Entrevista a Xosé Luís Axeitos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, rianxeiros os tres. Era esa a súa única coincidencia? Cal era a súa relación?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): O título da palestra (‘Relacións entre os irmandiños Manuel Antonio, Dieste e Castelao‘) non o puxen eu (rí), para comezar, Dieste nin sequer militou nas Irmandades da Fala. Agora ben, o título serve para ver como nunha vila se establecen as relacións coas Irmandades da Fala, cales son as dinámicas, que son diferentes ás das cidades ou vilas grandes. Como son nunha vila como Rianxo, onde a xeración de Manuel Antonio e Rafael Dieste o contacto que ten é con Santiago. Castelao é outra cousa, era xa un home consolidado, comezaba ter unha proxección pública a través dos seus debuxos, onde xa comezaba a perfilar algo no que sería un mestre: é un dos que mellor manexa a ferramenta política comunicativa co pobo galego.
– SG: Hai unha relación, unhas ideas comúns mais tamén unhas diferenzas…
– XLA: Os tres desde as súas respectivas perspectivas entenden de forma diferente o concepto de pobo, iso é algo que os diferenza. Castelao ten unha visión máis tradicional, ve o pobo como depositario das esencias, dos valores da nación. Manuel Antonio discrepa, para el o pobo non é o depositario último da vontade da nación, non lle dá esa fe que si lle dan os da Xeración Nós. E despois está Dieste, para quen o pobo é unha mitificación, unha idealización constante. Na década dos 20 para Rafael Dieste o pobo era o pobo galego mais na década dos 30 pasa ser o pobo castelán. É un paso que deu, el cría en facer compatíbel o galeguismo co sentimento de España, algo que Manoel Antonio sempre lle reprochou. Podemos ver como nunha vila pequena se daban interpretacións diferentes, mesmo diverxentes a respecto destas cuestións. (…)
– SG: Vas publicar en breve a biografía de Manuel Antonio, que vén por o ramo á Obra Completa (Prosa, Poesía, Epistolario) que saiu nestes anos. Aínda non está todo dito sobre o rianxeiro?
– XLA: De Manuel Antonio hai moitas cousas que non sabiamos. Nesta biografía hai moitos datos, eu non tento dicir “isto é así” senón que expoño os datos para que o lector faga a súa propia interpretación. Hai elementos, como as axendas ou os seus diarios de navegación, que ao telos en conta axudan a ver Manoel Antonio desde outra dimensión. Nos diarios de navegación el anota o seu día a día a bordo e vemos que De Catro a Catro cobra unha nova dimensión, como unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social. Se a Machado e os seus poemas sobre o campo castelán se inclúen na poesía social, por que non pode ser poesía social Manoel Antonio? Outra dimensión é o tempo verbal dominante nos 19 poemas dese libro, que é o tempo verbal futuro, e o futuro é o tempo do nacionalismo, o nacionalismo que non acata o presente.”
Arquivos da etiqueta: Irmandades da Fala
Santiago: Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016, do 21 ao 25 de novembro
Justo Beramendi: “Do cambio radical das Irmandades bebe todo o nacionalismo posterior”
Entrevista a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vostede é o principal especialista nas Irmandades da Fala. Ten a listaxe máis completa dos militantes e o seu libro De provincia a nación segue a ser referencial no estudo desta época. Cal é foi a dimensión histórica das Irmandades?
– Justo Beramendi (JB): A importancia das Irmandades é múltiple. Por unha banda, son as parteiras do nacionalismo galego propiamente dito, porque son as que protagonizan a transición de 1916 a 1918 do rexionalismo ao nacionalismo. E isto non é un simple cambio de nome. É algo moi importante desde o punto de vista ideolóxico e político, porque pasan de considerar que Galiza é rexión da nación española, a considerar que Galiza é unha nación e España non, é un Estado plurinacional. E de aquí derivan unha serie de reivindicacións políticas que se plasman no programa da Asemblea de Lugo e avogan por unha reformulación radical do Estado español, de maneira que se pase dun estado totalmente centralista a unha federación ou confederación de estados parcialmente soberanos. E aquí xa chega un cambio radical, e dese cambio bebe todo o nacionalismo posterior.
Tamén hai un cambio respecto do sistema político vixente daquela, que era un sistema parlamentario non democrático, e eles propoñen unha democracia representativa auténtica, con igualdade de dereitos para a muller e con unha eliminación do caciquismo, da fraude electoral, dos abusos, etc. E logo na cuestión da lingua tamén supoñen un salto cualitativo porque até ese momento os galeguistas defendían a lingua galega, pero en castelán maioritariamente, e no ámbito da poesía. A partir das Irmandades hai unha coherencia entre teoría e práctica e grazas a elas Galiza asiste ao que podemos chamar o segundo Rexurdimento, de maneira que o galego queda definitivamente incorporado á prosa. E logo, no ámbito político antes do 31 non conseguen gran cousa, pero logo o Partido Galeguista recolle a herdanza das Irmandades e propicia nos anos da República o proceso autonómico. Iso quere dicir que boa parte das cousas que hoxe consideramos normais e naturais, como a autonomía política, a oficialidade do galego, a lingua no ensino, etc. en realidade teñen o seu punto de partida nas Irmandades. (…)
– SG: Pois aproveito para facer unha última pregunta que sempre lle quixen facer. Como remata un enxeñeiro madrileño converténdose no principal historiador do nacionalismo galego?
