Anxo Muíños: “Recoñezo que escribir narrativa é algo que me esgota, o que non me pasa coa poesía”

Entrevista a Anxo Muíños en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que é Xinque!?
– Anxo Muíños (AM): É a segunda parte da saga que comezou con O alén dos Barqueiros. Naquel libro o protagonista era o antropólogo sueco Ingemar Westtertorma, que no marco da II Guerra Mundial viaxaba desde a súa terra até Portugal, pasando por diferentes países, entre eles a Galiza. En Xinque!, a protagonista, Fanes, é a filla daquel antropólogo; unha rapaza comunista que percorre diferentes países até rematar en California, en pleno auxe do movemento hippie. Esta segunda parte abrangue os anos entre 1965 e 1969 e remata cando militantes do movemento indio de Estados Unidos ocupan a prisión de Alcatraz, en San Francisco.
Fanes inicia o seu propio percorrido vital no medio dunha Europa que esperta aos aires revolucionarios do Maio francés e a Primavera de Praga. É unha especie de viaxe iniciática de transformación que a levará por diversos lugares do mundo. Diferentes ámbitos míticos e ideolóxicos de Oriente e Occidente, achegándonos as cosmovisións de culturas e pobos dos cinco continentes e poñendo todo en contexto coa fonda metamorfose que o mundo experimentou no derradeiro terzo de século XX.
– ND: Di que fai parte dunha saga máis ampla…
– AM: Fai. A primeira parte é a de O alén dos barqueiros e céntrase na mitoloxía, aborda contos, lendas e supersticións. Esta, Xinque!, aborda máis ben as ideoloxías, nuns anos, os sesenta, nas que o mundo era un fervedoiro.
Xa estou traballando na terceira parte desta saga, no que a reflexión dixírese máis ben ao que se deu en chamar as zonas temporalmente autónomas. A respecto da cuarta, teño en mente que sexa máis como unha road movie e xa a partir do século XXI. E haberá tamén unha quinta parte, se ben aínda estou pensando cal sería o eixo, ando a darlle voltas a temas como a etnobotánica, as multinacionais farmacéuticas… (…)”

Cospeito: presentación de unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez

O sábado 18 de decembro, ás 12:00 horas, no Museo das Aves de Cospeito (Avenida da Terra Chá, s/n), preséntase unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez, publicada por Toxosoutos, que acadou o 2º Premio no III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e o Concello de Cospeito, en colaboración con Culturalia GZ. Este acto está encadrado dentro da presentación das obras gañadoras.
Para asistir, rógase confirmación no teléfono 982520001 ou a través do enderezo electrónico concellodecospeito@concellodecospeito.es

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 4 de agosto

O 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia, e o resto da súa obra.
18:30 h. Estefanía Padullés asina exemplares de Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
18:30 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
19:30 h. Presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias, publicado por Bululú. Acompañan ao autor Xosé Duncan e Pablo Zaera.
19:30 h. Xabier Paz asina A Barcelonesa, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia, e A cor áspera do veludo, publicado por Toxosoutos.
19:30 h. Víctor Rivas asina Anacos da vida, publicado por Galaxia.
20:30 h. Xurxo Souto asina Pangalaica. Recortes poderosos, publicado por Galaxia, e O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais.
20:30 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:30 h. Xosé Iglesias asina exemplares de Nación Mar.

Alefato, o alfabeto hebreo e uns poemas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Alefato é un canto á comunidade xudía en Galicia. Desde o século XI as terras galegas acolleron un pobo de vizosa historia. A raíz do xudaísmo nutriría as outras dúas relixións monoteístas, e desde aquel altar de Siquen consagrado por Abrahám até o Finis Terrae, as vinte e dúas consoantes hebreas que Xosé Lois García canta neste delicioso libro son escusa de reflexión filosófica, fundamentada na Cábala, e asemade devalo erudito arredor da historia galega ligada co pobo semita. A entrevista pode escoitarse aquí.”