Arquivos da etiqueta: Carlos Lema
Xosé Manoel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020
Desde Galaxia:
“A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2020, ás 10 horas, por videoconferencia.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros, ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou a capacidade analítica que a obra premiada, baseada nunha ampla e rigorosa documentación, consegue despregar sobre o fenómeno da utilización do folclore e os seus símbolos polo fascismo.
Á luz desa documentación, o enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase cun estilo diáfano e crítico. Ademais, a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese xeito a actualidade do tema.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Xesús Fraga, Dona Rexina Vega, Dona Montserrat Pena Presas e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”
Compostela: presentación de O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello
Tabela dos libros. Decembro de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste ano, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Tabela dos libros. Setembro de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Inasequible a calquera coronavirus, o equipo crítico da Tabela dos Libros. (Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu) comeza o curso escolmando os títulos máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. E velaí.”
María Rei Vilas gaña o Premio García Barros 2020
Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”
Compostela: presentación de O libro da filla, de Inma López Silva
A Coruña: presentación de Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, de Henrique Rabuñal
Compostela: presentación de Carrusel, de Berta Dávila
Xaquín Núñez Sabarís gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019
Desde Galaxia:
“A obra Cartografías da narrativa galega contemporánea, de Xaquín Núñez Sabarís resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o 27 de decembro de 2019, ás 12:30 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
O xurado valorou moi especialmente o achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e a cultura de grande difusión. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcofición.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona África López Souto, Don Luís Alonso Girgado, Dona María López Sández, Dona Anna R. Figueiredo e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Xaquín Núñez Sabarís é doutor en Filoloxía Hispánica e Profesor Associado (Titular) do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho. Desenvolve a súa investigación no Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, no grupo de investigación “Identidade(s) e Intermedialidade(s). Ademais, integra o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, dedicado ao estudo da obra de Valle-Inclán.”