Ditame #EnredandoCoGalego 2024

“O poeta e performer Samuel Merino e a poeta, escritora e performer Silvia Penas, e o poeta e escritor Lois Pérez, membros do xurado do #EnredandoCoGalego 2024, reunidas o luns 10 de xuño, sobre os centos de traballos presentados nesta edición,

RESOLVEN

– Destacar a alta calidade dunha gran cantidade de propostas presentadas por todos os institutos participantes e queren dar os seus parabéns a todas as rapazas e rapaces que fixeron o esforzo de escribir e falar en galego e animárense a facer as súas achegas.
– Sinalar a grande variedade dos mesmos, que van dende o microrrelato, o relato breve, o conto, o poema ou o micropoema até podcasts, vídeos de youtube, composicións plásticas, curtas de cinema, cinema experimental, parodias televisivas ou traballos expositivos e mesmo filosóficos.
– Por esta razón, este mesmo xurado solicítalle ás persoas organizadoras que na vindeira edición poida haber algúns premios máis para dar resposta ao enorme talento que existe nos institutos públicos da nosa cidade.

Así, este xurado, logo de longas deliberacións decide outorgar os seguintes premios:

IES Leiras Pulpeiro:
-Terceiro premio a Nahir Prado por O eco do amor perdido, pola súa orixinalidade e tratamento literario que nos mergullan nunha historia de nostalxia e melancolía.
-Segundo premio a Pablo Navia pola variedade da súa proposta, que inclúe vídeo, poesía, microrrelato e monólogo, querendo destacar a plasticidade dos seus versos.
-Primeiro premio, pola calidade da súa obra poética que nos fala da angustia vital, a necesidade de sentir, o anhelo, o paso do tempo ou a música, a Noa Rodríguez.

IES Lucus Augusti:
– Terceiro premio polo valor divulgativo da súa proposta de vídeo arredor dos usos do galego e pola exhaltación da nosa cidade ao traballo Si, son de Lugo!, de Elia García, Emma García, María López, Mariña Souto e Adriana Zordan.
-Segundo premio pola poética intimista e sintética da experiencia do mundo así como o valor para expresar os seus sentimentos na adolescencia a Iago López.
-Primeiro premio, á curta de cinema de ficción en branco e negro titulada Amizade entre inimigos, por contar o encontro fortuíto entre un maqui e un soldado nacional nalgún monte galego durante a Guerra Civil e o uso de recursos narrativos complexos como a analepse, ademais do seu sentido narrativo, o desenvolvemento actoral, o tratamento da imaxe, o argumento e a súa xuventude para Fernando Espiña Lago.

IES Muralla Romana
-Terceiro premio pola obra de teatro O Encontro cos Celtas Galegos polo seu tratamento dramatúrxico e as acotacións escénicas, que exhalta na súa temática parte do pasado lendario do pobo galego a Celia Rodríguez.
-Segundo premio polo poema Nalgún lugar do ar e o relato Tranquilidade infinita a Sara Pico.
-Primeiro premio polo seu relato Ola, son Pedro, un texto confesional, crú e atravesado pola tristeza que se vale da literatura para continuar adiante, a Eric Bedoya.
O xurado quere destacar, malia a non obter premio, a cantiga de amigo de Martín Vila, que nos fixo rir moito cun verso moi especial que di: Ti ríndote co teu amigo e eu aquí / facendo unha cantiga de amigo, así como o traballo de Yasmin Ibrahim Latexos de amor ou o podcast presentado por varias alumnas con recomendacións de lectura.

IES Ollos Grandes
-Terceiro premio, polo seu diálogo coa poética de Luísa Villalta mesturando con habilidade a súa propia expresión, ao Poema a partir de dous versos de Luísa Villalta, de Leire Meilán Rodríguez.
-Segundo Premio polo relato breve titulado Só nós, pola orixinalidade e tratamento literario e intimista, a Carmen Martínez Domínguez.
-Primeiro premio pola súa escrita versátil, variedade de rexistro e pola orixinalidade da súa proposta que inclúe un relato breve de corte humorístico titulado A tenda dos animais faladores e un poema a Mateo Rodríguez.

IES Sanxillao:
-Terceiro premio pola plasticidade e poder evocativo e sintético ao debuxo autoría de M. Dafonte Paz.
-Segundo Premio pola Lectura dramatizada da escena “Lingua vernácula” da obra As alumnas de Paula Carballeira, recente Premio Nacional de Teatro, da autoría do alumnado de Artes escénicas de 2º de bacharelato do IES Sanxillao.
-Primeiro premio pola curta de cinema experimental, nunha homenaxe a Jean Luc Godard, titulado Tantos camiños busquei: baseado no único poema coñecido de Frank Sigmundson, polo seu sentido do risco, a súa proposta visual e o tratamento escénico, que nos conectan co cinema francés de vangarda do século vinte traéndoo á actualidade.”

