Crónica-reportaxe
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.
E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.
As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.
Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.
A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.
Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.
Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.
Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.
Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.
Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.
Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.”
Arquivos da etiqueta: Armando Requeixo
No reino da mourindade, por Armando Requeixo
Recensión
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”
Tabela dos Libros de abril, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de abril Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Héitor Mera Herbello, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”
Parlamento das Letras: Emma Pedreira
Entrevista
de Armando Requeixo a Emma Pedreira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Emma Pedreira (EP): Non creo que falte nada porque non tratamos de facer unha comparativa nin unha competencia con ningún outro sistema literario. A literatura galega é para min un absoluto, un principio e un fin en si mesma e, se cadra, nesa cerrazón si existen vezos e grallas a ter en conta, como o embiguismo, o ensimesmamento e endogamia e, talvez, unha profunda afectación —sobre todo no eido da poesía—. Se teño que buscar algo que falte realmente é a proxección e a promoción exterior de máis autores, o que aumentaría a nosa visibilización e poder entrar a compararnos con outros sistemas literarios. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EP: Penso que hai de todo, como en cada momento e en cada lugar, hai negras sombras, cansazo, crebas doutros tempos, mortes súbitas de proxectos consolidados e estancamentos, pero sempre digo o mesmo: se hai ganas, hai futuro. E as ganas, o interese, a loita, vense a cada paso. (…)”.
Parlamento das Letras: Darío Xohán Cabana
Entrevista
de Armando Requeixo a Darío Xohán Cabana no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Darío Xohán Cabana (DXC): A literatura galega é unha literatura maior. ¿Ou acaso hai nas Españas un poeta de setenta anos coma Méndez Ferrín, ou unha poeta de trinta coma Olga Novo? O único que lle falta á literatura galega é a independencia nacional, pero iso fáltanos a todos, non só ós escritores. E sobrar non vexo que sobre nada: que nazan cen flores e que florezan cen escolas. Incluso os libros mediocres fan de base prós altos cumes. E os malos de todo, con non lelos xa está. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– DXC: Xa dixen, unha literatura maior en todos os xéneros. Bastante máis de media ducia de grandes poetas e bastante máis de media ducia de grandes narradores en plena madurez, e xente moi nova chea de talento e de forza, sobre todo mulleres, por certo. Pero o público lector en galego é moi reducido, e temo que aínda estea revendo nestes últimos anos.
Facía falla, como mínimo, unha política cultural galeguista potente, e non a hai. Cada vez a hai menos, en nome desa barbaridade de que a cultura se debe someter ás leis do mercado. (…)”.
Trinta e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2013
Os
425 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na gala que terá lugar o 4 de maio no auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:
Blogs Literarios
– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
– Criticalia, de Armando Requeixo
– Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández
Ensaio
– Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
– O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
– Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)
Literatura Infanto-xuvenil
– Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
– O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
– O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
– Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012
– Ana Romaní
– Blanca-Ana Roig Rechou
– Carme Vidal
– Fran P. Lorenzo
– Iago Martínez
– María Solar
– Moncho Paz
– Ramón Nicolás
Narrativa
– A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
– As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
– Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
– Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
– Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)
Poesía
– Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
– Emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
– Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
– O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
– Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros)
– ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)
Teatro
– Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
– Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)
Tradución
– Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
– Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
– Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
– O home unidimensional, de Herbert Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Universidade de Santiago)
– O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
- O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
- O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
- E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.
Parlamento das Letras: Mario Regueira
Entrevista
de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”
Parlamento das Letras: Chelo Suárez
Entrevista
de Armando Requeixo a Chelo Suárez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Chelo Suárez (CS): É moi difícil pronunciarse neste apartado. As nosas letras foron asentadas solidamente, dignificadas por poetas e escritores ao longo do tempo. Síntome moi orgullosa do noso pasado literario, formado por escritoras e escritores magníficos. Mulleres e homes que abriron o camiño a cantos vimos detrás. Sobrarlle ás letras definitivamente? Quen está á altura de poder dicir: “isto é o que sobra”. Paréceme excesivamente pretensioso cando, en literatura, todo é admisible, nada se pode negar e, ata o máis fútil, pode ter o seu punto de orixinalidade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Comparo o noso presente literario cun ceo estrelado. Nel destacan autores fixos dun brillo inusitado, outros de menor intensidade, intermitentes, opacos… Algúns pasan cegantes, efémeros como lóstregos ante nós. Penso que temos un presente literario bastante desigual, pero nada aburrido. (…)”.
Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Héitor Mera Herbello, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”
A viguesa Silvia Penas gaña o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía
“A
autora viguesa Silvia Penas vén de gañar o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, segundo informou a organización do certame. Este é o texto onde se recolle o fallo do xurado:
Santiago de Compostela, 27 de febreiro do 2013
Reunido na Sala A da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela o xurado do I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía decidiu premiar, tras unha longa deliberación, o poemario presentado baixo o título As uñas crecen e o pseudónimo Rosa María Paramés, obtendo o galardón por maioría de votos.
Aberta a plica, resultou ser gañadora dona Silvia Penas Estévez, natural de Vigo e poeta con diversa obra xa editada.
O xurado decidiu premiar esta obra por considerar que propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable, onde a función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaidamente.
Así mesmo —e de acordo co establecido nas bases do concurso—, o xurado decidiu distinguir cun accésit o poemario presentado baixo o título Sobol e o pseudónimo Difraccións, recomendando á Editorial Sotelo Blanco esta obra para a súa publicación.
Tamén si, o xurado quere salientar a alta participación no certame, ao que se presentaron trinta e oito orixinais de moi diversa fasquía e estimable calidade.
Asinan a presenta acta, en Santiago de Compostela, sendo as 18:30 h. do día arriba sinalado, don José Luis Cochón Troitiño (en calidade de Presidente do xurado), dona Mercedes Queixas Zas (como vogal), don Armando Requeixo Cuba (tamén vogal) e dona Carmen Carreiro Montero (secretaria do certame, con voz e sen voto).”

