O
xoves 11 de agosto, ás 20:30 horas, na Praza Maior do Carballiño, Miguel Anxo Fernández presenta Un dente sen cadáver, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Paco Fumega, Xosé Prada e Luís González Tosar.
Arquivos da etiqueta: Editorial Galaxia
Entrevista a Miguel Anxo Fernández arredor de Un dente sen cadáver
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Miguel Anxo Fernández preséntanos Un dente sen cadáver, o caso máis sinistro do detective Frank Soutelo. Pode accederse á entrevista aquí.”
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 6 e domingo 7
O
domingo 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 6
– 19:00 h. Xosé Duncan asinará exemplares de Negruña, publicado por Urco Editora, na caseta de Berbiriana.
– 20:00 h. Concha Blanco asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
Domingo 7
– 13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
– 20:30 h. Presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Intervirán o autor e o editor Carlos Lema.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 4
O
xoves 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de As terapias da Doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Presentará o acto o editor Francisco Castro e, durante o mesmo, farase unha pequena representación teatral.
– 19:00 h. Presentación de Foron, somos, publicado en Redelibros. Participan no acto José Estévez, Iria López, Natalia Lema, José Antonio Rodríguez, Oti Campos, Ricardo Souto, Luísa Arias, Matilde Páramo e Asun Blanco.
– 19:45 h. Presentación de Peixes e Mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Ademais do autor intervirá o editor Víctor Freixanes.
– 20:00 h. Xosé Tomás asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
– 20:30 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participan, xunto ao autor, Goretti Sanmartín e Belén López.
Taboleiro do libro galego XLV (xuño e xullo de 2016), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de agosto o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas ao longo dos meses de xuño e xullo deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona amablemente un total de doce librarías ás que se lles agradece a cortesía nestas datas complicadas para estes requirimentos: Biblos, de Betanzos; Andel, Cartabón, Libros para Soñar e Librouro, de Vigo; Moito Conto e Suévia, da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith, de Santiago de Compostela; Trama, de Lugo; Airas das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. (…)
NARRATIVA
1º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
5º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
6º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
7º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
8º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
9º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
10º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
11º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia.
12º-. VV.AA., Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal, Urco.
13º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
14º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
2º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
5º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Esther F. Carrodeguas, Voaxa e Carmín, Difusora.
3º-. VV.AA., Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, Xerais.
4º-. Xosé Manuel Beiras, O proxecto común da nación galega, Laiovento.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
6º-. VV.AA., Poesía hexágono, Apiario.
XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Antonio G. Teijeiro, Raiolas de sol, Galaxia.
4º-. Manuel Sánchez Gálvez, Maelström, Maelström, Galaxia.
5º-. Celia Díaz Núñez, A boca do monte, Galaxia.
INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Federico Fernández e Germán González, Balea, Kalandraka.
5º-. El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
6º-. Manuel Rivas, Bala perdida, Xerais.
7º-.
8º-. Eli Ríos, Marta e a píntega, Galaxia.
LIBROS CD-DVD
1º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
2º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
3º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
4º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Gelria, Cantos de poeta, Gelria.
BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Xosé Tomás, Manual de escola, AS-PG.”
VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 32.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 3
O
mércores 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación e contacontos do libro A canción do sol, de Estefanía Padullés, publicado por Hércules de Edicións. A continuación, sinatura de libros na caseta da Secretaría.
– 19:00 h. Presentación de Marta e a píntega, de Eli Ríos, publicado por Galaxia. Ademais da autora intervirán Nuria González, mestra de Educación Infantil, e o editor Francisco Castro.
– 19:00 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
– 19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta de Secretaría.
– 19:45 h. Presentación de Cámbiache o conto!, de Pinto e Chinto, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
– 20:00 h. María Canosa asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
– 20:30 h. Recital poético-musical sobre Lugrís, organizado por Alvarellos Editora e In nave civitas. Previamente, ás 20:00 horas, manifestación atlántica e recital, con saída do Vecchio.
– 21:15 h. Presentación d´O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Con María Canosa, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 2
O
martes 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Charo Pita presenta Oxalá estiveses aquí, publicado por Galaxia. Intervirán a autora e o editor Francisco Castro.
– 19:00 h. Ignacio Castro asina exemplares de Roxe de Sebes na caseta da Libraría Xiada.
– 19:30 h. El Hematocrítico e Alberto Vázquez asinarán exemplares de Feliz Feroz. O lobiño riquiño e Axente Riciños, publicados por Xerais, na Caseta de Berbiriana.
– 19:30 h. David Ortiz asinará exemplares do seu libro O libro dos cócteles, publicado por Xerais, na Caseta de Secretaría.
– 20:00 h. Suso Lista asina exemplares das súas obras. Na caseta de Edicións Embora.
