O compromiso coa transmisión da lingua protagoniza a entrega dos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro, que tivo lugar na Casa Museo de Rosalía de Castro, estivo encabezado pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, serviu ademais para celebrar, en palabras da deputada, “o compromiso forte co galego”. Así, a premiada na categoría de persoas, a escritora María Canosa enxalzou a transmisión da lingua nai que ela recibiu por parte da súa familia e que agora ela transmite ás súas fillas. O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, premiada na categoría entidades, fixo un repaso polos máis de corenta anos de actividade da Asociación e que acaba de acadar o medio milleiro de autoras e autores asociados. Por último, Irimia Fernández, creadora dos xogos infantís Brazolinda, proxecto premiado na categoría dedicada a promoción da lingua entre a poboación de menor idade, incidiu na importancia de contar con recursos na lingua propia en todas as facetas da vida e desde idades temperás, e nomeadamente a través dos xogos e o lecer.
O acto rematou coa música de Adhara & Ritman, que mesturan o folk galego con outros estilos puros de raíz, coma o blues, o reggae, ou swing, o mesmo en letras propias que en adaptacións da lírica popular do país.
Convén lembrar que o xurado nesta edición estivo conformado por María Muíño, deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos García, de Twitter en galego. Como secretaria actuou Dores Sánchez, técnica de normalización lingüística da institución provincial.”

Literatura e filosofía centrarán as residencias do Pazo Mariñán, da Deputación da Coruña

Desde Nós Diario:
“A actividade da área de Cultura da Deputación da Coruña anunciou as oito autoras e autores que participarán nas residencias que terán lugar durante catorce días os meses de xullo e decembro.
Vanesa Martínez, María Esther Fernández Carrodeguas, Andrés Sanjurjo, María Soraya Lema, Paula Domínguez, Judith Ruso, Xosé Xerardo Pereiro e Abraham Pérez, son as oito autoras e autores que participarán na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento.
O xurado desta selección estaba formado polo videocreador Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid e pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo.
Tamén participaron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, como secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
Tras a encontro do xurado, Xurxo Couto explicou que “o obxectivo fundamental desta iniciativa é ir máis aló dos resultados finalistas, apoiando os procesos de creación e atendendo a unha demanda histórica das creadoras e creadores do país”.
O deputado de Cultura tamén salientou a “diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias que, ao igual que ocorrera nas de música, confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso”.
Quendas en xullo e en decembro
No mes de xullo desenvolverán a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Mentres, en decembro será a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en Literatura, e de Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández na de Pensamento. Cada estadía terá unha duración de 14 días.”

A AELG gaña o XIII Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A escritora María Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras dos XIII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. O certame quere recoñecer cada ano a labor na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego.

O xurado formárono María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos Vieito, de Twitter en galego. María Muíño presidiu o xurado, no que actuou como secretaria Dores Sánchez, técnica de Normalización Lingüística da institución provincial.

Á hora de outogarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o “seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora etc.”. Da AELG salientou “a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións… ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua”. E do proxecto Brazolinda, “non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento”.

Desde a AELG agradecemos enormemente este recoñecemento, froito do traballo colectivo das escritoras e escritores da nosa literatura, e que nos dá folgos para continuar avanzando na posta en valor do labor das creadoras e creadores como parte activa da sociedade galega.