Taboleiro do libro galego XXXV (xuño 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Última entrega do  “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de xuño 2015, que contou coa colaboración de dez librarías galegas:  Libros para Soñar de Vigo, O Pontillón de Moaña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu,  Aira das Letras de Allariz, Lila de Lilith de Compostela, Biblos de Betanzos, Librouro de Vigo, Suévia da Coruña e mais Cartabón de Vigo. Grazas a todas elas e esta sección despídese até despois do verán..

NARRATIVA
1º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Xerais.
3º-. A música dos seres vivos, de María Reimóndez, Xerais.
4º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
5º-. Funambulistas, de Mercedes Leobalde, Xerais.
6º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
7º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
8º-. O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, Galaxia.

POESÍA
-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
2º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, PEN Club.
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
6º-. Palavras a Espártaco, de Vítor Vaqueiro, Através.

ENSAIO-TEATRO
-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. Historia de Galicia, de David Pérez, Edicións do Cumio.
3º-. Nacionalismo galego aquén e alén mar, de Uxío-Breogán Diéguez, Laiovento.
4º-. No tempo de Follas Novas, de Pilar García Negro (ed.), Alvarellos Editora.
5º-. Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero, Xerais.

XUVENIL
-. A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. O solpor dos deuses. As crónicas de Bran 3, de Xosé Duncan, Contos Estraños.
-. Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira, Urco.
-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.

INFANTIL
-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. Os libros da merenda, VV. AA., Urco Editora.
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
-. Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz, Edebé.
-. Gatiño e as vacacións, Joel Franz Rosell e Constanze v. Kitzing, Kalandraka.
-. A historia de Parche, Concheiro, Os Biosbardos.

LIBROS CD-DVD
-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
3º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e David Pintor, Kalandraka.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Té, chocolate, café, Golfiños, Gestión Cultural.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

Uxío-Breogán Diéguez: “A historia di que o nacionalismo consegue ser hexemónico cando está unido”

EntrevistaUxío-Breogán Diéguez de Carme Vidal a Uxío-Breogán Diéguez en Sermos Galiza (a foto do autor é de Xan Muras):
“En Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), Uxío-Breogán Diéguez elabora unha completa historia de case corenta anos do movemento nacionalista en case cincocentas páxinas, resultado de moitos anos de investigación. Entre as teses que defende destaca a continuidade do nacionalismo organizado na Terra a partir dos anos cincuenta co do exilio.
– Sermos Galiza (SG): Estuda o período de 1936 a 1975. Por que parte do ano do golpe militar?
– Uxío-Breogán Diéguez (UBD): A cronoloxía non é casual. Relacionamos o 36 co golpe militar, mais quixen que simbolizara outra realidade, en clave patriótica, que semella eclipsada: a conclusión exitosa dunha intensa campaña en favor das liberdades galegas. No plebiscito do Estatuto do 28 de xuño o pobo galego decidiu, por máis do 90% dos votos emitidos, que Galiza contara cunha carta que pautara a relación do país, recoñecido como tal, con España. (…)
– SG: Na súa investigación defende que o nacionalismo que se artella no país a partir dos anos cincuenta toma o relevo do exilio?
– UBD: Ao meu ver, a continuidade é clara. Lexitimado polo plebiscito estatutario, no 44 creárase o Consello de Galiza, sorte de ‘goberno galego’ no exilio -un goberno galego tería que se ter creado na Terra, a partir dunha aprobación do Estatuto que non se deu-. Os fundadores foron aqueles deputados nacionalistas eleitos. É contemporánea a reorganización na Terra do PG, con Piñeiro, Del Riego e Illa Couto, entre outros; quen actuarán centralmente en clave antifranquista. O PG acabaría diluíndose no final dos 40 no selo editorial “Galaxia”, creado no 1950, apostando aqueles por un decidido resistencialismo cultural. É tempo no que unha e outra póla procuran un relevo.
Entre tanto, mocidade galega con consciencia nacional creara Brais Pinto en Madrid, tendo antecedentes como Xente Nova (Ourense). A táctica do exilio pasaría por crear na Terra, logo de desaparecer o PG, un organismo xuvenil explicitamente nacionalista, naturalmente clandestino. Será o “Consello da Mocidade”, no que participarán mozos de ambas realidades. A tal efecto desde o exilio sería enviado Antón Moreda, que recreara con outros mozos e mozas as Mocedades Galeguistas (1954). Tan só tería unha duración de tres meses, mais contribuiría a evidenciar contradicións diversas e madurar aquel nacionalismo que aniñaba. A Unión do Pobo Galego sería produto do desenlace do Consello, tendo como antesala o manifesto homónimo do 63. Como organización nace no 1964, ensaiando unha ‘fronte patriótica’; primeira organización explicitamente nacionalista galega após o 36. Tamén viña de se crear no verán do 63 o Partido Socialista Galego, formación que aínda naquela altura non se declararía nacionalista (declarábase ‘socialista galega e europeísta’), malia que no seu seo o nacionalismo estaba presente en non poucos militantes. Ambas organizacións han ter militancia aquén e alén mar, editando os voceiros Terra e Tempo e Adiante, respectivamente. (…)”

