Arquivos da etiqueta: Antón Dobao
Antón Dobao: “Nestes relatos quixen cuestionar os límites do que parece real”
Entrevista de Pilar García Rego a Antón Dobao no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”O Universo é un envurullo de papel que deus esmagou dentro da man. Hai quen di que apenas unha pantalla de ordenador”. Isto é un anaquiño dun dos contos de O tigre na boca do lagarto, o último libro de Antón Dobao. É un monllo de relatos, de contos narrados desde o interior da boca do lagarto. Entre a complexidade do material e a simpleza dos signos dun código binario, entre o carnal e o metaverso, entre a ciencia ficción e o real. A entrevista pode verse aquí.”
Felipe Senén, Rosa Castro e GCiencia recibirán o premio Lois Peña Novo 2023
Desde Nós Diario:
“O premio Lois Peña Novo da edición 2023 recaerá sobre Felipe Senén López Gómez, Rosa Castro Legazpi e GCiencia, segundo ditaminou o xurado da XXVII edición do certame.
O acto no que se oficiarán os tres recoñecementos terá lugar o próximo 29 de xuño no Castelo de Soutomaior, nun acto no que terán presenza distintos sectores da sociedade galega.
Felipe Senén é arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador. Ademais, ten unha ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural da Galiza como parte indiscutíbel do acervo identitario do país.
Alén destas amplas facetas, está especializado en museística, e procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade.
Felipe Senén sempre amosou preocupación pola linguaxe simbólica na tradición galega e defendeu sempre os valores culturais e lingüísticos da Galiza, animando e promovendo accións a prol do uso do idioma propio en todas e cantas iniciativas promoveu ao longo da súa vida.
O xurado, que salientou a traxectoria dun home que ten dedicado toda a súa vida á creación, investigación e divulgación das tradicións e da cultura do país, deu os parabén ao premiado por un merecido recoñecemento do seu intenso traballo pola cultura e a lingua do país.
Pola súa parte, Rosa Castro é guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos. Os espazos creados por esta profesional marcaron un tempo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación, sendo guionista en series tan fixadas na memoria colectiva galega como é o caso de Mareas Vivas.
A entidade premiada, GCiencia, é un periódico dixital creado no 2013 que contribúe decisivamente a divulgar o coñecemento científico en galego, normalizando a existencia de publicacións especializadas no idioma do país, así como a pór en valor a lingua galega visibilizándoa a través das redes sociais con máis de 400.000 seguidores únicos ao mes.
As persoas encargadas de ditaminar a entrega do XXVII premio Lois Peña Novo foron Marisa Castro Cerceda, bióloga e escritora (premiada na edición anterior); Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado número 1 de instancia de Santiago de Compostela; Xulio Ríos Paredes, escritor; Antón Dobao, escritor e lingüista, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.”
Casa de Rosalía, Padrón: Homenaxe nacional a Darío Xohán Cabana. Semente de mencer, o 4 de xuño
Vigo: “Os mundos de Ferrín”, do 20 de setembro ao 18 de outubro
Compostela: Galego, porta aberta para o mundo, do 26 ao 29 de xuño
A inscrición debe facerse antes do 15 de xuño aquí.
O Pindo: V Simposium A memoria dos fuxidos, con Darío Xohán Cabana, Antón Dobao e Luís Lamela
Antón Dobao: “A literatura é un espazo de busca de liberdade”
Entrevista de Carlos Loureiro a Antón Dobao en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E en literatura -e incluso do pensamento-, ademais das circunstancias persoais, sempre achamos algún personaxe que conduce ao futuro escritor… e no teu caso coidamos que Darío Xohán Cabana tivo algo, ou moito, que ver…
– Antón Dobao (AD): Téñoo contado nalgunha outra ocasión. A Darío coñézoo hai moitos anos. Preséntamo meu pai, que naquela altura era delegado da INTG no sector da construción en Lugo. Eles os dous fixeran unha boa amizade labrada no combate sindical, desde planos e responsabilidades diferentes. No caso de meu pai, como resultado dunha especie de casualidade que se lle cruzou nun momento concreto da súa vida e lle esixiu unha dose extra de compromiso. El non foi nunca funcionario sindical, o seu sindicalismo foi ocasional.
E alí en Lugo, un día, pola Praza de Santo Domingo, coincidimos meu pai e eu con Darío. Creo que desde aquela somos amigos. Eu xa o coñecía como escritor, así que aquel encontro foi para min importante.
