Vigo: actividades do fin de semana no éMundial

O sábado 2 de xuño bota a andar unha nova edición do éMundial, organizado pola AGAL. Dentro do amplo programa de actividades, destacamos as seguintes:

Sábado, 2 de xuño:
11:00-12:00 h. Abertura do éMundial no Hotel Bahía (Rúa Cánovas del Castillo, 24). Presenta Xurxo Souto. Recibimento dos convidados/as, do público e dos participantes no Encontro de Escritores: Ondjaki (Angola), Fernanda Angius (Portugal), Amílcar Bettega (Brasil), Carlos Quiroga, Séchu Sende, María Lado, Carlos Taibo, Iolanda Gomis, Ledicia Costas e Raquel Miragaia (Galiza).
12:30-14:00 h. Abertura do Encontro de Escritores da Lusofonia, que decorrerá na Casa Galega da Cultura e estará aberto ao público. Presenta: Xurxo Nóvoa Martins. Temática: Lusofonías – cores, sons e sabores das literaturas escritas nas marxes. Con Fernanda Angius, Séchu Sende e Ledicia Costas.
17:00-19:30 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Con Ondjaki e Carlos Quiroga.

Domingo, 3 de xuño:
12:00-14:00 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Temática: As literaturas, as crises, as oportunidades. Con Amílcar Bettega, María Lado e Raquel Miragaia.
17:00-18:30 h. Encontro de Escritores da Lusofonia. Con Carlos Taibo e Iolanda Gomis.
19:00-20:00 h. Clausura do Encontro de Escritores da Lusofonia.

Número 5 da revista Búsola

Chega o número 5, correspondente a 2011, da revista Búsola, editada no Valadouro, que conta coas colaboracións de Javier Ramirez, Miguel Alonso, Ledicia Costas, Casto Rivadulla, Inés Liste, Eduardo Maroño, Estela Insúa, Yago García e Kike Benlloch.

Setenta e tres obras compiten este ano polos Premios Xerais

Edicións Xerais, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2012, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 1 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 9 de xuño.

Vigo: presentación de A princesiña que conducía unha locomotora, de Clara do Roxo

O martes 15 de maio, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Clara do Roxo, A princesiña que conducía unha locomotora, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Francisco Castro e Ledicia Costas.

Vigo: Poxa de Poetas

“Os creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen “un estado na cabesa” e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito (Avda. de de Castrelos, 26) de Vigo ás 22:00 horas. A entrada non só é de balde, senón que aínda os asistentes recibirán un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para poder mercar a/o poeta que máis encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigan gañar a subasta levarán a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia. Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións. Todo un choio, vaia.”

Santiago: presentación de Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas)

O mércores 29 de febreiro, ás 15:15 horas, no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, perante un auditorio constituído principalmente por rapaces de 11 anos, preséntase Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas), publicado por Everest Galicia. No acto participan os propios autores da obra.

Moaña: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O xoves 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña), preséntase o libro Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas, publicado por Barbantesa. O acto, coorganizado coa Libraría O Pontillón e a editora, e no que estará presente o propio autor, será presentado pola poeta Ledicia Costas.

Vigo: nova edición de A hostia en verso

O sábado 14 de xaneiro, ás 22:00 horas, no Bar Hipólito (Avenida de Castrelos, 26) de Vigo, terá lugar unha nova velada poética de A hostia en verso, que nesta ocasión enfrontará a Aliens Vs. Predators. Da man das poetas presentadoras da gala María Lado e Lucía Aldao os asistentes poderán decidir cal das dúas bestas primixéneas será a que poña fin a este mundo. Para a defensa de cada bando contarase coas poetas: Ledicia Costas, Nolim González, Edu Estévez, María N. Soutelo, O Leo de Matamá e Daniel Landesa. Coa actuación musical de Mig Seoane.

Coñécense as obras premiadas no XXXVII Premio Modesto R. Figueiredo de relatos

“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.