Cris Pavón: “Retomei o vampirismo para revivir o seu espírito transgresor nunha clave contemporánea”

EntrevistaCris Pavón de Montse Dopico a Cris Pavón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O relato que lle dá título ao libro, Á busca da orixe perdida das especies, fala de Proust e da loita contra o tempo. Da arte como medio de superar o tempo. E este é un dos fíos de todo o libro. En que sentido?
– Cris Pavón (CP): Iso da arte como medio para superar o tempo son palabras de Proust. Eu falaría máis ben da arte como un xeito de coñecemento diferente á ciencia, complementario se queres. E ese relato que dis busca establecer paralelismos entre esas dúas formas de coñecemento valéndose das biografías de dúas personalidades senlleiras nos seus eidos, Proust e Darwin, que para min resultan moi atractivas, e que me permiten contrapoñer, contrastar, a memoria persoal, de individuos con conciencia, e a memoria biolóxica, esa longa historia da que os humanos somos só un brevisimo episodio. (…)
– MD: A memoria é unha invención, coméntase neste primeiro relato. E a memoria está presente en todos os relatos do libro. En relación coa identidade. Por que ese interese na memoria?
– CP: A memoria é unha invención ‘controlada’, é unha re-creación sometida a filtros racionais, emocionais. É esencial en calquera ser vivo, todo o que somos é soportado pola memoria, como unha non vai ter un interese niso? A neurociencia cognitiva, psicanálise incluída, vai amosando os mecanismos e a xeografía dese territorio e eu tento achegarme ao coñecemento que a divulgación científica ofrece.
Sen memoria non pode haber, xa non identidade, senón nin sequera percepción. Contrastamos o que recibimos a través dos sentidos co que temos xa interiorizado, esquematizado. Así re-coñecemos, entendemos o que percibimos no nivel máis básico da cognición. A iso haille que engadir, superpoñer, modelos máis complexos (lingüísticos, xenéricos, afectivos, éticos) que imos absorbendo do medio no que nos socializamos… E outra cuestión a ter en conta nese proceso son os contidos da psique que non chegan a lembrarse, as causas polas que non lles é doado facerse conscientes. (…)
– MD: Por debaixo de Limiar de conciencia, como de Sangue 12 ou de parte dos relatos de Á busca perdida, está a túa relación con distintos textos da literatura universal. (Byron, M. Shelley, etc). Que textos che serven dalgún xeito de referencia para escribir as túas historias e por que?
– CP: Como di Rodrigo Fresán, a literatura é sempre metaliteratura. Todo o que teño lido me serve. E non só literatura, dende logo. Sangue 12 naceu arredor de Ada Lovelace, estraña geek daquela, así que as referencias polo que a ela atinxe como filla de Lord Byron, impúñanse por si mesmas: Byron e os seus amigos na vila Diodati no mítico verán de 1816.
Pero, máis aló dos referentes explícitos, a literatura é parte do argumento en tanto amosa o poder salvador, ou perturbador, da mesma, a forza coa que se mestura coa vida, ao ser fornecedora de modelos nalgúns momentos, de acubillo noutros. En Sangue 12 a protagonista atopa na literatura unha solución radical ao seu maior problema, a súa arela de non medrar. Como fixeron o Quijote, ou Emma Bovary, ou tantos outros de menor talla, ela busca no que ten preto, na súa contorna, e escolle a historia do Vampiro, escoitada da boca de Polidori.
E, tamén, a literatura dálle agocho. Cara onde pode fuxir alguén cando é feble e non atopa empatía entre os achegados, como lle acontece á protagonista? Aos mundos da literatura. A literatura enche o seu tempo cando non pode relacionarse case con ninguén.
Niso é como a máquina LIDIA, de Limiar de conciencia. Limiar de conciencia ten a metaliteratura nos alicerces. LIDIA emprega modelos literarios para construír os seus textos, os seus logs diarios levan na cabeceira referencias a eses modelos. Todo o texto está inzado de referencias literarias, non só como citas, senón na propia estrutura, por exemplo nos relatos aniñados ao xeito das mil e unha noites, onde a Carapuchiña Vermella ten un papel estelar. E onde as SHEREZADES amosan todo o seu potencial. (…)”

Tabela dos Libros de maio de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_maio_tabela