Desde Sermos Galiza:
“A saída de Camilo Franco da redacción de La Voz de Galicia produciu conmoción no mundo da cultura, para o que desde hai décadas é un xornalista respectado e coñecido. Delegado en Arousa, Camilo trasladouse a Compostela para desenvolver o seu labor na área de Cultura na que se convertera nunha voz de referencia, en especial, en artes plásticas en primeiro lugar e despois en teatro. (…)
Camilo Franco destacou no xornalismo cultural facéndose eco xa da emerxencia cultural producida nos anos oitenta e era coñecedor das tendencias artísticas e creativas do momento. Despois dunha etapa na que se significou como crítico e estudoso das artes plásticas contemporáneas, aos poucos foise convertendo nun crítico “atrevido” no mundo das artes escénicas, dos poucos de pluma afiada que tanto consagraba unha obra como botaba lume sobre a súa calidade. Como crítico teatral ofrece tamén a súa colaboración semanal no programa Diario Cultural da Radio Galega dirixido por Ana Romaní. (…)
Camilo Franco informou do seu abandono da Voz a través do seu facebook e, de inmediato, coñecidas figuras do mundo cultural e xornalístico se apuraron a lamentar a marcha dun xornalista que era quen mantiña a presenza da cultura galega nas páxinas do xornal de Sabón.”
Arquivos da etiqueta: Camilo Franco
Data de entrega e composición do xurado dos Premios da Crítica Galicia 2013
“O sábado 19 de outubro de 2013 celebrarase a cerimonia de anuncio do ditame da XXXVIª edición dos Premios da Crítica Galicia que, a partir das 14:00 horas, terá lugar no decurso dun xantar no Hotel Os Escudos (Avenida Atlántida, 106) de Vigo.
A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:
– Creación Literaria: Agustín Fernández Paz (escritor, gañador da edición anterior), Antonio García Teijeiro (escritor, profesor), Marta Neira (profesora da Escola Universitaria de Maxisterio CEU de Vigo), María Xesús Nogueira Pereira (profesora de Literatura Galega da USC, membro Sección Crítica da AELG), Chus Pato Díaz (escritora, profesora), Cesáreo Sánchez Iglesias (escritor, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e María do Cebreiro Rábade Villar (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).
– Investigación: Patricia Fra López (profesora de Literatura Norteamericana da USC, gañadora da edición anterior 2012), Eulalia Agrelo Costas (docente e investigadora), Xosé Luís Axeitos (profesor, membro da Real Academia Galega), Francisco Campos Freire (profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC), Francisco Díaz-Fierros Viqueira (científico, catedrático emérito da USC, membro da Real Academia Galega), María Pilar García Negro (escritora, profesora da UDC) e María López Sández (secretaría do xurado, profesora da USC, patroa da Fundación Premios da Crítica Galicia).
– Iniciativas Culturais: Margarita Vázquez Corbal (vocal da directiva d’ O Sorriso de Daniel, gañadora da edición anterior), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades), Xaime Domínguez Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra), Branca Novoneyra (bailarina e poeta), Sergio Lago (xestor cultural), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo) e Marcos Lorenzo (xestor cultural, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).
– Música: Margarita Viso (presidenta da Asociación Galega de Compositores, gañadora da edición anterior), Felipe González (profesor do conservatorio de Vigo, membro do cuarteto Caramuxo); Lorena López Cobas (historiadora); Marta Fernández Pan (profesora do conservatorio de Santiago); Raquel Gamallo (responsable da web Ghastas Pista); Belén Regueira (xornalista da Radio Galega) e Xavier Senín Fernández (secretaría do xurado, profesor, vicesecretario da Fundación Premios da Crítica Galicia).
– Artes Plásticas e Visuais: Carmen Nogueira (artista, gañadora da edición anterior), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Pilar Corredoira López (crítica de arte e xestora cultural), José Manuel García Iglesias (crítico de arte e catedrático da USC), César Portela (arquitecto), Enrique Velasco (escultor) e Antón Pulido Novoa (secretaría do xurado, pintor, vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia).
