Gondomar: Semana do libro e a lectura, XIV Dar de ler coma quen dá de beber

Finalistas nos premios Follas Novas do Libro Galego 2021

Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundos dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.
Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta gala será transmitida e, en función da situación pandémica do momento, poderá ter formato presencial se fose posible.
A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a lista definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son os gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, Centro Español de Dereitos Reprográficos, o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia.

FINALISTAS

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2020

Ensaio e investigación
Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
Nós xs inadaptadxs. Representações, desejos e historias LGTBIQ na Galiza (Através Editora), VV. AA. Daniel Amarelo (coord.).
Zona a Defender (Edicións Xerais de Galicia), Manuel Rivas.

Divulgación
Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), Henrique Alvarellos.
Guía definitiva dos peixes da Galiza (Soriaourensana de Libros), Pancho Lapeña e Nacho Munilla.
Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.

Narrativa
Entre donas (Baía Edicións), varias autoras.
Para toda a vida (Aira Editorial), Eva Moreda.
Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.

Infantil
Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Xuvenil
A nena do vestido de flores (Aira Editorial), Manuel Fontemoura.
O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Libro ilustrado
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
Extra! (Kalandraka Editora), Paco Nogueiras e Marc Taeger (ilus.).

Libro de banda deseñada
Corona-Bíos (Demo Editorial) Manel Cráneo.
O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
Pequena historia da Coruña (Edicións Embora), Xosé Alfeirán e Xosé Tomás.

Iniciativa bibliográfica
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Carta xeométrica de Galicia-Facsimilar (Cerne), Domingo Fontán.
Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939 (Editorial Galaxia), Miguel Anxo Seixas Seoane.

Tradución
A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
Aramados (Alvarellos Editora), Manuel García Gerpe, traducido por Miro Villar.
Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira Editorial), Kenji Miyazawa, Miguel Robledo (ilus.), traducido por Gabriel Álvarez Martínez.

Poesía
A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
A ganancia e a perda (Kalandraka Editora), de Martín Veiga.
Ninguén morreu de ler poesía (Edicións Xerais de Galicia), Aldaolado.

Teatro
Melancoholemia (Kalandraka Editora), Antón Reixa.
O charco de Ulises (Edicións Positivas-Xunta de Galicia), Santiago Cortegoso.
Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.

Libro mellor editado
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O bolero de Ravel (Kalandraka Editora), José Antonio Abad e Federico Delicado (ilus.).
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz.
– Poetas Di(n)versos.
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.

Proxecto literario na rede
Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
Nee Barros. Canle de Youtube de promoción de libros en galego.
O bosque dos cromosomas, de Olga Novo.

Xornalismo cultural
– Montse Dopico.
Ramón Nicolás.
– Ramón Rozas.

Tabela dos libros. Febreiro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Suso Lista presenta Como a roda no muíño: “É unha novela bastante ghamberra”

Desde Que pasa na Costa:
“Xa está nas librarías a nova novela de Suso Lista. O polifacético cormelán presenta Como a roda no muíño (edicións Embora), unha novela con “moito humor, bastante gamberra, e moi crítica, que non vai deixar a xente indiferente”, segundo el mesmo nos conta.
Leva 4 anos inmerso neste proxecto (2 de escritura e 2 de revisións), despois de rematar a súa triloxía de relatos curtos. “Cando rematei Charamuscas, pasei un tempo sen escribir, así en serio, pero un día abrín unha libreta que tiña por casa e atopei uns boquexos dun guión dunha serie que queríamos facer hai 7 anos, bastantes simpáticos. En base a ese guión, (eu vou do revés, en vez de facer a novela e despois a película, fago a novela despois da película) collín un deses personaxes, un galego nado en Suíza, e o trouxen ata casa”, explica.
”A novela empeza dende que vive en Suíza e decide vir á terra dos seus pais. Dende que sae de alí ata que chega ata aquí, facendo o Camiño francés, sucédenlle unha serie de desventuras moi romcabolescas, moi berlangianas. Ese mundo do esperpento é moi galego, moi valleinclaniano, é moi noso e sempre me levou idea”, recoñece. “Unha vez que chega aquí, se desenvolve a maior parte da trama, pero non vou contar máis”.
Aconsella poñer as cancións cando van saíndo, porque hai moita música e moita gastronomía poñendo un pouco de cordura ao surrealismo dominante. Matiza, iso si, que ”é un libro de antes da pandemia, un mundo que xa rematou”.
En todo caso, “se a xente o pasa tan ben como eu escribindo, xa firmo”, valora o cormelán.”

