Desde
Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, con ilustracións de Xosé Cobas, recibiu o diploma que acredita a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY no ano 2018. O acto de entrega tivo lugar no marco do 36º Congreso Mundial do IBBY, celebrado en Atenas do 30 de agosto ao 1 de setembro pasados.
Cada dous anos publícase en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY, que inclúe libros de todo o mundo que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación noutras linguas das obras eixidas.
Os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán ao Xapón, Rusia, os EE.UU., e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019, para logo pasar a formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de Múnic.”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Manuel Gago: “Esta novela vai sobre heroes que fan grandes cousas sen grandes palabras”
Entrevista
a Manuel Gago en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Canto de realidade, de historia, hai no libro [O exército de fume]?
– Manuel Gago (MG): A novela está composta por feitos, ficción e lendas, que é o que máis me interesa porque son cousas inventadas cun fondo real. Está documentada, pero non é fiel. Toma como base un evento histórico que tivo un gran impacto en Galicia, e como quedou na imaxinación da xente, que transformou moitas partes en lenda. Así, tódolos elementos se confunden e pasa que en Valdeareas hai un porto que se parece moito ao de Balarés.
– LVG: Daquela e ata certo punto, O exército de fume nace no castro de Niñóns.
– MG: Ata certo punto si, pero unha novela é como un fermento de lecturas, vivencias e moitas cousas. No caso desta novela hai feitos que sucederon na comarca do Barbanza: contaban na familia como aprovisionaban submarinos alemáns no medio do Atlántico. Unha parte do escenario nace da experiencia de Niñóns, de xentes fascinantes, con moita vida percorrida e aos que tento representar con dignidade, xente que sabía como resolver as cousas e facer as que, as veces, hai que facer. De Brantuas e Niñóns o que máis hai na novela é a capacidade de emprendemento desas xentes.
– LVG: ¿Empezou o libro cando estiveron no castro?
– MG: Un pouco despois, pero eu sempre digo que os libros escríbense durante toda a vida, desde o momento que naces. Eu, por exemplo, tiña a idea de escribir sobre os submarinos alemáns desde hai moito tempo.
– LVG: ¿De contar o que lle contaron na casa cando era neno?
– MG: Si, na familia calaban moitas cousas, pero das historias dos alemáns, dos nazis, falaban moito. Eran uns seres un pouco míticos que viñeron roubar grandes pedras de cuarzo no Barbanza. Meu avó, seguro que para espantarme cando era neno, falaba de cando o tiraron dun avión alemán á praia. Estaban sempre presentes. Hai que pensar o que lles debía chamar a atención na Galicia dos anos 30 ou 40 esa xente que viña de fóra, con moitos cartos para facer negocios. A novela trata ese aspecto, o mito dos alemáns, esa parte de lenda, porque eu sei mesmo de castros feitos por alemáns e non por mouros [ri], sempre houbo fascinación polo que viña de fóra. Outra parte da novela son os guerrilleiros. Diso falábase moi pouco porque era conflitivo, pero non había problema co dos alemáns. (…)”
Conversa con Manuel Rivas arredor de Contra todo isto
Andrea Maceiras: “O acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade”
Entrevista
a Andrea Maceiras en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Como nace O que sei do silencio (Xerais, 2018)?
– Andrea Maceiras (AM): A novela está libremente inspirada nunha historia real que me contou unha amiga que era profesora, algún tempo antes de que eu comezara na docencia. O relato que me fixo emocionoume moito e fíxome reflexionar sobre a idea preconcibida e moitas veces errónea que temos (ou que eu tiña) do acoso. A vítima deste caso tiña un perfil moi diferente do que habitualmente imaxinamos e iso levoume a pensar en que todos somos susceptibles de sufrir acoso e que mesmo para unha persoa acosada pode chegar a ser moi difícil chegar a recoñecerse nese papel. A sociedade invítanos a parecer fortes, felices, populares. E fainos crer que pedir axuda nos volve débiles. Iso convirte o acoso nun monstro silencioso, difícil de explicar para quen o sofre e difícil de detectar para os demais. (…)
– PG: a nivel narrativo escolle voces distintas, o que permite visualizar a situación dende perspectivas e temporalidades diversas. Foi sinxelo codirixir todas estas voces distintas sobre a traxedia?
– AM: A novela foi difícil no sentido de que aborda un tema delicado que afecta a adolescentes que se achan nun momento sensible das súas vidas, construíndo a súa identidade persoal e a súa forma de mirar o mundo. O feito de que existan diferentes perspectivas responde á idea de que o acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade. A narradora acaba por decatarse de que os responsables do acoso tamén son aqueles que, sabendo que existe, no fan nada por evitalo, á marxe da súa condición ou idade. O resto das voces que contribúen ao relato, completan a súa visión sobre o problema.
– PG: Delia, a voz máis principal, abre un blogue no que relata a súa visión de todos estes meses nos que acosou. Pensa que escribir é un acto terapeutico?
– AM: Escribir (igual que ler) ten algo de terapia, de catarse, de liberación. Delia é unha adolescente que busca redimirse, compartir a súa experiencia a modo de confesión. Elixe a escrita dun blog porque lle permite dar conta da súa historia desde a anonimia, ordenar o seu pensamento, reflexionar sobre o sucedido. O propio título da obra refírese a angustia que Delia sentiu ao gardar silencio ante eses feitos crueis: ela quere poñer en palabras o que viviu, avanzar a través delas e tratar de perdoarse a si mesma. (…)”
A escritora Andrea Maceiras preséntanos O que sei do silencio
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Andrea Maceiras preséntanos O que sei do silencio, unha novela xuvenil, publicada por Xerais, atravesada polo acoso escolar. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 25 de agosto
O
25 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:
– 20:00 h. Presentación e recital de poesía e humor de Long Play, de Lois Pérez, publicado por Xerais.