– JB: Iso é unha historia longa e complicada. Por unha serie de azares da vida eu tiven que saír fuxindo de Madrid por mor da policía política de Franco, así que fun para Barcelona, onde a miña cuñada estaba casada cun galego, Xosé Manuel Casabella, arquitecto. E alí entrei en contacto con Galiza, coa colonia galega que nos axudou e nos acolleu. E nesa colonia coñecín a César Portela, que estaba organizando naquel momento o Colexio de Arquitectos de Galicia, e contratoume a min para levar a Comisión de Cultura, así que no 74 vinme para acá. E eu empezara como segunda carreira Historia -Filosofía e Letras, vaia- en Barcelona e remateina aquí, que era o que me gustaba, non enxeñería. E aquí entrei en contacto cun ambiente nacionalista ou filonacionalista que me convenceu. Cousas da vida. Non estaba programado, pero saíu así. E non saíu mal.”
Lugo: mesa de debate sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas
O xoves 10 de novembro, ás 19:30 horas, na Deputación de Lugo (San Marcos, 8), terá lugar a mesa de debate sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Darío Xohán Cabana.
Relatores:
– Manuel Roca Cendán. Lois Peña Novo: o soño do desenvolvemento de Galicia.
– Olivia Rodríguez. Arredor de Vicente Risco nas Irmandades.
– Francisco Fernández Rei. Ramón Cabanillas, o Poeta das Irmandades da Fala.
A Coruña: inauguración da exposición filatélica do Centenario da Fundación das Irmandades da Fala
Lugo: inauguración da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s
Ferrol: Imaxe e identidade no ciclo No tempo das Irmandades
O sábado 29 de outubro, ás 12:00 horas, no Real Coro Toxos e Froles (Rúa Magdalena, 220), en Ferrol, terá lugar a mesa de debate Imaxe e identidade, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Xesús Ferro Ruibal.
Relatores:
– Pepe Barro. De Céltiga a Zeltia, con Ferrol na orixe.
– Siro López. Pequenas historias nas Irmandades ferrolás.
– Victoria Carballo Calero. Na busca de imaxes identificativas de galeguidade.
Ourense: Mesa de debate sobre lingua e ideas lingüísticas nas Irmandades
O mércores 26 de outubro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa Progreso, 30), en Ourense, terá lugar a mesa de debate Lingua e ideas lingüísticas, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Xesús Ferro Ruibal.
Relatores:
– Rosario Álvarez. Fagamos do cultivo do noso idioma unha relixión de homes dignos.
– Antón Santamarina. Galicia e Cataluña. Aproximación ó estudo dunha relación.
– Henrique Monteagudo. Lingua nacional, idioma moderno. As Irmandades e a fala.
Compostela: Simposio Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931), do 17 ao 19 de novembro
A Real Academia Galega edita a primeira serie de antoloxías dedicada ás Irmandades da Fala
Desde a Real Academia Galega (a foto é da RAG):
“A Real Academia Galega presentou o xoves 29 de setembro dous dos primeiros títulos da súa nova colección, Antoloxías da Academia, que arrinca cunha serie que lles rende homenaxe ás Irmandades da Fala no centenario da súa fundación. Alén dunha pequena escolma de textos editada en polo agora presidente da institución en 1977 (ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Villar Ponte), estas son as primeiras antoloxías que saen do prelo dedicadas especificamente ás Irmandades e que cobren os distintos xéneros que cultivaron, salientou o propio Xesús Alonso Montero.
O teatro e a oratoria e prosa de non ficción, xéneros en cuxo fomento este movemento puxo especial interese para prestixiar a lingua galega, centran os números que abren o proxecto. A colección concibiuse como un xeito de achegar de xeito atractivo ao público lector contemporáneo escritos fundamentais para entendermos o papel esencial que xogaron as Irmandades na modernización da nosa cultura. Cada escolma vai acompañada dun limiar que facilita a comprensión dos textos e dos seus contextos un século despois.
O responsable da edición de Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía e secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e a profesora da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña, editora do título O teatro nas Irmandades da Fala, compareceron en rolda de prensa acompañados polo presidente da RAG. A serie completarase cunha antoloxía poética, a cargo de Xosé Ramón Pena, e outra de narrativa editada por Ramón Nicolás. (…)”