Desde Sermos Galiza:
“París despedía a pasada sexta feira. 14 de novembro, a galega Aurora Bernárdez, tradutora e albacea de Julio Cortázar, con quen casara. Aurora deixaba, no ano do seu centenario, a edición da obra de Cortázar pronta mais quedáballe aínda un labor importante por facer. Publicar a obra galega do seu irmá Francisco Luís Bernárdez, encargo que lle fixera ao escritor galego Francisco X. Fernández Naval.
O escritor Francisco X. Fernández Naval dubida da posibilidade de levar a fin o último encargo de Aurora Bernárdez. Coñecera a aquela muller que agora lembra como intelixente, literaria e sedutora na busca das conexións galegas de Julio Cortázar, ás que lle dedicou dous libros. Respirar polo idioma e O soño galego de Julio Cortázar. “Resultoume raro que aínda ninguén o fixera”, dixéralle Aurora cando coñeceu as súas pretensións de se adentrar no mundo galego do escritor. Iniciouse entón unha relación que ía durar até a súa morte o pasado sábado en París, aumentando en confianza até ser o propio Fernández Naval o depositario de seu último encargo: compilar e publicar a obra de Francisco Luís Bernárdez, seu irmán escritor e xornalista. (…)”
Arquivos da etiqueta: Francisco X. Fernández Naval
Nova York: participación en recitais e presentación de Memoria de abril, de Francisco X. Fernández Naval
Entre o 15 e o 17 de outubro, en Nova York, Francisco X. Fernández Naval participará en diversos recitais poéticos multilingües. O día 17 tamén se presentará o libro bilingüe galego-castelán Memoria de abril, publicado por Artepoética Press, editado por Teresa Seara. O programa completo pódese descargar aquí: Programa Nova York outubro 2014 Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: conferencia Julio Cortázar, escritor e tradutor, a cargo de Francisco X. Fernández Naval
O martes 30 de setembro, ás 20:00 horas, na Salón de Actos da Biblioteca Pública González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), Francisco Xosé Fernández Naval pronunciará a conferencia Julio Cortázar, escritor e tradutor, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Tradución e tamén do centenario do nacemento de Cortázar.
A Coruña: Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, o domingo 28 de setembro
O domingo 28 de setembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración do Concello da Coruña e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, organiza a homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, co seguinte programa:
– 11:00 h. DESCUBRIMENTO DUNHA PLACA NA CASA ONDE VIVIU LUÍSA VILLALTA. Rúa Vila de Laxe, 6 – A Coruña.
– 12:15 h. RECITAL POÉTICO-MUSICAL. Teatro Rosalía de Castro.
• Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
• Interpretación musical:
Dúo Paganini de guitarra e violino.
Solo de guitarra de Juan S. Bach.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Lino Braxe, Marica Campo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlota Fiaño Salinas, Francisco Xosé Fernández Naval.
• Interpretación musical:
Fragmento de cuarteto de corda con mezzosoprano de Paulino Pereiro e texto de Cesáreo Sánchez Iglesias.
Trío de frauta e corda de W. A. Mozart.
• Lectura de textos de Luísa Villalta: Luz Pozo, Xavier Seoane, Mercedes Queixas, Xulio López Valcárcel, Dores Tembrás, Eva Veiga.
Mantedora do acto: Antía Otero.
Entrada libre até completar aforo.
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Así, foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua.
Formouse na Universidade de Santiago onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.
Entrevista ao escritor Francisco Fernández Naval sobre a figura de Cortázar
A Coruña: actos literarios destacados do venres 8 na Feira do Libro
O venres 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 19:00 h. Xosé Neira Vilas fará a presentación dos seus libros Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade, publicado por Bolanda e Días de Cuba, publicado por Galaxia. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares dos libros e do resto da súa obra.
– 20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Xiqui Xoque Fiú Fiú!, de María Fumaça.
– 20:00 h. O escritor Francisco X. Fernández Naval presenta o seu libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, publicado por Baía Edicións, con fotografías de Maribel Longueira. No acto participan, xunto aos autores, Manuel Rodríguez e Belén López Vázquez.
– 21:00 h. Presentación do libro Salseiros, do actor e escritor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
A Coruña: actos literarios destacados do mércores 6 na Feira do Libro
O mércores 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 18:00 h. Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali asinarán na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. Francisco X. Fernández Naval e Xavier Seoane asinarán na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. Charla coloquio de Manuel Casal Lodeiro sobre o libro Guía para o descenso enerxético, publicada pola Asociación Véspera de Nada, por unha Galiza sen Petróleo.
– 20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Pan de millo, con Migallas Teatro.
– 20:00 h. Presentación do libro Maternosofía, de Inma López Silva, publicado por Galaxia. A autora conversará con Francisco Castro arredor da súa obra.
– 20:00 h. Yolanda Castaño e Xosé Tomás asinarán exemplares do seu libro Verdedades, publicado por Biblos, na caseta de Editores Coruñeses.
– 21:00 h. Presentación do libro A dama da noite, de Xavier Seoane, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participarán no acto Francisco Pillado e Anxo Angueira.
A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos
Betanzos: recital Poetas con Isabel Pintado
Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño
Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.
Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.