“Odisea do Camiño e da Costa da Morte”

Desde Nós Diario:
“Unha das personaxes que protagonizan as 427 páxinas da primeira novela longa de Suso Lista, Como a roda no muíño (Edicións Embora, 2020), chámase Ulises e durmía entre as libretas do autor de Corme até que, logo de publicar o seu terceiro libro de relatos, “animado pola xente”, conta o propio escritor, “rebusquei entre as anotacións que tiña de tempo atrás”.
E alí estaba el, un fillo da emigración galega en Suíza que á morte dos seus pais queda nunha mala situación e decide viaxar a Galiza a través do Camiño francés a Compostela.
“Máis que aventuras son desventuras as que lle van pasando na viaxe polo Camiño de Santiago”, explica Suso Lista que aclara que Como a roda no muíño é diferente ás publicacións xacobeas ás que estamos afeitas. “Excepto ao Códice Calixtino, que unha vez que o vin respirei tranquilo, porque na comparativa eu non trato peor o Camiño”, asegura.
Este Ulises moderno, e galego, entre moitas peripecias chega até a Costa da Morte, onde orixinalmente o autor tiña a personaxe. E chega para seguir vivindo unhas “aventuras bastante rockambolescas, berlanguianas”, di Lista.
Lembra que el se criou nun cine e que por xeración tamén lle tocou vivir a época do director Luis García-Berlanga (do que en 2021 se fan os 100 anos do nacemento) e do guionista Rafael Azcona, dos que está influído para as súas creacións. Así a súa é unha novela “divertida, a xente vaino pasar moi ben, e ademais é fácil de ler porque vai estruturada segundo as etapas do Camiño, co que se pode deixar e descansar”, explica.
Para engadir que a lectura “vén moi ben neste tempo de pandemia, para quen non realizara o Camiño é unha maneira de facelo e para quen o faga é outra maneira, porque estou seguro que a ninguén lle pasou o que lle pasou a Ulises”.
E o que lle acontece, sen desvelar a trama de Como a roda no muíño, é que “basicamente tenta pasalo ben, pero as cousas non son sempre como un quere”, di o seu creador. Senón que as cousas son cómicas, ou traxicómicas. Mais desta volta “cunha maior carga de humor” que as obras anteriores.
Outra das singularidades desta obra de Suso Lista é que se desenvolveu, dunha maneira distinta ás outras, desde hai catro anos, e “houbo cousas que escribín e logo tiven que dar marcha atrás porque sucederon”.
Un destes eventos foi a iniciativa de Ulises para “que houbese unha lei que prohibise cocer o marisco, e cando xa estaba escrito sae unha lei en Suíza” en relación con cociñar o polbo. E nesa liña ‘Nostradamus’ saen as Brigadas Deseucaliptizadoras, “cando aínda non existían, porque eu non son brigadista pero si un comando especial que leva máis de 30 anos arrincando eucaliptos”, reivindica Lista. E así, o propio Ulises “alaba a iniciativa e quere ir coas brigadas facer a revolución”.
Como a roda no muíño está aínda a chegar ás librarías e neste 2021, até agora tamén marcado pola Covid-19, as presentacións literarias, tal e como as coñeciamos, non se poden producir. Así, o público de Suso Lista deberá estar atento ás redes sociais do autor para non quedar sen o seu exemplar. (…)”