Arquivos da etiqueta: Fóra de campo
Rosalía Fernández Rial: “O teatro funciona como espello: é un adestramento para a vida”
O Porriño: presentación de Fóra de campo, de Rosalía Fernández Rial
Rosalía Fernández Rial: “As boas intencións non chegan para abordar as situacións de acoso escolar”
Rosalía Fernández Rial: “O único que nos pode salvar da barbarie é a axuda mutua, compartir uns valores e establecer uns límites que nos protexan”
Entrevista de Raquel Castro a Rosalía Fernández Rial en Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): En primeiro lugar, Rosalía, parabéns de novo por este premio. Dime, que foi o que te levou a presentar a peza a concurso?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Moitas grazas! Fíxome moitísima ilusión obtelo, a verdade. Sempre fun moi sensible á necesidade de pezas teatrais dirixidas a adolescentes e nunca deixei de crealas para contextos escolares. Traballo con persoas desta franxa de idade e realicei a Tese sobre o uso da expresión dramática como ferramenta pedagóxica nas aulas de lingua. Por iso, ao ler a convocatoria e corroborar a filosofía do certame, parecíame que a última obra que escribira encaixaba co propósito presente nas bases.
– E: Fóra de campo recolle moitos temas que poden afectarlle á nosa mocidade, como o perigo das redes sociais, do que se comparte nelas… Ti cres que a nosa rapazada non é consciente do perigoso que é deixarse levar polas “redes”?
– RFR: Penso que resulta moi difícil ser consciente da dimensión que poden acadar as redes e en certas etapas da vida iso complícase aínda máis. Ben é certo que cada vez existe máis conciencia e información sobre o tema pero non resulta menos verdadeiro que certas redes teñen cada vez máis forza e presenza na vida das mozas e mozos.
– E: O protagonista masculino é un “influencer” que vai enredando a toda a que se lle achega. Por que cres que é tan importante amosarnos constantemente, vivir cara os demais, para deixar de ser nós mesmas?
– RFR: Por natureza somos seres sociais e as posibilidades de conexións con outras persoas que nos abren as redes eran impensables hai uns anos. O problema reside, precisamente, na imaxe que proxectamos ao amosarnos nas redes e o perigoso que pode resultar perder os espazos de intimidade, a autenticidade e a construción de vínculos verdadeiros e sans dentro dese contexto. Se descoidamos iso, efectivamente, deixamos de ser nós mesmas e é aí onde nacen “os monstros”. (…)”
O Porriño: Gala de entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño 2024
Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024
Desde Galaxia:
“Rosalía Fernández Rial gaña o VII Premio Vidal Bolaño 2024 pola súa obra Fóra de campo.
Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, composto por José Luís Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro Martínez, como secretaria do xurado; hoxe, xoves 16 de maio, na sede da Editorial Galaxia decide, por unanimidade declarar gañadora desta VII edición a obra Fóra de campo, que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosalía Fernández Rial.
O xurado destaca da peza a súa temática acaída ao premio porque tata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso.
Todo isto é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida.
O venres 24 de maio, celebrarase, ás 19 h, no IES Ribeira do Louro a entrega do premio.
Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”