematocrítico, con Alberto Vázquez e Cristina Ameijeiras, publicado por Xerais (na carpa infantil).
20:00 h. Antonio Manuel Fraga asina exemplares de Querido H. P. Lovecraft na caseta de Urco Editora.
20:30 h. Presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro, publicado por Galaxia. A autora conversará con Yolanda Castaño e Ismael Ramos.
21:15 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Encarna Otero e Ismael Ramos.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 28 de xuño

A quinta feira 28 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:30 h. Pregón de Manuel Bragado.
18:30 h. Presentación do novo libro+cd de Mamá Cabra, Eu cociño, ti cociñas?, publicado por Galaxia.
19:00 h. Álex Mene e Blanca Crespán asinan exemplares de A raíña das tortas, publicado por Alvarellos, na caseta de Librouro.
19:45 h. Presentación de The making of de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.