A Pontevedra de María Victoria Moreno

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Os escenarios de vida dunha escritora axudan a explicar a súa obra. E viceversa. Algo así defende a xornalista Montse Fajardo, autora de O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (Concello de Pontevedra). “Intentei pescudar na súa vida e ao pescudar na súa vida, comprendes moi ben a súa obra”, di Fajardo.
María Victoria Moreno (Valencia de Álcantara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou á cidade onde morreu en 1963. Alí atopara traballo o seu primeiro marido. Ela preparaba oposicións. Aprobaríaas dous anos máis tarde, o que a levaría a unha decisiva estadía en Lugo. Pero volveu ás ribeiras do Lérez en 1967. Agás un pequeno período en Vilalonga, xa nunca abandonaría Pontevedra.
“As chiscadelas á cidade e á súa xente son continuas nos seus libros”, explica a Sermos Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), “pero sobre todo aparecen as persoas, antes que Pontevedra”. Pon un exemplo: “Carlos Godoy era o director do instituto Torrente Ballester e o seu amigo. Sempre contaba que quixera ser bombeiro. En Guedellas de seda e liño (1999) sae Carlos Godoy, xefe de bombeiros”.
Tamén na súa célebre Anagnórise (1988) aparece unha profesora que fuma e conduce moi ben. Na mencionada Guedellas de seda e liño, unha rapaza que se relaciona con alguén que consome drogas. A tentación autobiográfica irrompe así, aos anacos, disfrazada. Non é o caso das súas pezas poéticas, compiladas postumamente por Xavier Senín en Elexías de luz (2006). (…)
Como parrafadas botaba no escalón de Ulises que dá título ao traballo de Montse Fajardo. A expresión ten correspondencia real: no barrio de Campolongo, nos anos 80, María Victoria Moreno adoitaba pasear a cadela. “Xuntábase con nenas e nenos aos que lles mercaba larpeiradas e cos que sentaba nunha escada para lles contar a historia de Ulises”, lembra a xornalista, para quen a anécdota encerra elementos de categoría: “Era quen de converter calquera lugar nunha aula e dar clase en calquera lugar. Engaiolaba os alumnos”. (…)”

Pontevedra: presentación do monográfico Renacer á descuberta das palabras. María Victoria Moreno

Fallo do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

Reunidas en Pontevedra o 23 de abril de 2018, día internacional do libro e dos dereitos de autoría, o xurado do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por:
Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno
– Andrea Martínez, alumna do IES Torrente Ballester
– Carme Hermida en representación do Concello de Pontevedra
Montse Pena Presas, experta en LIX
– Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora,
considerou como gañadora por maioría dos votos a obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, pola fortaleza dos personaxes femininos dotadas dunha afouteza optimista e sen creba, a introdución do bestiario máxico galego nun contexto histórico e, no entanto, dotado de modernidade e a mestría con que tece con precisión a linguaxe nos novelos da maxia.
Unha vez aberta a plica o autor resultou ser: Antonio Manuel Fraga.
Asemade o xurado considera finalistas e recomenda a súa publicación as obras presentadas cos seguintes lemas:
“Be Water”
“Irmá Paxaro”
Xs autorxs destas obras poden poñerse en contacto coa editora en info@urcoeditora.com
Queremos agradecer ás 31 persoas que participaron na primeira edición do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola calidade das obras presentadas.”

Pontevedra: Salón do Libro 2018, Mulleres de conto

Desde o Salón do Libro:
“O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela pretendemos render merecida homenaxe a ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX. Aquí pode verse o programa completo.

Pontevedra: Obradoiro de poesía visual, con Baldo Ramos. Os ollos das palabras: Poesía para ver

O Obradoiro de poesía visual Os ollos das palabras: Poesía para ver, impartido por Baldo Ramos, cunha clase maxistral de Xosé María Álvarez Cáccamo, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

“Lemos cos ollos. As palabras sempre conteñen un significado visual, pero tamén poden ser un significante que comunica plasticamente. Acceder á poesía polos ollos. Escribir como o escultor que moldea unha forma ata que significa, ata que atrae a nosa ollada. Cicelar a poesía coas mans. Darlle a forma que nos permita compartir cos demais a súa materialidade, o seu xeito de ser corpo, de ser espazo habitable.”
Partindo dunha reflexión inicial sobre aspectos históricos e estéticos da poesía visual, e dun resumo da experiencia do autor neste ámbito, elaboraranse dous proxectos literarios diferentes:
Un libro de artista ou libro obxecto, confeccionado cos materiais (poéticos e plásticos) que xurdan do obradoiro.
Un libro colectivo, en formato de libro-acordeón, composto polas colaboracións das persoas participantes.”

Calendario e inscrición
Días: venres 16 e 23 de febreiro; sábado 3, venres 9, venres 16 e xoves 22 de marzo; venres 6 e venres 27 de abril; venres 4, venres 11, venres 18 e venres 25 de maio.
Horarios: de 18:00 a 20:00 en xoves e venres, e de 11:00 a 13:00 os sábados
– Lugar: Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.
25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
Nome e apelidos
Correo electrónico
Núm. do documento de identidade
Enderezo completo
Data nacemento
Ocupación
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.