“Dende
o Instituto de Estudos Miñoranos andamos a darlle voltas a novas iniciativas culturais para ofrecerllas ás persoas asociadas ou non, na nosa teima de potenciar, divulgar e participar na creación da cultura de noso. Andamos agora a argallar varios cursos dos que vos iremos informando sucesivamente. Para comezar pretendemos darlle forma a un Curso de Creación Literaria (poesía e prosa) que se desenvolvería os xoves de 18:30 a 19:30 horas na nosa sede (Aula de Cultura Ponte de Rosas, situada en Avda da Feira,nº 10 (Gondomar).
O curso empezaría o xoves 19 de setembro, cunha duración de 8 sesións.
O custo da matrícula sería de 20 euros e admitiríase un máximo de 25 participantes.
O curso sería impartido pola escritora Elvira Riveiro.Xa que logo, animámosvos a reservar praza canto antes mediante correo a oficina@minhor.org, chamada telefónica ao 986360575 (luns a venres de 18:00 a 22:00 horas), ou persoalmente na sede en horario de 18:00 a 22:00 horas.”
Arquivos da etiqueta: Elvira Ribeiro
O Festival da Poesia do Condado bota um berro de Desobediência! na sua XXVII ediçom
“A
Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado presenta o cartel e o programa da XXVII ediçom do Festival da Poesia, que se vai celebrar em Salvaterra de Minho os dias 30 e 31 de agosto. O cartaz, que simboliza o berro de Desobediência ao que se dedica o festival, vai-se apresentar nas ruas de Compostela este 25 de julho.
A organizaçom do festival está a desenvolver umha campanha de crowdfunding (micro doaçons) a través da plataforma Verkami para ajudar a financiar o XXVII Festival da Poesia. A campanha, que atravessa esta semana o seu ecuador, conta com o apoio de múltiples personalidades do mundo da cultura e as artes.
O berro de Desobediência nasce da indignaçom generalizada e do roubo constante ao que nos somete este sistema-farsa. Nasce do desejo de umha vida amável e digna. Por isso vai presidir esta ediçom do festival e servir de fio para os conteúdos da mesma. Estes apresentam-se num programa multidisciplinar que inclui poesia, música, actividades para nenos e nenas, cinema, pintura, desenho, artesanato e debates.
Este ano o recital estará protagonizado polas poetas Aurora Ceibe, Elvira Riveiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembrás, Alfonso Pexegueiro, Séchu Sende, Maria Rosendo, Mario Regueira, e polo brasileiro Márcio-André. Os seus textos serám os protagonistas da Antologia poética que, como cada ano, vai editar a SCD Condado.
Apresentados polo colectivo do Gran Compadre, os grupos que vam protagonizar a noite do sábado som a Banda Hospitaleira do Miño (o regresso do trio composto por Rómulo Sanjurjo, Uxía e Víctor Coyote), a Magnifique Band dos Homes sen Medo (treboada de ventos), Malandrómeda (as verbas incendiárias do Hevi junto com os ritmos acelerados de Caldeirada) e Sacha na Horta (para um fim de festa sem parar de dançar). A festa nom vai rematar aí, pois o festival remata com a pinchada Hevi vs. Caldeirada.
Na sexta-feira, e na única actividade de pagamento de todo o festival, Mónica de Nut vai protagonizar a Noite nas Minas. Já se podem adquirir as entradas contactando com a organizaçom do festival. Durante toda a jornada do sábado Salvaterra vai estar cheia de actividades que se podem consultar, polo miúdo, na página web.
Durante o mês que falta para o festval iram-se confirmando algúns detalhes. A SCD do Condado agradece a difusom desta informaçom.”
Vigo: recital con poesía e música de Elvira Riveiro e Carina Posse
Vigo: presentación de As uñas crecen, de Silvia Penas
Ordes: Festa da República Galega
Desde o blogue da Festa da República Galega:
“Os versos voarám livres e libertadores polo ar, envolvendo o espaço da antiga estaçom da Pontraga. Versos em diversidade de estilo, geraçom e voz, que falarám do anseio de liberdade deste povo. Versos com o fogo revolucionário de todas as luitas de todos os tempos, versos com as luzes da inteligência e a beleza da virtude.
Versos justiceiros, criativos, que sabem a mar, que sabem a terra, que conhecem o canto do cuco a nos anunciar a renovadora primavera, que dançárom com o reclamo do golfinho franqueador das ondas.
Versos que venhem do Milhadoiro, ou que venhem de Vigo, ou da ria de Ferrol; da Costa da Morte ou do Morraço. Versos que franqueiam portas, que tecem redes, que formam em batalhom a disparar salvas pola liberdade. Rivadulla Corcón, Xosé Iglesias, Eduardo Estévez, Rosa Enríquez, Silvia Penas, Elvira Riveiro, Alba Méndez, Concha Rousia… sonoridades e tonalidades conformantes de umha mágica fraga de palavras (a fraga, a república essencial, a do retorno, revolucionária por ideal e rotundamente matricial).
Construímos entre as vozes todas, esse manto chamado poesia, voz do povo, melodia coral. O maior poema é o que escrevemos no ato heróico de sermos povo aínda. Eco dessa batalha pola vida é cada verso que conceve a voz poética.
Na Festa da República Galega, um mostrário de movimentos, coletivos, iniciativas com a poesia como centro do seu agir, a travês do tempo e no nosso país (A Porta Verde do Sétimo Andar, Redes Escarlata, Batallón Literario da Costa da Morte…)”
Vigo: sesión de poesía, música e performance con Elvira Riveiro e Carina Posse
Mazaricos: Poetic dj, con Elvira Riveiro e Carina Posse
Santiago e Vigo: Tristecentos versos, o 16 e 18 de maio
Santiago: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro
O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”





