Antón Riveiro Coello réndelle homenaxe a Carlos Casares en A ferida do vento

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O xerme desta novela nace dun compromiso adquirido con Carlos Casares hai 15 anos. Ao falecer Casares uns meses despois, Riveiro Coello abandonou o proxecto. Retomouno cando se reencontrou co seu pasado o día en que o fixeron fillo predilecto de Xinzo de Limia, unha paisaxe vital compartida por ambos os dous autores.
A ferida do vento é a reconstrución ficcionada dun verán de finais dos anos setenta. A historia parte dunha traxedia que lle afectou de mozo a Riveiro Coello. É, ao carón do protagonista, os personaxes secundarios configuran un retrato da vila cheo de persoas diferentes, memorables.
Algúns apareceron tamén nas columnas que publicou na prensa Carlos Casares, convertido aquí nun personaxe máis da novela.
O ano que vén celebrarse o 50 aniversario do libro de relatos Vento ferido, un título co que xoga dándolle a volta este A ferida do vento, unha homenaxe a mundo narrativo do autor que o ano que vén protagonizará o Día das Letras Galegas. Pode accederse á entrevista aquí.”

Tabela dos Libros de xaneiro de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e con el chega a primeira Tabela dos Libros da xeira. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Taboleiro do libro galego, balance anual 2016, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Como é habitual velaquí o balance dos datos que o conxunto de librarías colaboradoras habituais, ás que reitero a miña gratitude, foron ofrecendo ao longo dos once primeiros meses deste 2016. Escolléronse para conformar esta entrega aqueles títulos que gozaron de máis concorrencias nos cinco primeiros postos de cada sección. O Taboleiro retornará a primeiros de febreiro do ano vindeiro.

NARRATIVA
1º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova Xerais.
2º-. Antón Riveiro CoelloOs elefantes de Sokúrov, Galaxia.
3º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
4º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
5º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
6º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
7º-. Marcos Calveiro, Fontán, Galaxia.
8º-. Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, Galaxia.
9º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia
10º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
11º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
12º-. Xavier QueipoOs kowa, Galaxia.
13º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.

POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
2º-. Manuel María, Terra Chá,  Fundación Manuel María.
3º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Fundación Manuel María.
6º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
7º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
3º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, autoedición.
4º-. J. A. Gurriarán, As mulleres do monte, Galaxia.
5º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.
6º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.

XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Carlos Meixide, Ons, autoedición.
4º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Érica Esmorís (ilustracións de Dani Padrón), Nena e o mar, Xerais.
4º-. Estíbaliz Espinosa (ilustracións de Lucía Cobo), Caer de cu polo universo, Apiario.

LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
2º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Fundación Manuel María.
3º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
4º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
2º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
3º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
4º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.

Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”

Gondomar: faladoiro con Antón Riveiro Coello arredor de A ferida do vento

A quinta feira 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Antón Riveiro Coello, organizado por Carlos Méixome, arredor de A ferida do vento, publicada en Galaxia.

Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 4 no Culturgal

Dologo-footer-culturgal2 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 4 son:
12:00 h. Auga a través, de Dores Tembrás. Apiario. Presentación do poemario coa participación dos responsables do documental Os días afogados de Amanita Films. Espazo libro.
13:00 h. Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra. Nós Produtora. Proxección do documental coa participación de Xosé Luís Ledo, produtor, e Carme Vidal, guionista. Salón de actos.
13:00 h. Máis alá do azul e o rosa, de Ana Torres Jack, publicada por Galaxia. Coa autora e o editor Francisco Castro. Espazo libro.
13:30 h. Presentación de Cartas de inverno. Edición Especial 100.000 exemplares vendidos, de Agustín Fernández Paz, coa participación de Eulalia Agrelo, María Xesús Fernández, Isabel Soto e Manuel Bragado (Espazo Libro).
16:30 h. Presentación da Axenda de Mulleres 2017. Libraría Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade. Espazo libro.
18:00 h. Mesa redonda de autoras de literatura fantástica dirixida a público xuvenil. Urco Editora. Con María Canosa e Alex Bayorti. Espazo libro.
18:00 h. Os soños na gaiola. Títeres Alakrán. Os soños na gaiola de Manuel María é unha obra de monicreques para público infantil e familiar. Con Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal. Espazo infantil.
18:30 h. Sinatura de María Solar, autoras de As horas roubadas (Stand de Xerais).
18:30 h. Un monstro vén a verme. Kalandraka. Presentación da versión en galego do libro de Patrick Ness. Con Xesús Fraga, tradutor, Paz Castro, de Kalandraka e representantes da Asociación de Loita contra o Cancro. Espazo foro.
18:30 h. Entrevista a Antonio Manuel Fraga e Carlos Quiroga, gañador e finalista do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Urco Editora. Espazo libro.
19:00 h. Conversa da xornalista Selina Otero con Ledicia Costas, gañadora do Premio Lazarillo 2015 con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicada por Xerais (Espazo Libro).
19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas e Víctor Rivas, autora e ilustrador de Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta (Stand de Xerais).
19:30 h. Kneves no Autoblues Chicago-Fornelos. Co poeta Kiko Neves e os guitarristas Phil Chicago e Róber Fornelos. Espazo foro.
19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello, autor de A ferida do vento. Galaxia. Coa xornalista Selina Otero. Espazo libro.
19:30 h. «Os xoguetes de Clío. Unha homenaxe a Carlos Casares». Polo correo do vento. Espazo infantil.

