Bases do XXVII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro

A Asociación Cultural Galega “Rosalía de Castro” de Cornellá (Barcelona) convoca o Certame Literario Rosalía de Castro do ano 2013 baixo as seguintes bases:

1.- O poema estará escrito en Lingua Galega e terá un mínimo de TRINTA e un máximo de CEN versos. Admitiranse conxuntos de poemas de temática común, sempre que non excedan dos CEN versos.
2.- Os traballos enviaranse en sobre sen remite e sen indicación algunha referente á personalidade do autor, ó enderezo da Asociación: Rúa Federico Soler, 71, 08940-Cornellá (Barcelona). Noutro sobre pechado figurará no exterior o primeiro verso do poema e no interior do mesmo sobre constará: Nome e apelidos, enderezo, DNI, teléfono e correo electrónico do autor.
3.- Deberá enviarse CINCO copias dos poemas, en formato normal, sen encadernar ou grapar, antes do día 15 de OUTUBRO de 2013.
4.- A A. C. G. Rosalía de Castro nomeará ó Xurado entre personalidades relevantes da creación e da critica.
5.- O veredicto dos premios darase a coñecer nas Xornadas Culturais a celebrar no Outono de 2013.
6.- Os poemas premiados poderán ser editados pola Asociación na forma ou medio que considere conveniente. Así como todos os presentados ó Certame.
7.- Os premios consistirán:
1º premio: 500 €
2º premio: 300 €
3º premio: 200 €
8.- Os premios entregaranse na Asociación Cultural Galega “Rosalía de Castro”, unha vez realizado o fallo por parte do xurado. Os premiados deberá facilitar os seus traballos en soporte informático tipo documento Word á organización.
9.- O feito de concursar, supón acepta-las resolucións do xurado así como as bases do Certame. Non se devolverán os orixinais.
10.- O xurado poderá declarar os premios desertos se estima que a calidade dos traballos non é a necesaria.”

Bases do X Certame de Narrativa Rosa Reboredo

“Co fin de honrar a memoria de Rosa Reboredo Civeira e asemade seguir no labor de consolidación da nosa cultura e a promoción da nosa lingua, a A. C. G. Rosalía de Castro de Cornellà convoca o Certame de Narrativa Rosa Reboredo, mantendo viva a chama dun labor honesto e impagable a prol da colectividade galega de Catalunya desde as súas responsabilidades como cargo institucional da Generalitat de Catalunya e como membro da xunta Directiva da nosa entidade. Rosa Reboredo distinguiuse por traballar pola integración da galeguidade nesta terra de adopción que é Catalunya, e impulsou o espallamento das culturas galega e catalá nestas dúas terras, salientando sempre os principios éticos, valores humanos e o civismo á hora de expresar o que é a nosa idiosincrasia.
Dotado con CINCO CENTOS EUROS, convocamos a X edición do CERTAME DE NARRATIVA ROSA REBOREDO CIVEIRA (2013) de acordo coas seguintes bases:

1.- Poderá concorrer ao certame calquera persoa, sen limitación de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos nas linguas, Galego ou Catalán, linguas obxecto de promoción deste certame, reservándose a entidade convócante os dereitos de edición dos traballos presentados. Os orixinais (narración ou conxunto de narracións) deberán ser inéditos. A extensión debe estar comprendida entre as DÚAS e SETE páxinas (en A4, a dobre espacio, mecanografado en letra de corpo tamaño 12).
2.- A temática dos traballos deberá estar enfocada a achegar á sociedade os valores humanos máis exemplares, ofrecer á xuventude modelos de civismo, solidariedade, convivencia e respecto polos demais e polo medio ambiente. A literatura debe contribuír á formación responsable dos nosos fillos e a mellorar a nosa sociedade.
3.- De cada orixinal deberán presentarse CINCO copias sen encadernación nin grampa, antes do 15 de outubro de 2013, remitíndoos ó enderezo da A. C. G. Rosalía de Castro, Rúa Federico Soler, 71, 08940, Cornellà de Llobregat, Barcelona.
4.- Os orixinais irán precedidos de título ou lema sempre baixo pseudónimo. Nun sobre pechado (plica) irán os datos reais relativos ao texto e ao autor (título real, nome completo do autor, DNI, teléfono, enderezo e mail), indicando no exterior do sobre X CERTAME DE NARRATIVA ROSA REBOREDO.
5.- O xurado estará composto por persoeiros salientables da creación e da crítica e será nomeado pola organización. A decisión do xurado será inapelable e darémola a coñecer durante as Xornadas Culturais que se celebran anualmente polo Outono. O xurado poderá declarar o premio deserto se o estima conveniente.
6.- A entidade convocante resérvase os dereitos de publicación e tradución dos orixinais presentados no medio e formato que estime oportuno, sen límite de exemplares nin de edicións, permitindo ao autor calquera outra posible edición posterior baixo acordo e comunicación expresa coa entidade convocante, citando sempre o certame e a entidade.
A participación neste CERTAME significa a completa aceptación das presentes bases e tamén das decisións do xurado designado. Non se devolverán os orixinais.”

Fallo do XXVI Certame de poesía Rosalía de Castro

Coñécense os gañadores dos Premios Rosalía de Castro e Rosa Reboredo da A. C. Rosalía de Castro de Cornellà:

Na modalidade de poesía en Lingua Galega, na súa 26 edición, os gañadores foron os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Cruz Martínez Vilas, de Vigo, polo seu poema titulado Contemplo o proceso inevitábel da despedida. Dotación, 500 €.
– Segundo premio: para Yolanda López López, de Ourense e residente en Madrid , polo poema Necrópoles de soños. Dotación, 300 €.
– Terceiro premio: para Anxo Mena Rodríguez, de Carral, polo seu traballo Vou deixarme de espirais. Dotación, 200 €.

– Na modalidade de narrativa o mesmo xurado concedeu o premio da novena edición do Certame Rosa Reboredo, ao traballo en Galego presentado por, Tito Pérez Pérez, da Coruña, pola súa obra Ensaio encol da liberdade. Dotación 500 €.
– Tamén se concedeu unha mención especial ao traballo en Catalán presentado por, Àngel Fabregat i Morera titulado Els herois malvats.

Cornellá- Barcelona 2 de decembro de 2012.