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 24 de agosto
O
24 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:30 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora. Participa Pilar García Porto.
– 18:30 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia.
– 20:00 h. Teresa Moure presenta Não tenho culpa de viver, de Ana Brouwer, publicada por Chan da Pólvora.
– 21:00 h. Presentación de Corpo, de Antón Lopo, publicado por Xerais.
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 23 de agosto
O
23 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Presentación de Empatía dos gatos, de Mónica Sánchez, publicado por Chan da Pólvora.
Manuel Gago: “Heroes non temos, pero mártires, unha chea deles. E iso é interesante, porque o mártir é un axente pasivo”
Entrevista
de Montse Dopico a Manuel Gago en Praza:
“(…) – Praza: Un país sempre ten heroes, dille na novela [O exército de fume] unha nena ao pintor do mar, que previamente afirmara que en Galicia non temos heroes. En que sentido é esta novela unha reivindicación dos “heroes” galegos que non foron reis, nobres, altos xerarcas da Igrexa, etc? Por que reivindicalos como heroes, é dicir, por que cres que Galicia precisa, dalgunha maneira, heroes? (Se o cres…)
– Manuel Gago: Estes días fun xurado dun concurso escolar de redaccións sobre Galicia. Chamoume a atención da visión que os escolares tiñan sobre o país: basicamente unha paisaxe bonita, uns pratos de comida, as festas da vila e algún monumento. Non existía pasado! Galicia é un país sen pasado para os nenos e, polo tanto, sen figuras do pasado. Iso tamén significa que é unha identidade complementaria, secundaria fronte a outra ou outras, nas que si que existen relatos do pasado.
Hoxe sabemos ben o que son. Os heroes non son persoas, figuras históricas totalmente reais. En realidade son personaxes, identidades construídas por poderes, por grupos. Son espazos negociados de representación. E en países cunha forte tensión identitaria, os heroes adoitan ser conflitivos. Sabemos que algo raro pasa cando visitamos calquera país europeo (desde Francia a Escocia, ou desde Irlanda a Italia), atopamos unha serie de figuras que dalgún xeito personalizan historias e valores. Na nosa estatuaria pública, por exemplo, non atopamos esas figuras. Nós pasamos dos próceres caciques do XIX a figuras da cultura e, sobre todo desde os 80, a representacións icónicas do “Pobo” (o emigrante, o mariñeiro, a leiteira) que, ao non ser individuais, ao representar a un colectivo, deixan contento todo o mundo (e non crean conflito).
Unha cuestión interesante da Historia galega ao longo do tempo é a incapacidade do liderado, do consenso ante unha figura individual. E iso plásmase tamén na creación de imaxinarios, como son os heroes, que se forxan nas lendas, nas novelas, no cine ou nos cantares. En Galicia non hai, que eu saiba, nin un só heroe. Nin sequera reis, nin bispos, nin poderosos. A cuestión é por que non cremos nesas figuras. Témoslles medo? Témoslle desconfianza? Ou temos medo do conflito que traen os heroes con eles? O galeguismo de finais do XIX e principios do XX tentou crear algúns heroes como Breogán ou Pardo de Cela. Pero non hai máis que botar unha ollada ás traxectorias fallidas deses mitos na literatura ou no audiovisual galego das últimas catro décadas (practicamente ausentes) para decatarnos de que pasa algo raro con todo isto.
Os maquis da II Guerra Mundial son heroes en todos os países nos que se conseguiu vencer a Hitler; están presentes nos espazos públicos. Figuras construídas que contan un relato sobre o que un colectivo quere parecer, ou quere chegar a ser. E eses maquis son exactamente o mesmo tipo de xente que se organizou aquí no monte para resistir e combater. A diferencia principal está en que a guerrilla galega perdeu, e sobre eles o franquismo teceu infundios e tentou masacrar a súa memoria. Que, de algún xeito, hoxe en día aceptemos aínda que sexa de maneira inconsciente esa versión é algo sorprendente, significa que o vencedor está dentro de nós.
A cousa revélase aínda máis cando observamos a querenza da nosa cultura polos mártires. Porque heroes non temos, pero mártires, unha chea deles. E iso é interesante, porque o mártir é un axente pasivo, alguén que ten unha causa xusta e unha morte inxusta, unha vida truncada. Sobre iso é ben doado establecer un consenso. É sorprendente como no país -no que o catolicismo segue a ter un peso intelectual brutal, aínda que non o recoñezamos- sempre resultou máis confortable a idea do martirio que a dun heroe que loita, que pode vencer ou caer, pero que é un emblema e un modelo. Os mártires son importantes. Pero a pregunta é onde están os heroes do noso imaxinario. Son cuestións bastante perturbadoras para min, cuestións que abordan aspectos un tanto escuro da nosa identidade. (…)”
Manuel Gago: “A novela é un formato magnífico para divulgar feitos esquecidos ou pouco coñecidos da nosa historia”
Entrevista
a Manuel Gago en Radiofusión, desde Xerais:
“O club de lectura de Radio Fene escolleu a novela O exército de fume, de Manuel Gago, e o faladoiro-entrevista arredor do libro emitiuse en Radiofusión.
A peza pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”


