O 24 de maio, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Lino García Salgado presenta Kamikazes, publicado por Medulia. Brais G. Cortón acompañará o autor coa súa guitarra. As persoas interesadas poden anotarse aquí.
Arquivos da etiqueta: Lino García Salgado
Guiritiz: II Festival de Poesía Guitirica, do 1 ao 3 de xullo
Betanzos: presentación de Kamikazes, de Lino García Salgado
Compostela: actividades do 4 de maio da Feira do Libro 2022
Lino García Salgado: “Cando fuximos do pasado estamos a perverter o futuro”
Entrevista de Belén Bouzas a Lino García Salgado en Nós Diario:
“”Ten perigo vérmonos tecendo abelorios / diante da tortura”, cal kamikazes. Eis o título do último libro de poemas que Lino García Salgado vén de publicar en Medulia. Un canto contra a non-sociedade que devora o mundo de hoxe. Tamén unha homenaxe “a todas esas facetas apartadas da luz”.
– Nós Diario (ND): Case 10 anos da publicación do seu último poemario, Melíflua Moradía, chega Kamikazes, que ve luz en Medulia. Unha agardada espera.
– Lino García Salgado (LGS): Son nove anos de silencio. A publicación de Melíflua Moradía coincidiu co nacemento de Uxía, a miña segunda filla, e despois diso entrei nunha época de complicacións. Mais seguín escribindo, pouco a pouco, e con eses poemas que tiña, creados ao longo deste tempo, nace Kamikazes.
Necesitaba sacar este libro, que é unha especie de recompilatorio deses poemas que presentaban o mesmo tipo de temática.
– ND: “Kamikazes pretende render homenaxe a todas esas facetas apartadas da luz, mostrar un dinamismo oculto para facernos sentir útiles”, escribe na presentación.
– LGS: Kamikazes é unha especie de homenaxe a toda esa xente que segue loitando, que loitou e que loitará. Mais non a eses que están en primeira liña nin en segunda liña, senón a todas esas loitas que son, en moitos casos, silenciosas, da xente que está a pé dereito, á súa maneira, porque cada loita é única e imprescindíbel.
Non só importan os que están diante, senón tamén os que están detrás e incluso os que non se ven. Hai moita xente que está nesa tesitura e creo que merecían unha homenaxe, unha voz…
– ND: Kamikazes móstrase dividido en catro libros. “Libro I. Trapos” arranca cun “nada hai libre nesta cidade”. Aquí están presentes o abandono, o suicidio (“utopicamente suicidas”, escribe), a penumbra… Desde o “nós”. É unha sociedade en decadencia, pasiva, onde “o tempo non nos é propio”.
– LGS: Escribo sobre o que observo, unha percepción do que vexo día a día. Fálasme de sociedade, mais sigo dicindo que a sociedade non existe. Non existe ese concepto da sociedade como antigamente.
Antes a sociedade era a posta en conxunto duns valores, duns traballos ou dunhas riquezas… para axudarse uns a outros. Agora estamos, terribelmente, nun tempo moi individualista no que se existe o concepto de sociedade é única e exclusivamente en temporadas e para casos puntuais. Non percibo que ese concepto da sociedade se poida transmitir aos días de hoxe.
Aquí abordo o abandono. Vémolo na propia estrutura das cidades, ou na estrutura da xente dentro das cidades, onde cada persoa vai ao seu aire… Non existe un nexo de unión. Hai moitas veces condutas que nos levan ao suicidio, nun sentido metafórico, á desconexión do resto, a cometer actos que non serían moi normais se realmente existise a sociedade en si.
“Trapos” porque, ao final, é o que somos, monicreques. Poucas opinións hai fundadas ou propias. Parece que somos altofalantes, que reproducimos sistematicamente o que nos están transmitindo ou metendo todos os días polos medios de comunicación. (…)”
En tinta negra vencedora do Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual 2020
Desde Nós Diario:
“Na mañá do domingo 22 de novembro, o xurado do Certame de Microrrelatos reuniuse de maneira telemática para escoller a obra gañadora entre as 101 presentadas e as nove que chegaron até a final.
A peza En tinta negra, de Alma Alonso Costas (alias Moanne), de Gondomar, foi a vencedora, cun premio de 250 euros e mais a publicación do relato; seguida por Xaora, unha obra de Sabela D. Núñez (co pseudónimo Ollomao), de Muimenta, que percibirá 150 euros, e tamén verá editado o seu relato.
O xurado do certame organizado por Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, quixo destacar “o nivel dos relatos presentados sendo, máis difícil o labor da escolla das obras premiadas”.
Así, os textos presentados analizáronse desde varios puntos de vista, tendo en conta a vertente lingüística, a construción do microrrelato, o seus ritmo e profundidade e, por suposto, a mensaxe de diversidade sexual, motivación do certame.
