Bernardo Atxaga, Escritor Galego Universal

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou nomear Escritor Galego Universal ao autor vasco Bernardo Atxaga. Este recoñecemento sustentase en sólidos argumentos: polo seu compromiso ético coas causas da dignidade e en concreto do pobo vasco, e por ser creador dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Euskal Herría como nos máis diversos idiomas aos que foi traducida, na que o éuscaro é ferramenta de expresión da cultura de Euskal Herría e ocupa un lugar de centralidade. A súa obra, escrita e publicada en éuscaro abarca o conto, a novela, a poesía e máis o ensaio é un dos escritores en activo máis recoñecido das letras en éuscaro.
Con este nomeamento, Bernardo Atxaga súmase á lista de Escritores/as Galegos/as Universais conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e máis Lídia Jorge.
O premio será entregado na Gala das Letras, que se celebrará o primeiro sábado do mes de maio do vindeiro 2014 na cidade de Pontevedra.
(A fotografía que acompaña esta información foi obtida da Wikipedia).

Bernardo Atxaga
(Asteasu, Guipúscoa, 1951)
A súa obra abarca conto, novela, poesía e ensaio e foi escrita e publicada integramente en éuscaro. Traducido a numerosas outras linguas, é o escritor en éuscaro máis lido e traducido. Licenciouse en Ciencias Económicas pola Universidade de Bilbao e en Filosofía e Letras pola Universidade de Barcelona.
Membro de pleno dereito da Real Academia da Lingua Vasca desde 2006, en novembro de 2010 tamén foi nomeado membro da Academia das Ciencias, das Artes e das Letras.
Fillo de carpinteiro e mestra, marchou a Bilbao para cursar os seus estudos universitarios, logrando a licenciatura en Ciencias Económicas pola Universidade de Bilbao en 1973. Pouco antes, en 1972, escribira o seu primeiro texto en éuscaro: Borobila eta puntua, breve composición teatral integrada na antoloxía Euskal literatura 72. Os seus textos chegaron ao escritor bilbaíno Gabriel Aresti, quen xogaría un papel importante no mozo Atxaga, animándoo a escribir, augurándolle un gran futuro e aconsellándolle así mesmo a lectura dalgúns clásicos da literatura en éuscaro.
Traballou nun banco de Donostia, publicando en 1975 os seus primeiros textos na revista literaria Panpina Ustela, que publicou durante algún tempo xunto con Koldo Izagirre. A finais dos 70 regresou a Bilbao, traballando en numerosos oficios (instrutor de eúscaro, guionista para programas de radio, vendedor de libros, economista, etc.) que combinaba coa escritura. En 1976 viu a luz a súa primeira novela, de corte vangardista, Ziutateaz á que seguiría o poemario Etiopia (1978), obra fundamental na poesía vasca contemporánea e que pechaba a traxectoria vangardista do autor. Foi membro do grupo literario de vangarda Pott (1978-1983) xunto a Joseba Sarrionandia, Ruper Ordorika, Jon Juaristi e outros escritores.
A comezos dos 80, Atxaga decide dedicarse profesionalmente á literatura. Marchou a Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras. Tras publicar varios contos en diversas revistas literarias, aparece por primeira vez o universo Obaba, onde se localizan moitas das súas seguintes obras, entre elas novela Bi anai , que o devolveu á primeira liña da literatura vasca. Tras un silencio de tres anos, en 1988 publicou a súa obra máis exitosa, Obabakoak, un híbrido entre novela e antoloxía de contos que foi traducida a 26 idiomas e que gañou o Premio Nacional de Narrativa en 1989. Algunhas das narracións aparecidas na obra foron levadas ao cinema en 2005 por Montxo Armendáriz, co título de Obaba. Tras Obabakoak, en 1993 Atxaga deixou de lado a literatura baseada na fantasía para abrir un ciclo realista, sobre todo mediante as novelas Gizona bere bakardadean (1993), finalista no Premio Nacional de Narrativa e Zeru horiek (1995). En 1996 apareceu unha nova antoloxía de textos e poemas baixo o título Nova Etiopía, que inclúe un CD no que diversos cantantes e grupos vascos musican os seus poemas. Dous anos máis tarde apareceu o ensaio Groenlandiako lezioa (1998).
Xa no século XXI, publicou catro obras: en 2003 publicou na editorial Pamiela Soinujolearen semea , unha novela que trata sobre a desaparición do mundo de Obaba, “un mundo que deixou de existir”, segundo o propio autor. Finalizado o ciclo Obaba, publicou as obras Lekuak (2005) e Markak. Gernika 1937 (2007), no que recolle reflexións sobre o bombardeo desta vila. E no 2009 sae á luz a novela Zazpi etxe Frantzian, publicando ao mesmo tempo as versións en éuscaro, castelán, catalán e galego, sendo das primeiras veces que se publica un libro en todas as linguas oficiais de España.