Antón Riveiro Coello homenaxea a Carlos Casares en A ferida do vento

EntrevistaAntón Riveiro Coello de Xesús Fraga a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“O 11 de xaneiro do 2001 Carlos Casares acompañou a Antón Riveiro Coello na presentación da súa novela As rulas de Bakunin. Ese día os autores compartiron xantar e conversa sobre un sitio ben coñecido de ambos: Xinzo de Limia. Entre outros temas, o faladoiro xirou arredor dos tolos da vila, como recollería Casares na súa sección Á marxe en La Voz ao día seguinte. O que ficou fóra da columna foi o compromiso que adquiriu Riveiro Coello de escribir un libro de relatos a partir do «censo de tolos» que tiña do lugar. Malia empezar algún bosquexo, a idea durmiu nunha gabeta ata que no 2014 o escritor foi nomeado fillo predilecto de Xinzo. «Visitei a casa na que nacera, que fora o cárcere, e alí algúns amigos e miña nai contaron cousas que prenderon a faísca dunha historia», lembra.
O resultado é A ferida do vento (Galaxia), unha novela de iniciación que recupera aqueles toliños como personaxes secundarios, aos que se suma un moi especial, o propio Casares. «A historia transcorre en 1978. Carlos chega a Xinzo con Kristina [a súa muller] e busca historias para os seus libros», describe Riveiro Coello. A homenaxe queda tamén remarcada polo título, unha referencia clara ao Vento ferido de Casares. Se naqueles relatos abordaba o mundo da infancia, en A ferida do vento o foco asúmeo o tránsito á adolescencia. «En só uns poucos días o protagonista coñece o que é medrar a través do coñecemento da morte, a descuberta do amor e as primeiras experiencias do sexo, coa estrañeza que isto produce nel», relata o autor.
Neste sentido, A ferida do vento entronca cun libro anterior de Riveiro Coello, Casas baratas, co que comparte non só a localización en Xinzo, senón tamén a vocación narrativa pola sinxeleza e a claridade, trazos que caracterizaban a obra de Casares. O escritor subliña outra conexión: «É unha novela con moito humor, que funciona como curación fronte a morte e a dor. Esa mestura de ironía e tenrura, que intenta sacarlle un sorriso ao lector no remate de cada capítulo, creo que tamén se atopaba na escritura de Carlos».
Arredor desa historia de iniciación, que se centra nunha relación amorosa marcada pola traxedia, móvense os tolos que tanto fascinaron a Casares e seguen a poboar a lembranza de Riveiro Coello. «Meu pai, que era policía municipal, tiña que controlalos moitas veces cando se puñan agresivos. E moitos deles acababan xantando na nosa casa, algo que amolaba á miña nai. Eu mirábaos con abraio, porque os seus delirios eran unha mostra impresionante de imaxinación», rememora o escritor. Eran situacións que nacían da ausencia de atención para persoas que hoxe estarían ingresadas ou en tratamento farmacolóxico: «A medicina foi boa para a humanidade, pero mala para a literatura». (…)”