Entrevista de Xesús Fraga a Francisco Castro en La Voz de Galicia:
“O desenterramento de foxas comúns de vítimas da Guerra Civil, ademais de emoción e dignidade, ás veces trae sorpresas na forma de obxectos persoais que asumen un potente simbolismo dende a perspectiva actual. Acontece tamén no territorio da ficción na nova novela de Francisco Castro (Vigo, 1966), Tantos anos de silencio (Galaxia), no que entre os seis cadáveres executados no pazo de Flavia durante a sublevación militar agocha unha revelación: o esqueleto dunha muller abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar, Ramón Gándara.
O autor pescuda, a través da figura dunha investigadora, Ánxela, o que aqueles días supuxeron para a vida ilustrada nun pazo, fanada pola violencia e a intolerancia. Unha cuestión que Castro sostén que non está pechada, nin moito menos, para a creación artística. «Os que din “outra novela máis da guerra!” polo xeral son os fillos ou os netos dos vencedores e mantiveron unha boa posición durante o franquismo», reflexiona o escritor. Porén, cre que despois da ditadura e os anos de silencio tácito trala Transición, evidénciase a necesidade de abordar o que el denomina «a mal chamada Guerra Civil» -«en realidade, foi un golpe de Estado contra a legalidade democrática da República»- dende a literatura ou o cine.
Precisamente, sen restar valor á historia e o ensaio, Castro ve na ficción un xeito moi acaído para relatar aqueles episodios. E por isto mesmo a figura dese poeta esquecido está chamado a desempeñar un papel crucial en Tantos anos de silencio. Castro cita a figuras como Lorca ou Alberti, «que puxeron o seu oficio ao servizo da causa republicana», unha disposición ideolóxica na que tamén cabe o amor. «O amor é un acto revolucionario», defende o escritor. «É un acto de liberdade, o que non tolera o fascismo. Cando amas, e amas de xeito diferente, é motivo de represión para unha ditadura, que tamén prohibe a súa manifestación escrita, xa que só quere literatura patriótica e afecta», engade quen adoita retratar nas súas obras o que refire como «o poder salvador da literatura».
Francisco Castro avoga por unha concepción comprometida do creador e da cultura: «Os artistas están obrigados a dicir as verdades incómodas, as realidades que molestan». Un papel válido hoxe coma antano, no que o escritor percibe un «rexurdir fascista, no que partidos como Vox queren cambiar o relato e impoñer unha sorte de posverdade na historia», algo que aínda fai máis necesaria a contribución da cultura.
Tantos anos de silencio publícase este luns en galego en Galaxia, editorial da que Castro é director xeral, simultaneamente coas súas versións en castelán (Rayo Verde), catalán (Capital Books) e éuscaro (Alberdania). O escritor cre que fóra de Galicia hai en xeral unha percepción moi positiva da literatura en galego, pero o seu desacougo mira máis preto: «Preocúpame que haxa tantos galegos que vivan de costas dos seus creadores».”
Arquivos da etiqueta: Francisco Castro
Vigo: presentación de Tantos anos de silencio, de Francisco Castro
A Coruña: presentación de Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso
O 18 de febreiro, ás 19:30 horas, en Berbiriana (Rúa Santiago, 4), na Coruña, preséntase Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor asistirán Manuel Rivas e Francisco Castro.
Compostela: presentación de Anatomía do pensar. Volume 1, de Marcelino Agís Villaverde
A Coruña: presentación de Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto
Entrevista de Ronsel Pan a Francisco Castro
Compostela: presentación de Papá, por que non pintas as unllas de cores?, de Jorge García Marín
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 29 de novembro
Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 29 de novembro son:
– 12:00 h. Espazo Foro. Encontro con Ledicia Costas con escolares arredor do libro Conexión Macarrón. Xerais. Actividade concertada con centros escolares.
– 18:15 h. Espazo Libro. Mapa ecosocial de Galicia. Un retrato social e ecolóxico de Galicia. Catro Ventos Editora. Coa xornalista Rebeca Hermo e o biólogo Xosé Veiras, autores do libro, e Miguel Braña, editor.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Kiko da Silva.
– 18:45 h. Espazo Libro. Presentación da colección «Avis rara», por Marcus Daniel Cabada (editor da colección). Urutau.
– 19:15 h. Espazo Libro. Conversa de Kiko da Silva, autor de Aprende banda deseñada con Fiz, con Fran Alonso sobre “A importancia da banda deseñada na lectura infantil”. Xerais.
– 19:45 h. Espazo Libro. Presentación e debate dos dous últimos títulos da colección Feminismos. Galaxia. Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes, de Jorge García Marín e Mulleres que (nos) dan que pensar de África López Souto. Presentado por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
– 20:15 h. Espazo Libro. “Se quen traduce falase…”. Conversa sobre tradución literaria. Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación(AGPTI). Como xorden os proxectos? Que relacións se establecen con editoras e correctoras? Que hai detrás da escolla dun termo ou dunha fala? Conversa co tradutor Carlos Valdés, coas tradutoras María Alonso Seisdedos, María Reimóndez e Patricia Buxán como moderadora. Ademais, entrega do Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.