Antón Riveiro Coello compila un cento de relatos no seu novo libro

Desde La Voz de Galicia:
“(…) Para coñecer o xerme deste libro [Á sombra dos bonsais] hai que botar a vista un par de anos atrás, cando o escritor afincado en Boiro empezou a publicar en Facebook o que el define como micropostais: «Aínda que me decanto máis polo xénero da novela, arrimeime á vertixe da rede e fun probando con estes textos miúdos». A boa aceptación que tiveron entre o público levou ao autor a seguir creando, ao ritmo que lle ía marcando a deusa inspiración, ata reunir preto dun cento de relatos. Ordenounos de maior a menor, seguindo a forma da copa dunha árbore, e así xurdiu Á sombra dos bonsais.
Antón Riveiro explica que o obxectivo que se marcou foi que o libro fora gañando intensidade a medida que o lector pasara as páxinas: «A intensidade ten que ver neste caso co número de carácteres. Conforme o relato se comprime en extensión, gaña en enerxía». De feito, o último son só tres palabras.
O escritor perseguiu nesta ocasión ofrecerlle ao lector un libro áxil, capaz de provocar un entretemento case instantáneo: «É unha obra diferente ás anteriores, que se le nunha tarde. Está de feito pensada para ser lida dunha atacada, co fin de comprobar precisamente como se vai concentrando a intensidade cada vez nun menor número de palabras».
Riveiro Coello está moi satisfeito con esta estrea no eido dos pequenos relatos: «Foi un proceso vicioso e estimulante para un novelista como son eu». Aínda que recoñeceu que, a diferenza do que lle ocorreu coas obras anteriores, que foron collendo forma case de xeito mecánico, nesta ocasión o proceso da escrita foi intermitente: «Tanto os relatos como as poesías teñen que ser froito da inspiración».
Como non podía ser de outro xeito, o autor xa está en pleno proceso de creación de outro volume. Será una novela longa e aínda non hai data para o seu lanzamento: «Levou case un ano con ela e penso que me quedarán dous máis. Teño que darlle o tempo que precise, sen présa».”

A Coruña: Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada. Primeira sesión: Educación Infantil

A AELG colabora nas Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Público destinatario: alumnado dos Graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Galego e Portugués e dos Mestrados en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e en Literatura, Cultura e Diversidade. Aberto tamén a profesorado de centros educativos, profesionais de biblioteca, lectoras/es…
– Entrada libre.
– Todas as sesións terán lugar de 16:30 a 19:00 horas no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

PROGRAMA

Primeira sesión: Educación Infantil
Martes, 10 de Outubro de 2017

Actividades paralelas
Exposición fotográfica: E ti que les?” / “E ti con quen les?
Lectura en vivo de fragmentos de LIX.
Fallo do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.

Obras finalistas do Premio Mondoñedo10 2017. Poesía

Xosé Antonio Neira Cruz gaña o Premio Repsol 2017

Desde Galaxia:
“Xosé Antonio Neira Cruz fíxose o 4 de outubro co XI Premio de Narrativa Breve Repsol pola obra O sono das sereas. Na súa decisión, o xurado pon de relevo o “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto”
O xurado estivo formado por Daniel Asorey, gañador da edición anterior, Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”