– 20:00 h. Espectáculo musical O Bigote de Mimí, de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto, baseado no libro homónimo de Manuel María, publicado pola Casa Museo Manuel María.
– 20:30 h. Presentación d´A dúbida, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Manuel Bragado.
– 21:15 h. Presentación d´O Beato, de Alfredo Conde, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
Carballo: actividades destacadas do sábado 23 e domingo 24 na Praza dos Libros
Finaliza
o domingo 24 esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 21 ao 24 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para estes dous días, destacamos os seguintes:
Sábado 23
– 12:30 h. Vermú científico. Conversa con Jorge Mira e presentación do seu libro ¿A que altura está o ceo?, publicado en Alvarellos.
– 18:30 h. Presentación de A música das árbores. Concerto e animación infantil con Servando Barreiro, a partir do libro-disco A música das árbores, publicado por Xerais.
– 19:30 h. Sinatura do poemario oso, mamá, si?, de María Lado, publicado en Xerais.
– 20:00 h. Presentación do libro álbum de recordos Lémbrome, de Xurxo Chapela, publicado por Positivas.
– 21:00 h. Aldaolado. Espectáculo musical, poético e humorístico de Lucía Aldao e María Lado.
Domingo 24
– 12:00 h. Benigno Campos presenta o seu último libro, Peixes e mariscos. As novas receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Concerto infantil a partir do libro-disco Pitusa Semifusa, de Olga Brañas e a súa banda, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación dos libros da colección Costa da Morte, de Edicións Embora, formado polo momento por: Reválida de sexto, de José Antonio Andrade Figueiras; Coristanco. As súas parroquias, de Evaristo Domínguez Rial; e Lembranzas de Malpica, de Xosé González Reyes.
– 21:00 h. O ciclo dos elementos. Conversa arredor dos libros A música dos seres vivos, Dende o conflito e En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado por Xerais, con concerto de Canalé Cafuné.
Carballo: actividades do venres 22 na Praza dos Libros
Continúa
esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 21 ao 24 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o venres 22, destacamos os seguintes:
– 18:30 h. Concerto infantil de Oviravai a partir do libro-disco As andanzas de Paio, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación do poemario Adagio por outono, de Modesto Fraga, publicado por Alvarellos, que obtivo o XLI Certame Literario Concello de Vilalba. No acto o autor estará acompañado por Henrique Alvarellos.
– 21:00 h. En pé preséntase o poemario Contra-acción, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Neopàtria, coa música de Serxio Moreira, compoñendo unha experiencia interdisciplinar, urbana, bailable.
Miguel Anxo Fernández: “Polas veas de Frank Soutelo flúe a retranca galega”
Entrevista
de Xesús Fraga a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Nesta novela [Un dente sen cadáver] conflúen na trama dende a especulación urbanística á explotación de mulleres…
– Miguel Anxo Fernández (MAF): A actualidade soe marcar as tramas na procura da complicidade dos lectores, aínda que tamén evito a retórica. Intento ofrecer lecturas parellas de temas que ao tempo asoman o lado escuro da condición humana. Por desgraza a especulación mantense viva, como a violencia contra as mulleres e a súa explotación.
– LVG: A novela negra pode ser pura, paródica, para recrear un personaxe ou esculcar nos males da sociedade. ¿Cal destes factores ou outros pesan máis na serie?
– MAF: Teño moi claro que fuxo de poñer a Frank Soutelo nun púlpito para arengar ao lector con simplezas. Quédome co que teña de puro un fulano que arremete contra o peor da sociedade pero á súa maneira, mesmo saltándose as normas e ás veces entre certa confusión moral. Pero tampouco renuncio ao humor. Polas veas de Soutelo flúe retranca galega e procuro rodealo de tipos que dean un certo xogo divertido, caso do funerario de Los Ángeles, Sugar Jones, e o propio Poncio, taberneiro en Muros.
– LVG: Tres casos en Estados Unidos e outros tres en Galicia. ¿Soutelo é o que agora se denomina un emigrante transnacional?
– MAF: O seu pai foi garda de asalto na República e houbo de fuxir para rematar en Nova York, pero era amigo do gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro; era un tipo comprometido coa cultura propia. Iso pasoullo a Frank, non así á súa irmá? Os seus casos norteamericanos teñen un ton máis de xénero, máis apegado ao cine: alí vai de tipo solitario co único apoio da súa secretaria, Pat Pérez, neta dun fragueiro lugués forrado en Oklahoma. Pero aquí atópase con amigos cos que intima, ten familia que o acolle, e iso cambia a súa perspectiva. Gusta de Galicia e viaxa moito por ela, aínda que por veces cústalle entendela. Temos menos habitantes que Los Ángeles; non chegamos ao 10 % da extensión de California. Outro tanto coa paisaxe, coa xente, e mesmo coa criminalidade. Hai un toque diferencial a salientar. (…)”