Entrevista ao Escritor na súa Terra 2024: Euloxio Ruibal, na Radio Galega

Entrevista a Euloxio R. Ruibal na Radio Galega:
“Euloxio Ruibal, escritor, académico e renovador da dramaturxia galega contemporánea, será o sábado en Compostela O escritor na súa terra.
A homenaxe da AELG inclúe que semente en Galeras unha abeleira. Con el falamos. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Compostela: actividades do 13 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)

Compostela: actividades do 12 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)

Crónica fotográfica da participación galega nas Xornaes Lliteraries Na rexa la mar, en Candás

Estas son varias fotografías das Xornaes Lliteraries Na rexa la mar, organizadas pola Asociación de Escritoras/es de Asturias o 31 de maio e 1 de xuño, onde participou, en representación da AELG, Marta Dacosta. A crónica fotográfica pode verse tamén aquí.

Un roteiro da AELG lembrará o barrio do Papagaio de Luísa Villalta

Desde Nós Diario:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará o 8 de xuño o Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta).
A iniciativa, con saída desde o Museo Casares Quiroga ás 12 horas, estará guiada por Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval e quere dar a coñecer o popular barrio da Coruña.
Fernández Naval explica a Nós Diario que a proposta xorde por ser un lugar no “que a propia María Casares explicaba que se podían ver todos os prostíbulos da cidade”. A ruta afondará na publicación Papagaio de Maribel Longueira e Luísa Villalta coa que realizaron unha crónica fotográfico-poética da súa transformación.
“Sempre foi un espazo de mulleres”, comenta Fernández Naval, “alí estiveron tamén María Miramontes e Ánxel Casal mais tamén o convento das Capuchinas e o hospital que construíu Teresa Herrera”, engade.
Durante o percorrido tamén intervirá Maribel Longueira para explicar, no propio lugar, como traballou para realizar o libro xunto con Luísa Villalta, a poeta homenaxeada este ano coa Letras Galegas.”

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua. Tivo lugar o 29 de maio de 2024 en Palma de Mallorca, con este programa. A crónica fotográfica completa (obra de Carme Esteve/AELC) pode verse aquí, onde tamén se recollen fotografías enviadas por María Reimóndez.

O Escritor na súa Terra: Euloxio R. Ruibal. Compostela, 2024


A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXX edición, recaendo na figura de Euloxio R. Ruibal, que será homenaxeado en Santiago de Compostela o 15 de xuño de 2024.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha abeleira, árbore simbólica elixida polo propio autor, e a colocación dun monólito conmemorativo.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO e Xunta de Galicia.

PROGRAMA DE ACTOS

11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore do autor, unha abeleira. No Parque de Galeras (Santiago de Compostela). Acceso libre para todo o público.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Euloxio R. Ruibal.

12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Teatro Principal (Rúa Nova, 21). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Lectura da concesión da Letra E, por Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidencia da AELG.
– Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Laudatio do autor, por Inma López Silva.
– Entrega da peza escultórica, elaborada por Soledad Penalta.
– Euloxio R. Ruibal. intervención do homenaxeado. Resposta á laudatio.

14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Hotel Compostela (Rúa do Hórreo, 1). As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar a súa praza enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o seu nome e apelidos, antes do 10 de xuño.

O programa pode descargarse en formato pdf aquí.

ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN

I Edición: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición: BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición: MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición: MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición: XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición: UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición: LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición: XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición: XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición: SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición: PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición: MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición: MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición: XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición: MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición: PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición: XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición: MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición: XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea
XXI Edición: XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO
2015 • Vilaboa
XXII Edición: HELENA VILLAR JANEIRO
2016 • Rianxo
XXIII Edición: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO
2017 • Lugo
XXIV Edición: NACHO TAIBO
2018 • Oleiros
XXV Edición: PILAR PALLARÉS
2019 • A Coruña
XXVI Edición: VÍTOR VAQUEIRO
2020 • Santiago de Compostela
XXVII Edición: CONCHA BLANCO
2021 • Cee
XXVIII Edición: XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA
2022 • Pontevedra
XXIX Edición: FINA CASALDERREY
2023 • Pontevedra

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Crónica fotográfica do Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, con Inma Otero Varela

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: os sotos baixo a pel de cemento, con Inma Otero Varela, celebrado o pasado 25 de maio. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

A Coruña: Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta), con Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval

O Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta) será guiado por Maribel Longueira e Francisco Xosé Fernández Naval. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Terá lugar o sábado 8 de xuño, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será en Rúa Papagaio, 20.

As persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome e apelidos, así como o nome do roteiro. A inscrición será realizada por orde cronolóxica de recepción das mensaxes. Na resposta enviarase a información sobre o punto de saída.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.