Fingoi, Lugo: Polafía, Historias, rimas, cantos, contos…

O venres 29 de novembro, a partir das 18:30 horas, no Centro de Convivencia de Fingoi (Ronda de Fingoi, 72, entrada pola Rúa Aviación Española) de Lugo, terá lugar unha nova Polafía, baixo o título Historias, rimas, cantos, contos…, organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, patrocinada pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, coa colaboración do Centro de Convivencia de Fingoi, a Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo.
– Intervirán: Paco Martín (escritor), Toño Núñez (escritor e profesor), Dictino Rodríguez Lázare (exfutbolista), Isidoro Rodríguez (dinamizador da cultura popular), Marcelino Castro Pena (narrador), Isidro Novo (recitador).
– Celebraremos o 50 aniversario da publicación de Contos populares da provincia de Lugo, coa narración de varios contos a cargo de asistentes ao Obradoiro de narración oral da AELG.
– Intervencións musicais de: Agrupación Xeada, Pepa Yáñez e Branca Villares, Grupo de Pandeiretas da Asociación Cultural Son de Cores (Becerreá) e Os Minhotos.
A entrada será libre.

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o sábado 30 de novembro (ás 18:00 horas, presenza da AELG)

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, prosegue este sábado 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este segundo día:

Sábado, 30 de novembro
– 13:00 h. Presentación do libro-disco CoraSons (Kalandraka). Ás 20:00 h. terá lugar unha presentación ao vivo con varios dos seus autores.
– 13:30 h. Presentación do libro Contos no nicho (Urco Editora). Contará coa presenza de varios dos autores deste libro de relatos de terror.
– 16:30 h. Presentación do libro colectivo O Crânio de Castelao, de varios autores, e do poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através Editora).
– 17:30 h. Presentación de O raposo e a mestra, de Manuel Rivas. No acto, o autor estará acmpañado por Cé Orquestra Pantasma.
– 17:45 h. Presentación de Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Ferramentas on line para profesionais. Presentación do Portal das Palabras e da potencialidade informativa e didáctica da web da AELG. Dirixido a docentes, xornalistas e público interesado, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Por parte da AELG interveñen Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas.
– 18:15 h. Presentación da revista mensual Luzes, coa participación dalgúns dos seus promotores e colaboradores: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez, Belén Regueira, María Yáñez e Tati Mancebo.
– 19:00 h. Conversa con Berta Dávila, ao redor de O derradeiro libro de Emma Olsen, Premio Repsol Narrativa breve (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello ao redor do libro Acordes naúfragos (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:45 h. Concerto-presentación de O meu marabilloso sombreiro, de Suevia Sobral e Akiko Ishihara, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Conversa con Pedro Feijoo ao redor do libro A memoria da choiva (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
– 20:30 h. Conversa con Diego Ameixeiras ao redor do libro Matarte lentamente (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.