Pero en realidade non é Darío quen fai de min escritor. Eu xa escribía cousiñas. Quen fai de min escritor é a literatura. Coñecela e sentir desde o primeiro momento unha especie de posesión recíproca. A única posesión real… (…)
– NG: Normalmente os autores máis clásicos de relato procuran un desenlace inagardado, sorprendente… Que final procura Antón Dobao nos seus relatos?
– AD: A min gústanme os finais sorprendentes. Creo que era Cortázar quen dicía, facendo un paralelismo co boxeo, que a novela ten que vencer aos puntos e o relato debe gañar por KO. En certa medida, tamén Dieste defendía unha concepción en boa parte semellante do relato. A min gústame que haxa un lategazo final, pero tampouco creo que sexa condición indispensable para un bo relato, e penso ademais que é imprescindible que non sexa caprichoso, que dunha maneira máis ou menos sutil estea suscitado, aludido ou anunciado. Ás veces, cando todo o cataliza o final inesperado, ao mellor o relato queda adelgazado e perde todo interese polo camiño. O ideal, supoño, é encontrar o equilibrio perfecto entre a necesidade de manter alerta sempre a atención do lector e revolvelo nun final contundente. Pero hai grandísimos relatos que apenas son unha cala nun proceso, sen inicio nin final aparentes, sen conclusión. Por que non. Na literatura todo é posible. (…)
– NG: A literatura é liberdade ou máis ben esta liberdade a encontramos un tanto deturpada?
– AD: A literatura é un espazo de busca de liberdade. Permite impugnar o mundo mediante a creación e a proxección de mundos alternativos. Ou de moitas outras maneiras. A liberdade debe ser absoluta en relación co texto literario, non estar constrinxida nin polo mercado nin por outras intervencións alleas.
Desde o punto de vista colectivo, para min a liberdade é un concepto que debe materializarse se non quere quedar nun significante sen sentido, tramposo. É dicir, a liberdade esixe poder ser realizada. De que me vale a min que existan no mercado infinidade de produtos se na práctica non os podo adquirir? De que me vale a liberdade de movemento se non teño medios para ir dun sitio a outro? Con isto non quero dicir que a liberdade sexa un concepto irrelevante. Todo o contrario, é crucial, irrenunciable, a máis alta aspiración individual e colectiva. Pero socialmente esíxenos a garantía de que as súas condicións se cumpran. No terreo colectivo, ningunha liberdade pode estar condicionada polo diñeiro e a propiedade. Cando ocorre iso, a tal liberdade non é real, non existe, por moito que estea marabillosamente formulada mesmo desde o punto de vista formal e xurídico. (…)”
Antón Dobao fala sobre As ilusións estrañas
<p align="center">
Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega
Artigo en Sermos Galiza:
“Se o Culturgal ía seguir mantendo o nutrido público da anterior edición a pesar do cobro por entrada e de se realizar nunha fin de semana longa era unha das preguntas que pairaban sobre a Feira das Industrias Culturais desde a sexta feira día 5 que abría as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. O domingo á noite, cando as portas se pechaban e os stands comezaban a desmontarse a organización mostrábase optimista ao se rexistrar mesmo un lixeiro aumento a respecto da anterior edición e situarse en 14.450 entradas vendidas. O ambiente de consolidación da Feira aprezábase tamén en que a organización se despedía anunciando xa as datas do vindeiro ano que, outra volta, será na fin de semana da ponte de decembro, os días 4, 5 e 6 de decembro.
O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, aventuraba na inauguración da Feira que esta sería a edición da “consolidación” e repetía a idea da “construción en man común” coa implicación das administración, as empresas e o público. No balanzo final, Bragado aseguraba que “os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal”.
Quedaban atrás tres días, máis de 30 horas de programación, arredor de 150 actividades de distintos ámbitos entre as que se atopaban novidades editoriais, música ao vivo, presentacións de iniciativas culturais, novidades tecnolóxicas, proxectos… todo un amplo abano de propostas para que cada ano Pontevedra se converta en punto de encontro e lugar de referencia para as novidades da nosa cultura. (…)
Tamén a presenza dun amplo grupo de escritores e escritoras con novidades editoriais recentes como Suso de Toro, Xabier Quiroga, Francisco Castro, Helena Miguélez-Carballeira, Fran Alonso, Xurxo Souto, María Reimóndez, Pere Torabuela, Núñez Singala, Alberto Ramos, Antón Dobao ou Ledicia Costas atopáronse ao vivo co seu público durante tres días nos que non houbo parada. (…)”