Até
o venres 7 de outubro está aberto o prazo de matrícula para participar na edición 2011-2012 do obradoiro literario que coordina o poeta Eduardo Estévez na Biblioteca Municipal de Fene.
Este obradoiro comezou a súa andaina hai xa máis de once anos cun grupo que medra e se renova cada ano. Nestes anos, contamos como propios diversos premios literarios obtidos polos participantes do obradoiro no Francisco Añón, nos relatos de verán da Voz de Galicia ou no Avelina Valladares. Dúas participantes do obradoiro publicaron o seu primeiro libro individual e outros dous están a agardar no prelo.
O traballo desenvólvese en sesións semanais nos que os participantes amosan o seu traballo para propiciar, arredor del, un debate literario. Froito do debate vanse poñendo sobre a mesa os diferentes aspectos técnicos da construción do texto. Non se trata, xa que logo, de sesións teóricas senón dun traballo eminentemente práctico. Ademais, contamos coa visita de escritores e escritoras que se achegan ao obradoiro para compartir a súa experiencia.
Este ano, asemade, o obradoiro contará coa participación de tres escritoras que colaborarán na coordinación de algunhas das sesións: Antía Otero, Dores Tembrás e Elvira Riveiro Tobío.
Arquivos da etiqueta: Antía Otero
A Coruña: nace a Escola de Escritoras e Escritores da AELG cun obradoiro de escrita creativa a cargo de Antía Otero, a partir do 13 de outubro
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio de CEDRO, crea a Escola de Escritoras e Escritores da AELG, unha iniciativa que ten como obxectivos, cos autores/as como guía, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
•afondando nos motivos que alimentan a literatura,
•proporcionando estratexias para a escrita de ficción,
•destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade,
•partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe,
•concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo,
•poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria.
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros, contidos…
A primeira actividade é este Obradoiro de Escrita Creativa dirixido a persoas a partir de 16 anos, que será impartido pola escritora Antía Otero durante oito semanas (unha sesión de dúas horas cada semana de 18:00 a 20:00) os seguintes días: 13, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro. É de balde ata completar matrícula. Será no Museo de Belas Artes (Rúa Zalaeta, s/n – A Coruña). A unha das sesións asistirá outro escritor/a para contar a súa experiencia creativa.
O obradoiro, botando man de imaxes literarias e artísticas, achegará chaves interdisciplinares para descubrir e explorar elementos importantes nas creacións como son a imaxinación, a escoita, o tempo, o espazo, os personaxes, as escenas, os diálogos… Unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación, da comprensión e do diálogo persoal co feito literario e coa arte en xeral. O obxectivo é proporcionar estratexias básicas para a escrita, destacando que para escribir hai que desenvolver a capacidade de observación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade circundante. O prazo para anotarse comeza hoxe e remata o luns 10 de outubro e pode facerse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org ou chamando por teléfono ao 981-133233.
Vídeo da mesa redonda Crear desde a ventá, no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
Vídeo da mesa redonda Crear desde a ventá, coa participación de Ana Cibeira, Estíbaliz Espinosa e Leo Fernández Campos, presentados por Antía Otero, dentro do VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro:
‘A AELG traballará para a posta en marcha de revistas literarias en formato dixital’
Reseña
en Código Cero:
“Calquera que camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios, interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que celebrou este sábado a sexta edición do seu Encontro para autoras/es novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as autoras e autores “poderán facer confluír as súas creacións”.”
A Coruña: rolda de prensa de presentación do VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convoca para mañá, 15 de setembro, ás 12:00 horas, na libraría Nova Colón da Coruña (Rúa Olmos, 9) unha rolda de prensa na que o seu presidente, Cesáreo Sánchez, e a súa vicepresidenta, Antía Otero, presentarán o programa do VI Encontro de Escritores e Escritoras Novos/as, baixo o lema Da tinta á pegada dixital, que se celebrará nesta cidade o vindeiro sábado 17 de setembro na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) a partir das 10:30 h. Será unha intensa xornada que rematará ás 20:00 h. tras unha conferencia, dúas mesas redondas e un recital poético.
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv:
A Coruña: VI Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da tinta á pegada dixital, o 17 de setembro
Chega a VI edición do Encontro de Escritoras/es Novas/os, o sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde nos situaremos ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos nosos autores e autoras máis nov@s. Unha oportunidade de achegarnos ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario:
Vídeo da presentación e primeira mesa redonda do V Encontro de escritores/as novos/as do 2010
Vídeo coa presentación e mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos, con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro, coordinados por Antía Otero, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:
As manías d@s escritor@s de noso (I), no blog Trafegando Ronseis
Artigo
no blog Trafegando Ronseis: “As manías d@s escritor@s de noso (I)“:
“Agustín Fernández Paz: Sempre escribe a man, en cadernos de follas amarelas da marca Uniextra e con rotuladores negros de 0,5 mm. Ademais, pon un título provisorio cando comeza unha novela, aínda que o título “de verdade” poñerao cando esta está rematada.
Antía Otero: Tenlle manía á desorde e á incomodidade: coloca todo antes de se pór á escrita e vístese con roupa ampla. Ao seu carón sempre hai un gran termo de infusión que irá bebendo paseniñamente. Toma notas continuamente que garda nunha mesma caixa antes de transcribilas ao ordenador.
Marcos Calveiro: Comeza as novelas polo derradeiro capítulo e escoita sempre ao inicio dunha nova novela o “Favorite things” de John Coltrane. Busca a aprobación da súa parella, lectora e musa ideal.
Iolanda Zúñiga: Cómprenlle tapóns nos oídos por mor dos ruídos e escribe soamente polas mañás, co seu habitáculo en orde. Ademais, faino medio núa e rillando nas unllas. Élle imprescindible xogar cos cans e conducir a súa vella scooter.
Fran Alonso: Precisa illarse do mundo e moitas horas seguidas. Sempre escribe con música de tonalidade estable, pero con cada libro cambia de música, sempre a mesma ata que o remata.
Rosa Aneiros: A súa manía, curiosamente, é non permitirse telas: “vencerse como carne para gañarse como imaxinación”.
Francisco Castro: Asegura que a súa mellor hora para este labor é as cinco da mañá e que sempre o fai descalzo. Corrixe tres veces a novela, e non permite que lla lea ninguén ata que esta saia do prelo. Dispón as súas producións alfabeticamente e precédeas dunha cita dos Beatles.
Inma López Silva: Leva en todo momento un caderno no bolso e anota neles constantemente: por iso utiliza sempre bolsos nos que caiba este obxecto. Ademais, escribe descalza.
Xabier DoCampo: Require para traballar dun caderno pequeno ou mediano que contén toda a arquitectura interna da obra: escenarios, personaxes, reflexións… pero non a textualidade. Este caderno lévao sempre consigo, mesmo sente pánico a perdelo.
María Reimóndez: Utiliza cadernos raiados ou lisos, e estes teñen que lle “cadrar” coa historia; odia poñer nomes aos personaxes, por iso adoita utilizar aqueles que coñece. De poder, escribe a primeiras horas da mañá ou a últimas da tarde.”
Santiago: recital poético e musical A Rebelión da Décima Musa
O domingo 3 de xullo, ás 12:00 horas, na Praza 8 de marzo (porta do camiño) de Santiago de Compostela, terá lugar o IV recital poético e musical A Rebelión da Décima Musa, coa participación de: Ana Romaní, Antía Otero, María Rosendo, Lucía Aldao, Alicia Fernández, Dores Tembrás e as pandereteiras Bouba.