Manifesto da AELG no 25 de novembro: O dioivo que non cesa, por María Reimóndez

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
No 25 de novembro, día en que reclamamos unidas a fin da violencia de xénero

O dioivo que non cesa
María Reimóndez

A violencia que exercedes contra nós é o dioivo que non cesa. Se cadra non queredes ver as pingas, mais o dioivo existe. Non fai falla abrir o xornal e atopar outra muller asasinada, a auga comeza a caer moito antes. Componse de todos os espazos dos cales nos expulsades, das decisións que tomades sobre os nosos corpos e sobre as nosas vidas, do imaxinario que como sociedade construímos e que afirma o dereito dos homes a ser os nosos donos e que nos inculca a nosoutras a submisión e a obediencia. Ao final de todas esas palabras, dos pequenos desprezos de cada día, dos insultos ás mulleres que falamos alto, da estigmatización constante das que no medio da choiva torrencial tendemos as mans as unhas ás outras, están os nosos cadáveres. Sobre eles asentades a vosa sociedade.
Nosoutras non queremos os vosos paraugas fanados, eses que estendedes cada vez que aparece un dos nosos corpos asasinados rachando as vestiduras, describindo aos agresores coma tolos, culpando as vítimas mortas por non denunciar ou a aquelas que sobreviven por levar certas roupas, estar onde non deben a certas horas ou comportarse como segundo vós non é correcto. Nosoutras o que queremos é unha sociedade nova, unha sociedade que non se asente na violencia diaria e permanente contra ao 50% das súas integrantes, que non busque a complicidade das propias mulleres para exercela e que non fomente o desentendemento por parte dos homes como colectivo do comportamento dos seus integrantes individuais. Non queremos unha sociedade na que as formas de ocio dos homes inclúan o comercio cos corpos das mulleres, unha na que o lugar máis perigoso para nós sexa o fogar, unha sociedade na que se aterrorice ás mozas coa violación pero non se eduque aos mozos para que non a cometan.
Tampouco queremos unha sociedade onde as vítimas queden á intemperie, onde a impunidade sexa rampante e onde dez mulleres teñan que poñerse en folga de fame porque as opcións que teñen a escoller son a morte ou a morte. Disto todas nós somos responsables. Os dioivos tampouco admiten comparacións, non valen as gradacións e as escusas, non vale dicir que aquelas están peor e nosoutras mellor porque mentres sigamos sendo vítimas da violencia en calquera recuncho do planeta ningunha de nós deixará de estar á intemperie. Porque semellades esquecer que son as pingas as que poden erosionar as rochas e que igualmente este dioivo de violencias ao que nos sometedes cada día non permite que exista xustiza en ningunha sociedade.
Mais no medio da choiva non debemos esquecer que os dioivos se forman na terra. Son auga que se evapora e logo cae, por iso se queremos cambiar algo debemos de ir ás raíces. De aí que as medidas máis importantes son aquelas que implican poñer en dúbida os valores existentes, deixar espazo para que as mulleres falemos, recoñecer os nosos dereitos, saberes e coñecementos e rematar cos espazos onde constantemente se nos cousifica, se nos educa para ser princesas e se nos define exclusivamente en relación a algún varón.
Por iso nosoutras, que somos coma os ríos, os mares e os océanos traballamos cada día no medio do trebón para cambiar as pingas do orballo e da xeada, para darnos a man. Para que o dioivo que caia, no canto de ser os nosos corpos mazados, sexa auga para unha nova sociedade. Iso é o que reclamamos aquí e agora na mesma voz que nos une a todas as persoas do mundo que hoxe saímos á rúa para denunciar a violencia, esixir a súa fin e poñer en valor o noso traballo. Non estamos soas. Somos xa enxurrada de pingas poderosas que se arrepón ao torrente que quere afogarnos.

Transcreación dun poema de Sara Teasdale (St. Louis, Missouri, 1884- Nova York, 1933).

