Arquivos da etiqueta: Edicións Laiovento
Irmandiñas, de Aurora Marco, gaña o III Premio de Investigación Baltar Feijóo
Desde a Fundación Rosalía:
“O xurado do III Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo optou de forma unánime por galardoar Irmandiñas, de Aurora Marco (Laiovento, 2020) como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O xurado, que premiou Irmandiñas por unanimidade, salientou que “é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no periodo das Irmandades: a protagonizada por mulleres. Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade”.
Reunido de forma presencial e telemática, o xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
Irmandiñas consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas. Estaban no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual do Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro para tentar cubrir un inxusto baleiro. (…)
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía o 29 deste mes de decembro.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a terceira edición do Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao. (…)”
Vigo: presentación de Retratos en fite, de Xosé Manuel Beiras
Compostela: presentación da tradución de Moza falangueira procura lingua materna, de Carys Evans-Corrales
Manuel Rivas, Xavier R. Madriñán, A cova de Eirós, Ugia Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela, Premios da Crítica de Galicia 2022
A Coruña: presentación de O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais, de Xosé Manuel Sánchez Rei
Lugo: presentación de A Grande Transformaçom, de Karl Polanyi
Intensa actividade da Asociación Galega de Editoras, con doce editoras presentes, na Feira de Frankfurt
Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras participa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará nesta cidade alemá a vindeira semana, entre o 19 e o 23 de outubro, e que este ano terá a España como cultura convidada. A Asociación Galega de Editoras participará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, coa colaboración de CEDRO, no que doce editoriais desenvolverán un intenso programa de actividades profesionais: Alvarellos Editora, Baía Edicións, Kalandraka, Galaxia, Hércules de Ediciones, Xerais, Positivas, Laiovento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Ediciones del Viento, e a distribuidora Arnoia.
A AGE elaborou o catálogo “Galician Books”, específico para esta Feira, cunha selección de 90 títulos das doce editoras presentes, e o audiovisual “Unha edición poderosa” onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos.
ACTIVIDADES PROFESIONAIS A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS EN FRANKFURT
Editar en catalán, éuscaro e galego
20 de outubro, ás 11:00 (Pavillón 4.1, stand D4)
Coorganizada pola Associació d’Editors en Llengua Catalana, a Associació d’Editorials del País Valencià, Euskal Editoreen Elkartea (Asociación de Editores en Lingua Vasca), o Gremio de Editores de Euskadi, e a Asociación Galega de Editoras, celebrarase a mesa Editar en catalán, éuscaro e galego, para poñer en valor a edición nas demais linguas do Estado. Participarán Joan Abellà (presidente da AELC, e Enciclopèdia Group), Henrique Alvarellos Casas (presidente da AGE ), Carmen Elvira Balsalobre (presidenta do gremio vasco, Pamiela editorial), Àfrica Ramírez Olmos (presidenta do gremio de editores valenciano, directora de Balandra Edition); moderada por Laura R. Herrera (Hércules de Ediciones)
Henrique Alvarellos, presidente da AGE, conversa co autor Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021, arredor da obra Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañadora do Premio Nacional do Libro de Narrativa 2021
O 22 de outubro, ás 10:00, no pavillón 4.1, stand D4, habilitado para actividades profesionais da Federación de Gremios de Editores de España, o presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, manterá unha conversa co autor galego Xesús Fraga, cuxo último libro, Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañou en 2021 o Premio Nacional do Libro de Narrativa.
«UNHA EDICIÓN PODEROSA», LEMA DO VÍDEO PROMOCIONAL QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS LEVARÁ A FRANKFURT
«Unha edición poderosa» é o lema do vídeo promocional que a Asociación Galega de Editoras preparou para a Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a cargo da produtora Illa Bufarda.
O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros, galardóns concedidos anualmente polo Ministerio de Cultura de España, e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia.
Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende as últimas persoas premiadas ata as máis veteranas. Un recoñecemento continuo, dende a década dos 80, ao sistema literario e editorial galego. (…)
A EDITORIAL GALAXIA ORGANIZOU UNHA ACTIVIDADE ARREDOR DA ESCOLA DE LETRAS
A Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, será presentada ao sector e aos medios alemáns o xoves 20 de outubro, ás 10:00, no stand D4 da Federación de Gremios de Editores de España. No encontro participarán o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a escritora Inma López Silva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.”