Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega celebrou no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra, tras a activación o pasado mes de xaneiro da sección das Letras Galegas 2021 na web institucional, academia.gal, en permanente actualización.
“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.
A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.
Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. “Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou. (…)
A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.”
Arquivos da etiqueta: Deputación da Coruña
Festival 2021: Rosalía Fernández Rial
Festival Rosalía 2021: María Reimóndez
Finalistas nos premios Follas Novas do Libro Galego 2021
Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundos dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.
Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.
A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a lista definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son os gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, Centro Español de Dereitos Reprográficos, o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia.
FINALISTAS
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2020
Ensaio e investigación
– Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
– Nós xs inadaptadxs. Representações, desejos e historias LGTBIQ na Galiza (Através Editora), VV. AA. Daniel Amarelo (coord.).
– Zona a Defender (Edicións Xerais de Galicia), Manuel Rivas.
Divulgación
– Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), Henrique Alvarellos.
– Guía definitiva dos peixes da Galiza (Soriaourensana de Libros), Pancho Lapeña e Nacho Munilla.
– Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.
Narrativa
– Entre donas (Baía Edicións), varias autoras.
– Para toda a vida (Aira Editorial), Eva Moreda.
– Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.
Infantil
– Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Xuvenil
– A nena do vestido de flores (Aira Editorial), Manuel Fontemoura.
– O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Libro ilustrado
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
– Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
– Extra! (Kalandraka Editora), Paco Nogueiras e Marc Taeger (ilus.).
Libro de banda deseñada
– Corona-Bíos (Demo Editorial) Manel Cráneo.
– O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
– Pequena historia da Coruña (Edicións Embora), Xosé Alfeirán e Xosé Tomás.
Iniciativa bibliográfica
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
– Carta xeométrica de Galicia-Facsimilar (Cerne), Domingo Fontán.
– Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939 (Editorial Galaxia), Miguel Anxo Seixas Seoane.
Tradución
– A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
– Aramados (Alvarellos Editora), Manuel García Gerpe, traducido por Miro Villar.
– Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira Editorial), Kenji Miyazawa, Miguel Robledo (ilus.), traducido por Gabriel Álvarez Martínez.
Poesía
– A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
– A ganancia e a perda (Kalandraka Editora), de Martín Veiga.
– Ninguén morreu de ler poesía (Edicións Xerais de Galicia), Aldaolado.
Teatro
– Melancoholemia (Kalandraka Editora), Antón Reixa.
– O charco de Ulises (Edicións Positivas-Xunta de Galicia), Santiago Cortegoso.
– Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.
Libro mellor editado
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
– O bolero de Ravel (Kalandraka Editora), José Antonio Abad e Federico Delicado (ilus.).
– O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz.
– Poetas Di(n)versos.
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.
Proxecto literario na rede
– Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
– Nee Barros. Canle de Youtube de promoción de libros en galego.
– O bosque dos cromosomas, de Olga Novo.
Xornalismo cultural
– Montse Dopico.
– Ramón Nicolás.
– Ramón Rozas.
Sada: representación de #camiños, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira
Bases do XV Premio Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil
Bases do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais
Bases do XIII Premio Manuel Murguía de Ensaio
Bases do XXXIII Premio Torrente Ballester en lingua galega
Os Premios do Libro Galego inician a súa sexta edición e pasan a denominarse Follas Novas
A sexta edición dos premios que recoñecen todas as actividades arredor do mundo do libro en Galicia está en marcha estreando un nome ligado ao nacemento mesmo do libro en Galicia. A partir desta edición, os premios que se coñecían como Gala do Libro pasan a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, en homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.
As tres asociacións convocantes, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) iniciaron o proceso de selección das obras finalistas. Na celebración dos premios colaboran o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
Esta sexta edición dos Premios do Libro Galego estará marcada, como estivo a anterior, pola situación pandémica que vive o mundo, de maneira que todos o procesos de elección dos premios serán virtuais, incluíndo a gala dos Premios Follas Novas que, só en caso de melloría manifesta da situación en Galicia, podería celebrarse de maneira presencial.
Os premios Follas Novas dos Libro Galego queren poñer en valor todas as actividades relacionas co mundo libro en Galicia, desde a creación literaria ata a edición e as distintas iniciativas arredor do libro. Esta sexta edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas durante o ano 2020, un ano especialmente difícil para todo o sector que se viu especialmente afectado pola situación pandémica desde o pasado mes de marzo.
Nesta sexta edición, os premios manterán o mesmo número de categorías e o sistema de elección, cunha primera fase preliminar na que cada asociación escolle aos seus candidatos nas distintas categorías e, a partir de aí, un xurado designado polas asociacións convocantes escollerá tres títulos para ser finalistas en cada categoría e, finalmente, a elección dos premiados en cada unha delas. En total, son quince as categorías que se escollen neste galardón. Ademais destas categorías, na gala de maio tamén se fará entrega dos tres premios honoríficos: o de Escritor/a Galego/a Universal, o premio á Edición e o premio á Libraría.
Categorías dos Premios Follas Novas do Libro Galego
1ª.- Premio á obra de ensaio e investigación.
2ª.- Premio á obra de divulgación.
3ª.- Premio á obra de narrativa
4ª.- Premio á obra infantil.
5ª.– Premio á obra xuvenil.
6ª.- Premio ao libro ilustrado.
7ª.- Premio ao libro de banda deseñada.
8ª.- Premio á iniciativa bibliográfica.
9ª.- Premio á obra traducida.
10ª.- Premio ao libro de poesía.
11ª.- Premio ao libro de teatro.
12ª.- Premio ao libro mellor editado.
13ª.- Premio á iniciativa cultural ou fomento da lectura.
14ª.- Premio ao proxecto literario na rede.
15ª.- Premio á traxectoria en xornalismo cultural.