VIRÁN AS CHOIVAS LENES
(Tempo de guerra)

Virán as choivas lenes e o arrecendo do relente,
e as andoriñas revoando co seu escintilante son;

e as ras nas pozas cantarán pola noite,
e as ameixeiras salvaxes de branco trémulo vestirán;

Os paporroibos lucirán a súa plumaxe de lume,
e asubiarán os seus anceios nas cancelas baixas;

e ningunha coñeceremos a guerra, ningunha
terá que preocuparse máis dela cando por fin cando remate.

A ningunha, sexa árbore ou ave,
importará que os violentos perecesen;

E a primavera mesma, ao espertar ao mencer
nin sequera botará en falta a súa ausencia.

Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández

O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.

A AELG inicia o programa de actividades do Día de Rosalía de Castro

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou convocar un ano máis á celebración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, recollido oficialmente pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
A AELG promoverá unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora.
Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, este ano convocaranse aos centros de ensino de toda Galiza para realizaren nos propios centros de ensino, ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, actividades como murais, graffitis, debuxos de poemas, iconografía da nosa escritora…, para despois seren gravados ou fotografados e pendurados na web e redes sociais da AELG.
A AELG vén solicitando desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 28, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña. A AELG seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda. Así mesmo pediralles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
A AELG convocará a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Mercedes Queixas: “A forza da nosa literatura non deixa de abraiarme”

Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Ademais de filóloga, investigadora e profesora -imparte clases no colexio Xosé Pichel de Coristanco- Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que ten de particular a web da AELG?
– Mercedes Queixas (MQ): É unha páxina moi potente e hoxe en día é o maior centro de documentación e de coñecemento sobre os escritores e escritoras actuais. É unha ágora, unha porta de entrada á súa vida e á súa obra que conta con máis de 420 socios e socias, a inmensa maioría da xente que está a crear na literatura galega.
– LVG: ¿Superouse xa o receo dalgúns escritores cara Internet?
– MQ: Eu penso que todo pode convivir. De feito segue a haber unha produción dinámica en papel, pero ao mesmo tempo os autores e autoras xa se están incorporando ás edicións dixitais. Estamos dando mostras de vivir canda o tempo actual e de buscar plataformas para achegarnos a todo tipo de públicos, porque haberá lectores que preferirán sentir o papel e outros que prefiran manexarse noutro soporte. A literatura non ten barreiras de seu e non imos ser nós os que llas poñamos.
– LVG: ¿E no seu caso é dos que prefiren o papel ou emprega o ordenador a cotío?
– MQ: Eu tiven o meu tempo de transición porque son gutemberiana, unha recén chegada ás novas tecnoloxías; non son diso que xa se chama nativo dixital, pero moi recentemente me decatei de que cada vez emprego menos o papel, polo menos para unha escrita máis elaborada. Aínda o preciso para tomar notas, para recoller ideas que xorden no tempo menos pensado e no lugar menos acaído, pero cando xa me dispoño a elaborar iso fágoo directamente sobre o teclado.
– LVG: ¿En que está a traballar agora?
– MQ: Estou elaborando unha nova historia xeral da literatura galega. Será nun formato divulgativo para intentar que calquera persoa, independentemente da súa formación se achegue a unha literatura que leva en activo desde finais do século XII, que tivo épocas brillantísimas así como outras de sombras provocadas sempre por axentes externos, e que agora segue a dar unhas mostras de vitalidade, de forza, de capacidade de creación e renovación que a min non deixa de abraiarme.”

