Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Bases do XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o de sexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 2 de novembro do ano 2021 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección “Ensaio” e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”
Presentáronse as Cantigas de Santa María co gallo do 800 aniversario de Afonso X
Desde Galaxia:
“O 30 de xuño celebrouse, ás 12:00 h., no Pazo de San Roque, unha rolda de prensa de presentación do libro Cantigas de Santa María, de Afonso X.
No acto estiveron, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, as medievalistas Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, Armando Requeixo, director da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio volven ás librarías da man de Galaxia cando se cumpren 800 anos do nacemento do seu autor, e fano en versión facsímil dunha edición de 1980. Nela, o mestre Álvaro Cunqueiro, co gallo do recoñecemento da obra de Alfonso X polo día das Letras Galegas dese ano, realizara un prólogo e escolma de poemas, aos que acompañou, ao seu carón, da súa versión en galego moderno.
As cantigas, miragres da Virxe cuxas historias chegaron, como di Cunqueiro no seu prólogo, “dende Constantinopla a Flandes, dende Escocia a Lugo” son de especial importancia para a cultura galega polo feito de que Alfonso X escollese o noso idioma para deixalas para a posteridade. As vinte e tres pezas seleccionadas, de entre as máis de trescentas cincuenta do Libro de María, como o propio rei o chamaba, foron aquelas que Cunqueiro creu que poderían ser de maior interese para os galegos: así, atopamos á Santa María de Lugo, a un romeiro Santiago, ou á donosiñado rei, que “así a chaman os galegos”, segundo di a cantiga.
Esta nova edición do título, que ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, conta tamén con cubertas e ilustracións de Xohán Ledo, quen foi durante máis de trinta anos ilustrador de cabeceira da Editorial Galaxia e que colaborou varias veces noutras obras de Cunqueiro, como Si o vello Simbad volvese ás illas.”
Pontevedra: Festa dos Libros 2021
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 3 e 4 de xullo
O 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 3
– 12:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 12:00 h. Óscar Senra Sete dias com Elisa, publicado por Através.
– 18:00 h. Paco Nogueiras e Marc Taeger asinan Extra!, publicado por Kalandraka.
– 19:00 h. Bea Gregores asina Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, obra de María Canosa, da que é ilustradora, publicada por Bululú.
– 20:00 h. Rexina Vega asina O estado intermedio, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Carlos Méixome asina Catas na memoria, publicado por Laiovento.
Domingo 4
– 18:00 h. Victoria García (autora) e Laura Cortés (ilustradora) asinan As formiguiñas filandeiras, publicado por Hércules.
– 18:00 h. Xulia María Barros asina A árbore dos vagalumes, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Raquel Miragaia asina Tempo Tardade, publicado por Através.
– 20:00 h. Manel Monteagudo asina De mariño a poeta, publicado por Medulia.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 2 de xullo
O 2 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:00 h. Beatriz Busto Miramontes asina Um país a la gallega, publicado por Através.
– 18:00 h. Ledicia Costas asina Os Minimortos e A señorita Bubble, publicados por Xerais.
– 18:00 h. Xurxo Martínez e David Rodríguez asinan Guía ilustrada do Vigo rebelde, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Fran Alonso asina Douche a miña palabra, publicado por Xerais.
– 19:00 h. José Carou Rey e Laíño asinan Hemisferio auga, publicado por Medulia.
– 20:00 h. Santi Domínguez asina Diario dun mestre na pandemia, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. María Marco Covelo asina Coidadora, publicado por Xerais.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 1 de xullo
O 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de María Reimóndez.
– 19:00 h. María Reimóndez asina Cobiza e Bárbaras!, publicadas por Xerais.
– 19:00 h. Rena Ortega asina Bo Camiño, peregrino!, publicado por Do Cumio.
– 20:00 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Rompente asina Que hostia din os rumorosos?, publicado por Elvira.