Poemas en mancomún para o Monte Pindo

“A Asociación Monte Pindo Parque Natural bota a andar a iniciativa de editar un volume con todos os textos literarios escritos en todos os tempos arredor do Olimpo Celta. Canda eles, publicaranse no libro novas aportacións inéditas que se sumarán a un volume enmarcado dentro da súa campaña na promoción e defensa do singular espazo. Para que o libro vexa luz artellaron a fórmula da suscripción popular de maneira que a publicación só se fará efectiva se se garante con antelación a venda de 105 exemplares ao prezo de 10 euros, cinco menos do que costará en librarías. Unha vez garantida eses primeiros encargos, darase paso a publicación do libro, que recollerá nos seus agradecementos o nome das persoas que fixeron a merca anticipada que permitiu publicar o volume. De non conseguilo, devolveríanse os cartos adiantados a quen os puxera e suspenderase o proxecto. Para partillar da suscrición popular compre entrar na plataforma Goteo.org para facer a reserva. Os escritores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval coordinarán o volume cos textos literarios arredor do Monte Pindo. (…)”. Desde Sermos Galiza (tamén aparece en Que pasa na Costa).

A Coruña: actividades destacadas do xoves 2 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 2 de agosto son:

18:00 h.: Antonio Piñeiro asinará exemplares da súa novela As fiandeiras, publicado en Galaxia. Paula Carballeira fará o propio co seu libro O principio, publicado en Kalandraka. Posteriormente levará a cabo unha sesión de contacontos.
19:00 h.: Presentación do libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, publicado pola editorial Bubela. Xunto cos autores do libro, participarán no acto Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval.
20:00 h.: Conversa de dous músicos de Berrogüetto con Francisco Castro arredor da súa biografía musical Berrogüetto. O pulso da terra, publicado en Galaxia.
21:00 h.: Presentación da tradución de Illuminations/Iluminacións, de Arthur Rimbaud, obra de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao tradutor, François Davo e Manuel Rivas.

Sarria: entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e Roteiro literario a Lóuzara, o 7 e 8 de xullo

O sábado 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, terá lugar a entrega do XII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Asociación Cultural Ergueitos. No acto, xunto á autora premiada este ano, Cristina Ferreiro, participan Estevo Creus, Antía Otero, Francisco X. Fernández Naval e Xerardo Quintiá, coa colaboración da bailarina Amparo Novas e o músico Iván Ouro.
O domingo 8 de xullo terá lugar unha nova edición do Roteiro literario a Lóuzara, con saída ás 11:30 horas. Para inscribirse nel e ter máis información pódese contactar con María Casar (teléfono 678601550 e correo mariacasar@hotmail.com) ou con Xerardo Alvaredo (teléfono 677429225 e correo gerardoalvaredo@gmail.com).

A Coruña: presentación de Suite Dublín, de Francisco X. Fernández Naval e Na véspera do silencio, de Soledad Pite

O martes 26 de xuño, ás 20:15 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntanse os libros Suite Dublín e outros poemas, de Francisco X. Fernández Naval, e Na véspera do silencio, de Soledad Pite, publicados en Follas Novas Edicións. No acto, xunto aos autores, participan Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o Premio Cidade de Ourense con Habitación do asombro

“Con Habitación do asombro, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fíxose coa XXVIII edición do Premio Cidade de Ourense de Poesía, un galardón que foi adxudicado por un xurado formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco Xosé Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, gañador da anterior edición do premio.
O xurado destacou da obra de Fernán Vello unha grande “unidade temática e estilística, con imaxes reveladoras e brillantes de grande perfección lírica”. Afondou tamén na consistencia duns poemas que calificaron de “longo alento”, xa que, ao seu ver “manteñen a tensión de principio a fin, sen decaer en ningún momento”. (…)” Vía Sermos Galiza.

A Coruña: recital de Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 11 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man do poeta indio en lingua inglesa Sudeep Sen e Francisco X. Fernández Naval.

A Coruña: presentación de Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega

Brasil: conferencias de Francisco X. Fernández Naval

Na Feira do Libro da cidade de Fortaleza, Brasil, Francisco X. Fernández Naval participou o luns 23 de abril nunha conferencia sobre literatura galega, o mesmo tema que tratará noutra conferencia o martes 24 de abril, na Universidade de Ceará.