– Artes Escénicas e Audiovisuais: Nuria Sotelo (bailarina de danza contemporánea), Roberto Pascual Rodríguez (profesor da ESAD, director da Mostra de Teatro de Ribadavia), María Yáñez (investigadora audiovisual, co-editora de EMBED), Camilo Franco (xornalista de La Voz de Galicia), Ramón Rozas (xornalista de Diario de Pontevedra), Sabela Hermida (actriz) e Antón Sobral (secretaría do xurado, artista, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia).”
Cúmprense once anos da morte de Roberto Vidal Bolaño
Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Hoxe cúmprense once anos desde que desapareceu Roberto Vidal Bolaño e a actividade arredor do Día das Letras decaeu considerablemente tras pasar o 17 de maio. Ao longo deste ano foi perfilándose unha imaxe na que gañou peso o nariz de pallaso como representación icónica e na que se ampliou o abano sobre os campos nos que Vidal Bolaño foi facendo profesión durante a súa vida: dese a escrita á interpretación.
Para a súa viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, este ano foi o da «insistencia sobre un Roberto Vidal Bolaño e a ocultación doutro que tamén existiu e que tamén foi importante».
Advirte Belén Quintáns que a coincidencia das celebracións do Día das Letras Galegas con todas as actividades relacionadas co sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos «prexudicou en canto a promoción e número de actividades as que se podería ter feito con Bolaño». Unhas actividades nas que, segundo Quintáns, «habería que ter en conta a relación literaria que Roberto tivo coa figura de Rosalía, que é máis que evidente».
Noutro sentido, estes once anos desde a desaparición do dramaturgo teñen un efecto estraño desde a perspectiva de Belén Quintáns porque, segundo explica, «hai ocasións nas que parece que se está falando de cousas que pasaron hai corenta anos, pero son cousas que pasaron hai ben pouco e algunhas delas aínda están ben vivas».
Para Belén Quintáns hai espazo aínda para «profundizar na súa obra e transcender algúns dos aspectos xerais».
Durante estes días a Escola Superior de Arte Dramática está celebrando, na súa sede de Vigo, Escénika, un congreso de investigacións teatrais que, nesta edición dedica unha parte do seu tempo á obra de Vidal Bolaño.
Por outra parte, Espello Cóncavo representará o vindeiro sábado no Teatro Colón da Coruña, Anxeliños!, unha das obras máis premiadas de Vidal Bolaño, as 20.30 horas.”
Raúl Dans: “Hai que animar a ler teatro como outro xénero”
Entrevista de Camilo Franco a Raúl Dans en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se escribe teatro para públicos novos?
– Raúl Dans (RD): Henri naceu como un conto que quería escribir para a miña filla e que acabou como obra de teatro. É unha historia alegre, optimista e moi fácil de representar. Os rapaces están desacostumados a ler teatro ou a ir ao teatro. Por iso esta é unha peza simpática, incluso moi posibilista, que ten en conta todas as circunstancias de agora.
– LVG: ¿Cales son as características do texto?
– RD: É moi viable de producir, para títeres e bonecos, cunha historia optimista. Considero que é un texto divertido e fácil de representar. Está escrito pensando en facilitar a súa montaxe, sendo consciente das dificultades que pode haber agora para montar obras.
– LVG: No caso do texto para adultos Unha corrente salvaxe, ¿que vida escénica espera que teña?
– RD: Seguramente é o texto meu máis asequible. Creo que ofrece moitas posibilidades para ser montado e que ten atractivos para os directores. Ten unha trama con moitas sorpresas, con misterio. E creo que os personaxes da obra poden ser atractivos. Incluso diría que é teatro comercial de calidade, escrito para todo tipo de público. Pensando tamén no traballo dos actores.
– LVG: ¿Publicar teatro segue sendo a única alternativa a representar?
