Desde Agadic:
“O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.
A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.
O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.
Con dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).
A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”
Arquivos da etiqueta: Guillerme Fernández
A Coruña: homenaxe da Real Academia Galega a Xohana Torres
Adeus Ano Castelao, adeus Ano Manuel María
Desde Sermos Galiza:
“(…) Nesta semana coinciden os dous actos de peche destas celebracións. O 15 de decembro no Teatro Colón da Coruña e o 18 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A música amorosa das palabras é o título do concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20:00 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria, co apoio da Deputación da Coruña. No concerto interpretaranse 20 pezas, desde as máis emblemáticas como “O carro” ou “Manual para deprender a Señorito” até outras que farán un percorrido pola obra do poeta, desde as composicións máis íntimas até as máis comprometidas, pasando por algunhas irónicas. Ademais, tamén servirá de presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
“Para nós o traballo de difusión da súa obra non vai rematar en 2016 mais quixemos poñer un broche a este intensísimo ano cun acto que pensamos tamén como recoñecemento a tantas persoas que se implicaron na difusión da obra de Manuel María, un recoñecemento para entidades culturais, viciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas súas, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade perciba a Manuel María como intérprete dos soños colectivos de galegos e galegas”, sinalou Alberte Ansede, da Fundación Manuel María.
Alberte Ansede destacou a relevancia de xuntar no mesmo concerto os nomes de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández e anunciou que o acto servirá tamén para a presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo e orixinal formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
A Gala Ano Castelao, que terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, reúne teatro, música e humor gráfico nun espectáculo multidisplinar para adultos.
Estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coa presenza do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, con Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, e con pezas teatrais que correrán a cargo de Celso Parada e de Limiar Teatro.
A entrada é de balde pero é necesario retirar ou reservar os convites con antelación.”
Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 6 no Culturgal
Do 4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horario de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, ten lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 6 son:
– 12:00 h. Concerto de presentación do libro-disco Canta o Cuco. Uxía e Magín Blanco na casa de Manuel María. Con Guillerme Fernández (guitarra) e Santi Cribeiro (acordeón). Espectáculo de pago. Auditorio.
– 12:00 h. Cultura que une 2016. Fundación Vicente Risco. Espazo Foro.
– 12:00 h. Bailarete: autoedición do libro ilustrado. Espazo Libro.
– 12:30 h. Debate arredor do ensaio Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación, de Xavier Navaza, publicado por Xerais, co propio autor, Benigno Fernández Salgado e Manuel Bragado. Espazo Foro.
– 12:30 h. Presentación de 100 anos de traballo por Galicia, por Galaxia. Unha conversa moderada por Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia, coa que se renderá unha homenaxe aos autores que xogaron unha peza clave na nosa historia e literatura. Con Henrique Monteagudo e Xavier Martínez Cobas. Preséntanse as fotobiografías de Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Ramón Otero Pedrayo. Espazo Libro.
– 13:00 h. Presentación de O frío azul, de Ramón Caride, publicado por Urco Editora. Espazo Libro.
– 13:30 h. Presentación do libro e a web Pito Galego. Método práctico, de Moisés Quintas, publicado por Ouvirmos. Espazo Libro.
– 16:15 h. Faladoiro da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI): A tradución e interpretación nas industrias culturais. Espazo Foro.
– 16:15 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
– 16:45 h. Presentación de Un cesto de mazás e Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra, do Concello de Pontevedra. Espazo Libro.
– 17:30 h. Presentación do libro de banda deseñada STRPTS, por Cinema Sticado. Espazo Libro.
– 17:30 h. Mamá Cabra presenta A bruxa Discordia, libro-disco publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
– 18:00 h. Presentación de O Piloto, o último guerrilleiro, de Afonso Eiré, publicado por Hércules de Edicións. Espazo Libro.
– 18:00 h. Presentación de Balea, libro despregable de Germán González e Federico Fernández, nun espectáculo dirixido ao público máis pequeno. No Espazo Infantil.
– 18:15 h. Iniciativas do Ano Manuel María. Fundación Manuel María. Espazo Foro.
– 18:30 h. Caer de cu polo Universo. Contacontos e ilustración en vivo, con Estíbaliz Espinosa, publicado por Apiario. Espazo Infantil.
– 18:30 h. Mesa Compostela Literaria. Espazo Libro.
– 18:30 h.: Sinatura de María Reimóndez, Héctor Carré, Antonio Tizón, Diego Ameixeiras e Xoaquín Fernández Leiceaga. Stand de Xerais.
– 19:00 h. Debate sobre a novela negra organizado por Xerais. Participan: Héctor Carré, autor de Hai que matalos a todos; Antonio Tizón autor d’A antesala luminosa; Diego Ameixeiras, autor d’A noite enriba e Xoaquín Fernández Leiceaga, autor de Agosto de memoria e morte. Modera a xornalista Montse Dopico. Espazo Libro.
– 19:00 h. Sinatura de exemplares de Caer de cu polo Universo, por Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo, ilustradora do libro. No stand de Apiario.
– 19:30 h. Presentación de Traca-Traco. 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo, de de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, publicado por Edicións do Cumio. Espazo Infantil.
– 19:30 h. Lectura de A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado por Xerais. Con Mercedes Peón. Espazo Foro.
Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura
O venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.
Santiago: presentación de A máquina do tempo, libro-disco de Juan Carballo e Ramón Núñez
O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Librería Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, preséntase o disco-libro A máquina do tempo, onde Juan Carballo e Ramón Núñez protagonizan unha viaxe íntima e persoal na que mesturan poemas musicados e cancións. Once composicións que contan coa colaboración de artistas como Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, José A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha, Sito Suárez, xunto ás ilustracións e deseños de Nuria Díaz.
Santiago: presentación do poemario Pornografía, de Lupe Gómez
O xoves 21 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a reedición de Pornografía, de Lupe Gómez, publicada en Positivas. No acto, xunto á autora, participan Arturo Casas, Francisco Macías e os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Santiago: presentación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
O venres 1 de xuño, ás 20:15 horas, na librería Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan María Xesús Nogueira, Guadi Galego e Guillerme Fernández.
A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María, con música e proxección audiovisual
O mércores 7 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Lúas de Outono. Homenaxe a Manuel María, coa estrea do audiovisual De amor e cantería, de Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo e realizado por Mikel Fontes, un traballo de 10 minutos de duración que recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que o autor expresa a significación que para el tivo a súa casa natal en Outeiro de Rei. Posteriormente terá lugar a actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, no que estrearán cinco pezas sobre poemas de Manuel María e outras gravadas en traballos anteriores.
Santiago: presentación de A grafía dos mapas, de Lupe Gómez
O xoves 24 de febreiro, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A grafía dos mapas, de Lupe Gómez, publicado en Toxosoutos. No acto intervirán, acompañando á autora, Branca Novoneyra e David González Couso. Haberá unha actuación musical a cargo de Xabier Díaz e Guille Fernández. Entrevista en Galicia Hoxe coa autora.