A Coruña: presentación da colección Muller(es) de palabra

O 28 de febreiro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase a colección Muller(es) de palabra, coas relatoras: Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Encarna Otero, profesora e estudosa da vida e obra de moitas mulleres.
Neste caso, ábrese a colección con tres mulleres de pensamento, obra e acción que traballaron polo progreso, a igualdade e unha sociedade máis xusta.
Mercedes Romero Abella. Tiña 29 anos, nai de dous fillos pequenos e foi violada e torturada. Cortáronlle os peitos, antes de ser asasinada.
Elvira Bao, mestra no hospital de Oza e activa militante do galeguismo e membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933, editora xunto co seu home Bernardino Varela do que moi probablemente sexa o primeiro libro para crianzas, aquel Contos pra nenos de 1921.
María Miramontes unha muller que non foi mestra, foi costureira… mais non se pode falar de escolas e de ensino sen falar de María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego e das editoriais Lar e Nós. Ela representa como ninguén esa mocidade curiosa e con vontade de saber.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Por Baía Edicións.
18:00 h. Lucía Cobo asina Muriel, na caseta de AENEA.
19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo. No acto participa, xunto a autor e editor, Belén López Vázquez.
19:00 h. Emma Pedreira asina Antídoto na caseta de Alvarellos Editora.
19:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño e A antesala luminosa, publicados por Xerais, na caseta de Lume.
19:00 h. Antía Otero e María Brenn asinan O branco non pinta!, publicado por Apiario. Ismael Ramos asina exemplares de Lumes, editado tamén por Apiario. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Enrique López asina Vida sa e outros libros na caseta de Hércules.
19:45 h. Presentación de Poesía erótica: Cantar de corpos, de Correa Corredoira, publicado por Baía Edicións. Coa participación de Yolanda Castaño.
19:45 h. Presentación de O Lobo con botas, de El Hematocrítico, con Alberto Vázquez e Cristina Ameijeiras, publicado por Xerais (na carpa infantil).
20:00 h. Antonio Manuel Fraga asina exemplares de Querido H. P. Lovecraft na caseta de Urco Editora.
20:30 h. Presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro, publicado por Galaxia. A autora conversará con Yolanda Castaño e Ismael Ramos.
21:15 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Encarna Otero e Ismael Ramos.