– RD: Facelos públicos quere dicir que poden ser lidos e coñecidos polas compañías. Por outra parte, creo que tamén é importante lembrar que o teatro tamén se pode ler, que tamén é texto. Creo que hai que animar á xente a que lea teatro como calquera outro xénero.”
Anxos Sumai: “A maneira de percibir as cousas pode converterse nun límite”
Entrevista de Camilo Franco a Anxos Sumai en La Voz de Galicia:
“Unha novela, A lúa da colleita, que marca un cambio no seu xeito de narrar é a que permitiu a Anxos Sumai gañar o premio García Barros, da Estrada, no que o xurado salientou a prosa límpida e as fortes doses de intriga.
– La Voz de Galicia (LVG): Recoñece un cambio na maneira de contar.
– Anxos Sumai (AS): Tiña que dar un paso adiante porque xa levaba tempo pensando que estaba dando voltas arredor do mesmo argumento.
– LVG: ¿Cal é o xeito e o argumento novo desta novela?
– AS: Ten que ver coa percepción que temos sobre o mundo e sobre nós e como esta percepción pode ser un límite. Trata de como nos vemos a nós mesmos e como o noso xeito de percibir altera a visión da realidade. Son os límites dun mesmo e como eses límites están condicionados por como percibimos.
– LVG: Leva un tempo sen publicar. ¿Por que?
– AS: Primeiro porque tiña que dar un cambio, ir noutra dirección. Tamén porque non son escritora profesional e dedícolle á literatura o tempo que sobra, aínda que me gustaría que fose doutro xeito. Tamén pode ser que agora teña menos enerxía e todo vaia máis lento. Eu non publico un libro cada ano e, en certo modo, presentarse a un premio e gañalo é como volver a empezar. Ten a vantaxe da dotación económica e dunha difusión que un libro por si mesmo non pode conseguir.”
Fran Godón: “O máis divertido é ser actor, pero é o que peor se me dá”
Entrevista de Camilo Franco a Fran Godón en La Voz de Galicia:
“Ten unha compañía, Ut-Tópico, e alterna todos os oficios que un teatro pode ofrecer. Fran Godón gañou o premio Abrente de textos teatrais cunha obra, Diante do espello, que ía para montaxe pero deu unha pequena volta polo mundo da escrita escénica.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿En que consiste Diante do espello?
– Fran Godón (FG): En principio era un texto para escenificar. Unha encarga que quedou aparcada. Foi entón cando decidín darlle unha volta á escrita e presentalo ao premio. É unha peza para dúas actrices que se sentan en dúas partes simétricas do escenario e que teñen ao público como espello. Elas van falando da súa vida, do que van facer ao día seguinte. Falan co espello, pero non entre elas. Segundo avanza a obra vaise descubrindo que teñen máis cousas en común.
– LVG: ¿Os premios son a única saída para os dramaturgos?
– FG: Eu son profesor de secundaria. Empecei a facer teatro porque me gusta e vou facendo máis cousas. Pero os premios son como unha táboa de salvación para quen escribe teatro. Por iso a noticia da desaparición de convocatorias é unha moi mala noticia. Non hai traballo no mundo escénico e os premios son das poucas cousas que podes facer. (…)”
Francisco Castro: “Escribín a novela poñéndome na pel dos lectores do xornal”
Entrevista de Camilo Franco a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o punto de partida para O corazón da Branca de neve?
– Francisco Castro (FC): Como outras veces, o punto de partida foi unha noticia no xornal das moitas que seguen saíndo estes días sobre roubos de bebés e xente adulta que quere saber quen eran os seus pais. Leo esas historias e quero escribir unha novela sobre iso, e é cando se publican as bases do premio.
– LVG: ¿Como condiciona a escrita o requirimento de ser publicada día a día nun xornal?
– FC: Teño que dicir que cada capítulo ten 3.500 carácteres exactos, nin 3.499 nin 3.501. Vivín o proceso como un reto. Poñéndome na pel dos lectores de xornal e na necesidade de manter a intriga durante os trinta e un días do mes.
