Bases do XX Certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 15 de setembro de 2021.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo:
Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200, Noia (A Coruña)
5. Establécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, un traballador/a municipal que actuará como secretario/a sen voto e tres vogais, nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto na segunda quincena do mes de decembro de 2021.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. Establécese que a Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada renunciando os autores/as aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita editora.
9. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.

O concelleiro de cultura
José Pérez Martínez”

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 30 de agosto

O 30 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
19:30 h. Arancha Nogueira asina O único lugar onde ficar inmóbil, publicado por Urutau e spleen en catro tempos, publicado por Toxosoutos, na caseta de Cartabón.
20:00 h. Presentación de Cotodamina, de Rafa Lobelle, publicado por Chan da Pólvora.
21:00 h. Presentación de O lugar que non hai, de Estevo Creus, publicado por Chan da Pólvora, con Antón Lopo.

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 26 de xullo

O 26 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:30 h. Presentación de Liñas compartidas, publicado por Toxosoutos, onde se recollen os traballos literarios derivados do Obradoiro As historias no espello, dirixido por Antón Riveiro Coello en 2018.
21:15 h. Presentación de Mulleres, de María del Carmen Rey Núñez, publicado por Toxosoutos.