Sobre En tinta negra, de Alma Alonso, o xurado explicou que nela “a palabra ten un poder fascinante”. “Durante séculos as persoas con identidades sexuais diferentes á norma víronse na necesidade de interpretar as palabras para tentar ver a vida nelas”, di o xurado.
“En tinta negra logra capturar o poder liberador de atopármonos nesa palabra impresa, na que se mostra un golpe emocional capaz de sentírmonos libres, sentírmonos acompañadas, sentírmonos válidas”, recalcan.
Da obra tamén destacan que se desenvolve “cunha prosa limpa e áxil que promete un camiño despexado no que os actos cotiáns e mecánicos van ligados directamente ao poder da liberdade”.
“Enmarcar a acción no sistema educativo fai que a lección sexa máis profunda aínda e deixa un regueiro de aprendizaxe para os presentes futuros” comentan, para engadir que “a tinta que tantas veces se ten usado para marcar as diferenzas é un antagonismo propio do relato, a mellor metáfora da disfunción coa que, acotío, nos presentamos neste mundo real e inxusto”.
Arredor de Xaora, de Sabela Núñez, o xurado destacou o “magnetismo” do microrrelato e mais “a súa sinxeleza e a perspectiva que nos dá do tempo”.
Segundo a persoas que analizaron e premiaron Xaora, a diversidade sexual non se mostra como algo novidoso ou patente neste mundo contemporáneo se non que os nosos devanceiros, perdidos na historia oculta, xa practicaban sen ningún tipo de traba até o nacemento do mundo moderno.
E de aí o interese da obra, que “lembra a existencia destas hoxe chamadas “distopías” a través de tres xeracións dunha familia e a importancia que ten este código xeracional á hora da educación do futuro”.
O concurso estivo aberto entre o 23 de setembro e o 23 de outubro de 2020, e nel participaron un total de 101 obras, das que nove chegaron á final, entre elas, ademais das gañadoras, contáronse os títulos: Os vagalumes do Misurina, Metamorfose das bolboretas, O jardín dos iguais, O lique dos bicos, Solange, Bolboretas de liberdade e Disidentes.
O xurado estivo composto pola escritora e tradutora, Ánxela Gracián; Cathaysa Veiras, en representación do Colectivo LGBT + Lugo; Cristina Palacios, da Asociación Arelas; Montserrat González, da área de Cultura da Deputación de Lugo; Xácia Ceive, de Sete Outeiros; o escritor Alberte Momán; e a redactora de Nós Diario, Belén Bouzas. Con voz pero sen voto, actuou Lino García, tamén de Nós Diario, secretario do xurado.”
Cuestionario Proust: Lino García Salgado
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lino García Salgado:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan amizades verdadeiras, por riba do tempo.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, aínda que por veces se convirta nunha guerra.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Rexentar unha libraría con salón de presentación para todo o mundo que a precise.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A ignorancia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ha, ha…, músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquel no que non teña que facerme esta pregunta.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Margaridas brancas.
12.– O paxaro que prefire?
– O peto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bufff, Mario Benedetii, José Luis Sampedro, Xabier López ou Xurxo Borrazás.
14.– E na poesía?
– Bufff outra vez. Aquí tiro pola casa: Eli Ríos, Eduardo Estévez, Lino Braxe, Alberte Momán, Verónica Martínez Delgado, etc., etc… Perdón por nomear moitos máis e merecidos (Estevo Creus, Xabier Cordal…) e os de sempre: Manuel María, Uxío Novoneyra, Lois Diéguez, Marica Campo, Xosé Vázquez Pintor…
15.– Un libro?
– La tregua, de Mario Benedetti.
16.– Un heroe de ficción?
– O meu alter ego ou o meu avatar en versión triunfadora, ha ha. Non sei… Trancos, do Señor dos Aneis.
17.– Unha heroína?
– Rosalía de Castro e…, todas as nais.
18.– A súa música favorita?
– Silvio Rodríguez.
19.– Na pintura?
– Paul Cézanne e unha amiga que dará que falar: Arantza Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os pais e nais.
21.– O seu nome favorito?
– Roi.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– O mesmo, a mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tamén hai moitas, pero prefilo esquecelas.
25.– Un feito militar que admire?
– Poucos, pero quedariame con aqueles que non chegaron a ser militares, aqueles que o pobo parou como a Revolución dos Cravos. Hai máis pero…, supoño que abonda con un.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ser máis positivo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha, ha, ha. Pero supoño que cun libro na man e soñando que estou nel, que formo parte del.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Apoucado, negativo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A tristeza, se se pode catalogar como defecto.
30.– Un lema na súa vida?
– Levantarse de novo, aínda que nunca o digo en voz alta.”