Rematou o VIII Ciclo Escritores-as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“No panorama teatral galego as propostas máis innovadoras, aquelas que dalgunha maneira están repensando o tradicional e que non se conforman coa norma establecida veñen da man de mulleres creadoras, de directoras de escena ou, simplemente, de mulleres que veñen doutras artes e que atopan na escena o seu lugar. Así o deixaron ver e sentir as actrices e dramaturgas Antía Otero (A Estrada, 1982) e Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) na clausura do VIII Ciclo Escritora/es na Universidade.
Baixo o título Teatro impuro para tempos bastardos púxose fin a unha edición centrada na literatura galega máis actual, aquela que están a facer os novos valores, novos profesionais de arredor de trinta anos “unha franxa de idade que habitualmente está escurecida ou, cando menos, pouco visible”, subliñou a escritora e docente Rexina Vega, coordinadora do ciclo, que fixo fincapé en que abrir as mesas redondas ás xeracións máis novas “serviu para que a comunidade universitaria coñeza uns traballos nos que cambian completamente as linguaxes tanto da poesía como do teatro e da narrativa”, un cambio xeracional que, ao seu xuízo, sorprendeu “tanto aos seus propios compañeiros como a xente doutras idades”.
Escritoras, creadoras, actrices… Antía Otero e Vanesa Sotelo fuxiron do debate das novas tecnoloxías, “pois é algo que todos asumimos e que todos traballamos”, recalcou Otero, e levaron a súa conversa cara algo que lles preocupa máis: o feito de “como a ficción, a escritura dramática ou o teatro pode negociar coas múltiples realidades nas que nos atopamos”, engadiu Otero, que non dubidou en sinalar que “o camiño” só pode facerse a través do proceso de investigación “de facer e de estar aí, que é o que se leva facendo toda a vida e que, ao final, é o que se vai seguir facendo”, recalcou a dramaturga, que insistiu na necesidade non tanto de “crear produtos, senón de crear coñecemento, que é o que fundamentalmente nos axuda a entender”.
Na idea de volver a centrarse no proceso e non tanto en agardar resultados centrouse tamén Vanesa Sotelo, que aproveitou a súa participación no ciclo para lanzar preguntas, cuestionar formas de mirar e cuestionar tamén o establecido.
En canto á resposta do público a estas novas propostas, Sotelo teno claro, “os tempos son complicados e críticos”. Pero non todo ten que ser de cor negra, ambas autoras recalcaron a súa confianza en que hai unha “necesidade do teatro”, xa sexa máis ou menos minoritaria, “pero a demanda sempre está”, recalcou Sotelo.
E como a cousa ía de teatro, para iniciar o acto preparouse unha instalación coa que contextualizar esta última sesión do ciclo, sesión que veu precedida pola proxección do vídeo En construción, “unha auténtica chamada á resistencia creativa”, subliñaron as autoras, o grupo de axitación teatral As ghatas salvaxes, dirixido por Xandra Táboas, estudante do Grao de Galego – Español, que foi tamén a encargada de presentar as compañeiras, Antía Otero e Vanesa Sotelo.”

VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, a celebrar en Lugo o 9 de novembro

A VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, que terá lugar o sábado 9 de novembro, é convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
– Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 9 de novembro de 2013.
Horario: Mañá de 09:45 a 14:00 h. e tarde de 16:30 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.

Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible.
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira …, e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas.
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor.
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade.
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.

PROGRAMA

09:45 h. Entrega material e recepción.
De 10:00 a 11:30 h. Conferencia: Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, por Xosé Lois Vilar Pedreira.
De 11:30 a 13:00 h. Conferencia: Naufraxios literarios e reais, por Hixinio X. Puentes Novo.
De 13:00 a 14:00 h. Mesa redonda: A memoria naufragada. Con Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo. Modera: Antonio Reigosa.
De 16:30 a 17:30 h. Conferencia: O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza, por Xurxo Souto.
De 17:30 a 19:00 h. Conferencia: Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, por Rosa García-Orellán.
De 19:00 a 20:00 h. Mesa redonda: Andar o mar. As pegadas do salitre, con Xurxo Souto e Rosa García-Orellán. Modera: Isidro Novo.
De 20:00 a 20:30 h. Recital poético. Transfusión oceánica, con Xosé Iglesias.

Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falaranos de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título A memoria naufragada e Andar o mar. As pegadas do salitre, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia Transfusión oceánica a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.

Vigo: mesa redonda Teatro impuro para tempos bastardos, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 7 de novembro finaliza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, Antía Otero e Vanesa Sotelo conversarán sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas, co título: Teatro impuro para tempos bastardos.