Entrevista a Pilar García Negro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Publica unha visión moi crítica con Emilia Pardo Bazán, precisamente nun ano cheo de novidades editoriais en torno á súa figura.
– Pilar García Negro (PGN): No ano 1989 fixen o primeiro estudo sobre a súa obra, que xa contiña unha análise do que agora recollo no libro, estes dous macrotemas: Galicia e feminismo nesta escritora. No século XXI publiquei algún outro traballo; e un compañeiro de filoloxía animoume a publicar estes estudos en formato libro, que xa ten outra perdurabilidade. Outro estímulo que tiven foi a comprobación de como a lóxica conmemoración de calquera escritor no centenario do seu falecemento estábase convertendo nunha reconversión absurda e falsa da súa personalidade e da súa obra, para convertela no que ela nunca foi, nin pensou nin escribiu. Aí foi cando quixen comezar por establecer verdades obvias.
– LO: Coma cales?
– PGN: A primeira: ela é galega e escritora, pero non é escritora galega, da literatura galega. É galega de nacemento, pero é unha escritora da literatura española, que dedicou todos os seus afáns e enerxías a triunfar na cultura española, e non só isto, senón a defender constantemente unha visión española e política sobre a Galiza. Esta decisión condiciona a visión que ela proxecta do país na súa obra, porque ten unha narrativa de ambientación galega, mais o que se desprende dela é un tratamento onde abunda o atraso, a superstición, a barbarie, e, en definitiva, a falta de futuro.
– LO: Nos últimos meses houbo todo un debate en torno a súa figura. Cales foron os principais argumentos que a vostede non lle cadraron da personalidade e obra da condesa?
– PGN: Por exemplo, facer dela unha transgresora, case unha subversiva, practicante do feminismo sen fenda de ningún tipo. Ela, de si mesma, afirmou que era unha feminista radical. Isto non é o que se pode derivar da súa obra. Todo escritor ou escritora non se proxecta de si mesmo a través do autorretrato, ou do selfie. A súa ideoloxía ou concepción moral tamén se proxecta na propia obra. Tamén se fixo dela unha defensora da causa proletaria, baseado nunha novela como La Tribuna, ou unha defensora do naturalismo como estética ou procedemento literario. Iso non é así. La Tribuna ten, como novela, un fin claramente docente, que trata de demostrar o equivocado que está o pobo cando confía en solucións da República. Isto dio ela mesma no prólogo da novela. O desenlace verdadeiro desta novela prodúcese en Memorias de un solterón, onde o uso sexual e o abuso do que é obxecto a protagonista, Amparo, porque o fillo que ela ten acaba forzando ao pai, que é un impresentable, a que case coa súa nai. Ela está pendente de que os membros da súa clase social acaben ben tratados. Todos estes compoñentes ideolóxico-morais inflúen directamente no seu feminismo, no sentido de que as personaxes populares, a maioría social feminina, e dentro dela, moi en particular, as galegas, están sometidas a un exercicio de deshumanización. (…)”
Arquivos da etiqueta: Emilia Pardo Bazán
A Coruña: presentación de Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de Pilar García Negro
O 8 de xullo, ás 19:30 horas, diante da estatua de Curros Enríquez na Coruña, preséntase Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de Pilar García Negro, publicado por Alvarellos. Acompañan á autora, nesta presentación, organizada pola A. C. Alexandre Bóveda, Manuel Fernández Blanco e Henrique Alvarellos.
Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”
Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”
Conferencia de Marilar Aleixandre sobre Emilia Pardo Bazán
A Coruña: conferencia de María Canosa
O venres 14 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar unha conferencia de María Canosa sobre Emilia Pardo Bazán.
É necesario apuntarse por teléfono, na propia biblioteca ou a través do formulario da páxina web.
A Coruña: charla e sinatura de exemplares de Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, de María Canosa
Ourense: Encontro a tres. Movendo os marcos do patriarcado
A Coruña: presentación de Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sández
A Coruña: María Canosa asina a súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa
O 23 de abril, de 17:00 a 18:00 horas, na Libraría Sisargas (Rúa San Roque, 7), na Coruña, María Canosa asina exemplares da súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicada por Bululú.