– LVG: ¿Cales son as características desta historia?
– FC: Está protagonizada por un policía, un inspector vigués, o inspector Hermida, que está no final da súa carreira e que o menos quere é enfrontarse a un caso do roubo dun bebé. A novela ten un punto de denuncia social importante porque a quen lle rouban os bebés son ás mulleres das clases humildes, non ás nenas de papá. Tamén hai unha denuncia da corrupción en determinados sectores nos que non debería haber corrupción.
– LVG: Esa é a trama principal, pero a novela a medida que avanza vai incorporando outras tramas.
– FC: Ese foi un gran problema. Cando pensas en escribir unha novela en trinta e un capítulos pensas nunha soa liña argumental. No primeiro capítulo da historia o lector está diante dunha situación, no segundo capítulo aparece outro personaxe, no cuarto ou quinto volve aparecer un novo. A idea é que, suavemente, se fosen enguedellando todas as historias para confluír no final. Todo iso coa limitación espacial. Foi un reto e, para min, que levo 19 libros, foi unha maneira nova de abordar a creación. (…)
O premio Álvaro Cunqueiro pasará a ser bienal
Desde La Voz de Galicia, por Camilo Franco:
“Os premios escénicos que ata agora convocaba anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais pasarán a organizarse cada dous anos, de xeito que as próximas edicións do Álvaro Cunqueiro, do Manuel María e mais do Barriga Verde se realizarán a finais deste ano para que sexan resoltas durante o 2014.
Segundo a Agadic, a convocatoria bienal destes premios é o xeito de mantelos en época de restricións. Para a axencia, coa convocatoria para o vindeiro ano 2014, o premio Álvaro Cunqueiro quedará sincronizado co Rafael Dieste que acaba de fallar a Deputación da Coruña e que tamén se celebra de xeito bienal. Segundo a Agadic, o Cunqueiro e o Dieste alternaranse ano con ano, de xeito que todos os anos haberá en Galicia un premio importante para textos teatrais convocado institucionalmente.
No caso dos outros dous galardóns convocados pola Agadic, o Manuel María de teatro infantil e o Barriga Verde de textos para monicreques, a axencia tivo en conta que nos últimos anos os xurados deixaran desertas algunha das edicións e que o ritmo bienal pode ser axeitado para ambos os dous xéneros.
Ademais da redución orzamentaria, a Agadic ten previsto utilizar os anos en que non se organice o premio para editar os textos dos gañadores. Neste sentido, a Agadic pretende aproveitar este 2013 para publicar os textos distinguidos nos seus premios desde o 2011 para acá e que aínda non foron editados, entre eles A cegueira, de Marcos Abalde; O refugallo, de Paula Carballeira; Isóbaras, de Gustavo Pernas; e Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans. (…)”
Noia: curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño, do 3 ao 7 de xuño
Do luns 3 ao venres 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia, terá lugar un curso de formación do profesorado sobre Roberto Vidal Bolaño.
Ten solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e outorgará un diploma (de 10 horas). Máis información na Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” (teléfonos 981824169 e 699301481). As inscricións poden efectuarse enviando un correo electrónico a concha.allut@gmail.com.
O programa, que se pode descargar aquí: Roberto Vidal Bolaño. Un home de teatro, é o seguinte:
Luns 3
– 20:00 h. Inauguración. Lectura Dramatizada. Roberto Vidal Bolaño: a súa vida, por Xosé Manuel Fernández Castro (biógrafo).
Martes 4
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: autor. Mesa redonda: Manuel Lourenzo (autor) e Xulio Lago (director).
Mércores 5
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: director e actor. Mesa redonda: Laura Ponte (actriz), María Barcala (actriz) e Rubén Ruibal (actor e autor).
Xoves 6
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: no audiovisual. Roi Vidal (autor e biógrafo).
Venres 7
– 20:00 h. Roberto Vidal Bolaño: as postas en escena. Camilo Franco (crítico teatral).
Clausura.