Arteixo: recital-presentación de Esplendor Arcano, de Ramiro Torres

O venres 10 de maio, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase Esplendor Arcano, de Ramiro Torres, publicado polo Grupo Surrealista Galego. No acto haberá un recital coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Begoña Paz, Tati Mancebo e Sapoconcho.

Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva

Vídeo promovido pola AELG coa idea de fornecer material audiovisual que vos poida ser de utilidade para a celebración do Día de Rosalía nos centros de ensino. Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas… Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.

As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.

O Temple-Cambre, e Arteixo: recitais de A porta verde do sétimo andar

O Temple, Cambre: presentación de Dark butterfly, de Rexina Vega

O venres 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2) do Temple, Cambre, A Coruña, preséntase Dark butterfly, de Rexina Vega, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Begoña Paz e Dores Tembrás.

Santiago: presentación da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas

O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda. No acto participan Aurora Marco, Carmen Blanco e Begoña Caamaño.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.

Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas

O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.

A Coruña: Medre o mar!, homenaxe a Bernardino Graña, o sábado 1 de setembro

Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes, Xurxo Souto e María José Martínez López, Vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da Universidade da Coruña.

Begoña Paz: “Hai literatura que non ole”

Entrevista a Begoña Paz en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que botas en falta na literatura galega?
– Begoña Paz (BP): Pois máis sangue, suor e seme. Que se ula. A literatura galega, agás excepcións, é moi aséptica. Non ole, mesmo contando cousas dramáticas. Non ole a nada. (…)
– BP: Hai algo que quero deixar moi clariño sobre a “literatura de mulleres” ou “feminina”, sobre esa teima en crear caixóns. Somos persoas, basicamente. Eu non penso no meu sexo cando escribo. Póñome na pel de homes e mulleres. Un home ponse na pel dunha muller e non fai literatura feminina. Se eu o fago, si. é unha etiqueta que lle interesa a moitos editores, porque pensan que hai un mercado aí, pero realmente nos exclúe. Ti te achegarías a un libro con esa literatura?. Eu non quero vender, eu quero que me lean, e quero que me lean homes e mulleres. (…)
– GC: Na literatura galega fíxose un grandísimo esforzo por chegar aos cativos que comezan a ler, e así ata os dez-doce anos. Que pasa entre os trece e os trinta anos na literatura galega hoxe?
– BP: Con trece anos un/unha xa é lector adulto. O que dicía antes, hai que entrar por cousas atractivas. Outra cousa é o mundo do cómic, da que me declaro grande admiradora. Marvel non existe en galego. O Watchmen non está en galego. Non sei se eses superherois son hoxe antiguallas…
– GC: “Antigualla” é o Tintín, que si que está en galego… Watchmen leva desde 2007 traducido ao catalán…
– BP: Non o soporto. Diario dunha adolescente, obra que non recomendaría nun Instituto, é tremenda e non está en galego. Fun Home non está en galego. Ambas as dúas falan de mocidades problemáticas. Hai desconcerto, sexo, dor… Ollo, si metería Diario dunha adolescente nunhas aulas de Educación Afectivo-sexual. (…)”

A Coruña: recital poético de A Porta Verde do Sétimo Andar

A sexta-feira, 25 de maio, a partir das 20:30 horas, no Bar Borrazás (Rúa do Orzán, 165) da Coruña, terá lugar un novo recital poético dos integrantes de A Porta Verde do Sétimo Andar. Entre outros, participan: Celia Parra, Alberte Momán, Verónica Martínez, Manuel Miragaia, Pili Mera, Alfonso Láuzara, Natalia Concheiro, Diego Villar, Manolo Pipas, Paco Gallego, Ramiro Vidal Alvarinho, Miguel Ángel Alonso, Paco Souto, Lino García, Diego Villar, María José Fernández, François Davo e Begoña Paz.